George Smith Patton Jr., nado en San Gabriel (California), o 11 de novembro de 1885 e finado en Heidelberg (Alemaña) o 21 de decembro de 1945, coñecido tamén como o xeneral Patton, foi un oficial do exército dos Estados Unidos. Comandou o 7º Exército dos Estados Unidos nos teatros de operacións de Europa e do Mediterráneo durante a segunda guerra mundial, aínda que é máis coñecido por liderar o 3º Exército dos Estados Unidos en Francia e Alemaña trala invasión de Normandía por parte dos Aliados en xuño de 1944.
Nado en 1885 no seo dunha familia cunha longa tradición militar, Patton asistiu ó Instituto Militar de Virxinia e posteriormente á Academia Militar dos Estados Unidos en West Point. Participou nos Xogos Olímpicos de 1912 na disciplina de péntatlon, acadando a quinta posición. Tras esta participación, Patton estudou esgrima en Francia e deseñou o Sabre de Cabalaría M1913, que pasaría a ser coñecido como a "Espada Patton" e do que o Departamento de Guerra ordenou producir 20 000 unidades en 1913. Nese mesmo ano Patton foi destinado como "Mestre da Espada" e principal instrutor dun novo curso de loita con espadas na Mounted Service School de Fort Riley, Kansas.
A súa primeira participación militar tivo lugar durante a Expedición Pancho Villa en 1916, formando parte da primeira acción militar estadounidense que utilizou vehículos a motor. Uniuse posteriormente ó naquel entón recentemente creado Corpo de Tanques da Forza Expedicionaria dos Estados Unidos, participando na primeira guerra mundial comandando a escola estadounidense de tanques en Francia e recibindo unha ferida mentres lideraba un corpo de tanques durante un combate cara ó final da guerra. Durante o período de entreguerras Patton mantívose como unha figura central no desenvolvemento da doutrina de guerra blindada do exército estadounidense, servindo en diversos postos administrativos por todo o país. Tras varios ascensos, atopábase no mando da Segunda División Blindada no momento en que os Estados Unidos entrou na segunda guerra mundial.
Patton liderou as tropas estadounidenses no Mediterráneo cunha invasión de Casablanca durante a Operación Torch en 1942, establecéndose como un comandante efectivo trala súa rápida rehabilitación do 2º Corpo do Exército. Liderou o 7º Exército durante a invasión aliada de Sicilia, sendo o primeiro comandante aliado en chegar a Messina. Alí viuse involucrado nunha controversia cando lle propinou unha labazada a dous soldados en estado de shock que estaban baixo o seu mando, polo que foi temporalmente destituído do mando. Retornou ó mando do 3º Exército trala invasión de Normandía en xuño de 1944, liderando con éxito o rápido avance blindado dos Aliados a través de Francia. Liderou a liberación das tropas estadounidenses asediadas no asedio de Bastogne durante a batalla das Ardenas, chegando co seu 3º exército a territorio da Alemaña nazi cara ó final da guerra.
Trala guerra pasou a ser o gobernador militar de Bavaria, pero foi destituído deste posto tralas súas afirmacións sobre a desnazificación. Pasou a comandar o 15º Exército dos Estados Unidos durante pouco máis de dous meses, falecendo en Heidelberg o 21 de decembro de 1945 como resultado das feridas sufridas nun accidente automobilístico doce días antes.
A súa imaxe peculiar xunto coa súa personalidade ambiciosa e enerxética, así como o seu éxito como comandante militar, víronse en diversas ocasións escurecidos polas súas controvertidas declaracións públicas e algunhas afirmacións privadas racistas e antisemitas. A súa filosofía de liderar dende a fronte e a súa capacidade para inspirar as tropas con discursos cheos de vulgaridades, como por exemplo o seu discurso ó 3º Exército, fixeron que recibise unha consideración favorable, mentres que a súa énfase nas accións militares ofensivas rápidas e agresivas resultaron ser efectivas no transcurso da guerra. Mentres que os líderes Aliados mantiñan opinións moi diversas sobre Patton, os seus opoñentes do Alto Mando Alemán tiñan unha gran consideración del. O filme biográfico de 1970 Patton acadou unha gran popularidade e axudou a que Patton pasase a ser considerado un heroe popular para os estadounidenses.
Xuventude e educación Patton foi o fillo primoxénito de George Smith Patton Sr. e Ruth Wilson. Tivo unha irmá máis nova, chamada Anne. A súa familia era de ascendencia irlandesa, escocesa-irlandesa, inglesa e galesa. A súa bisavoa pertencera a unha familia de aristócratas galeses, descendentes de lores galeses de Glamorgan. Durante a súa vida Patton sostivo que en vidas anteriores fora un soldado e amosouse orgulloso de posuír ligazóns místicas cos seus devanceiros. Aínda que sen ser descendente directo de George Washington, Patton trazaba parte das súas raíces coloniais ó bisavó de George Washington, así como a descendentes de Eduardo I de Inglaterra e a Filipe III de Francia. A crenza familiar mantiña que os Patton eran descendentes de dezaseis dos baróns asinantes da Carta Magna.
Patton era descendente de Hugh Mercer, morto na batalla de Princeton durante a Revolución Americana. O avó por parte de pai de Patton era o Coronel George Smith Patton, quen comandara o 22º Rexemento de Infantaría Confederada de Virxinia baixo as ordes de Jubal Early durante a guerra civil estadounidense e falecera na terceira batalla de Winchester, mentres que o seu tio avó o Coronel Waller T. Patton falecera mentres lideraba o 7º Rexemento de Infantaría Confederada de Virxinia na Carga de Pickett durante a batalla de Gettysburg. O pai de Patton graduouse no Instituto Militar de Virxinia, pasando a exercer de avogado e posteriormente de fiscal do distrito no condado dos Ánxeles. O avó por parte de nai de Patton fora Benjamin Davis Wilson, quen fora alcalde dos Ánxeles e obtivera grande éxito financeiro como comerciante. A súa familia era acomodada, e Patton pasou a súa infancia na súa propiedade familiar de 800 hectáreas.
miniatura|esquerda|Patton no Instituto Militar de Virxinia De neno tivo dificultades para ler e escribir, mais conseguiu superalas posteriormente, chegando a coñecérselle como un ávido lector na súa vida adulta. Segundo os historiadores Carlo D'Este e Alan Axelrod estas dificultades foron probablemente o resultado dunha dislexia non diagnosticada. Recibiu educación na casa ata que cumpriu os once anos de idade, cando se alistou na Stephen Clark's School for Boys, unha escola privada de Pasadena, pasando alí os seus seguintes seis anos. Alí describiron a Patton como un neno intelixente e versado na historia militar clásica, particularmente en Haníbal, Escipión o Africano, Xulio César, Xoana de Arco e Napoleón, así como do amigo da familia John Singleton Mosby, quen adoitaba visitalos cando el aínda era un neno. Foi naquel entón cando se converteu tamén nun asiduo practicante da equitación.
Durante unhas vacacións familiares á Illa Santa Catalina en 1902, Patton coñeceu a Beatrice Banning Ayer, filla do industrial de Boston Frederick Ayer. Casaron o 26 de maio de 1910 en Beverly Farms, Massachusetts, e tiveron tres fillos, Beatrice Smith (nada en marzo de 1911), Ruth Ellen (nada en febreiro de 1915), e George Patton IV (nado en decembro de 1923).
Patton nunca chegou a considerar seriamente unha carreira que non fose dentro do exército. Cando tiña dezasete anos escribiulle unha carta ó senador Thomas R. Bard, procurando unha reunión para entrar na Academia Militar dos Estados Unidos, e Bard indicoulle que debía completar un exame de admisión. Temendo obter un pobre resultado neste exame, Patton inscribiuse en varias universidades que contaban con programas de Corpos de Adestramento de Oficiais de Reserva. Patton foi admitido na Universidade de Princeton pero finalmente decidiu inscribirse no Instituto Militar de Virxinia. Asistiu a este instituto de 1903 ata 1904, con problemas na lectura e na escritura pero cunha gran cualificación nas inspeccións de uniforme e aparencia así como nos exercicios militares, o que lle gañou a admiración dos seus compañeiros cadetes e o respecto dos estudantes máis vellos ca el. O 3 de marzo de 1904, tras varias cartas enviadas por Patton e un bo resultado no exame de admisión, Bard recomendouno para a súa entrada en West Point.
No seu primeiro ano en West Point Patton conseguiu adaptarse con facilidade á rutina militar. Porén, os seus resultados académicos seguían sendo malos e tivo que repetir o seu primeiro ano tras suspender matemáticas. Pasou as vacacións de verán estudando, amosando unha mellora substancial á súa volta á academia. Durante o resto da súa carreira na academia Patton destacou nos exercicios militares, pero os seus resultados académicos mantivéronse na media. Pasou a ser cadete sarxento maior no seu ano júnior, e a cadete adxunto no seu ano sénior. Tamén comezou a xogar co equipo de fútbol americano da academia, pero sufriu unha lesión no brazo e deixou o equipo, pasando a facer unha proba para o equipo de esgrima e o de atletismo, e converténdose rapidamente nun dos mellores espadachíns da academia. Patton graduouse no posto 46 de 103 o 11 de xuño de 1909 e foi destinado como tenente segundo no corpo de Cabalaría dos Estados Unidos.
Oficial júnior O primeiro destino de Patton foi no 15º Rexemento de Cabalaría en Fort Sheridan, Illinois, onde se estableceu como un líder enérxico, impresionando os seus superiores coa súa dedicación. A finais do ano 1911 Patton foi trasladado á Fort Myer, Virxinia, xunto coa maioría dos líderes sénior do exército. Alí comezou unha amizade co Secretario de Guerra Henry L. Stimson, servindo con el en diversos labores sociais a maiores das súas obrigas regulares como contramestre da súa tropa.
Participación nos Xogos olímpicos de 1912 miniatura|dereita|Patton (á dereita) na competición de esgrima do péntatlon dos Xogos Olímpicos de 1912 Patton foi seleccionado como o representante do exército para a primeira edición do péntatlon moderno nos Xogos Olímpicos de 1912 de Estocolmo, Suecia. Dos 42 participantes na proba, Patton terminou vixésimo primeiro no campo de tiro, sétimo en natación, cuarto en esgrima, sexto en equitación e terceiro na carreira a pé, rematando na quinta posición final e sendo o primeiro non sueco. Tivo lugar certa controversia en relación coa súa actuación na competición de tiro con pistola, onde empregou unha pistola de calibre .38 mentres que a maioría dos outros competidores escolleran armas do calibre .22. Patton afirmou que os furados no papel dos seus primeiros disparos eran tan grandes que algunhas das balas disparadas posteriormente pasaron a través deles, pero os xuíces da proba decidiron que non alcanzara a diana nunha ocasión. De ser isto correcto, Patton tería gañado unha medalla no evento. Malias protestas a decisión dos xuíces mantívose, e Patton só comentou o seguinte:
Deseño da "Espada Patton"