Daniel Castro Barcala, coñecido como Dani Castro, nado nas Pontes o 19 de abril de 1997, é un arqueiro galego que compite en tiro con arco na modalidade de arco recurvo.

Traxectoria Comezou a practicar tiro con arco xunto á súa irmá Cristina na súa vila natal, no club Sílex, onde tivo como compañeiros entre outros a Miguel Alvariño e Gema Buitrón. Baixo a batuta do adestrador Manuel Buitrón logrou en 2014 o seu primeiro campionato de España en categoría cadete, así como o campionato de Galicia xuvenil de recurvo.

No 2017 trasladouse a Madrid, cunha bolsa para entrar na Academia Blume, onde se puxo ás ordes dos técnicos da Federación Española de Tiro con Arco. En febreiro de 2018 proclamouse campión de España de sala por equipos, xunto a Miguel Alvariño e Vicente Veira, mentres que a nivel individual acabou cuarto. En xullo do mesmo ano, no campionato de España absoluto celebrado en Santander, conseguiu o bronce na categoría individual, por detrás de Alvariño e Pablo Acha. Xunto a eses dous arqueiros integrou a selección española que competiu durante os seguintes anos na Copa do Mundo e os Xogos Europeos de 2019 en Minsk.

Miguel Alvariño gañou inicialmente a praza española para acudir aos Xogos Olímpicos de 2020 en Tokyo, pero tralo adiamento destes por mor da pandemia de COVID-19, a Federación puxo a praza de novo en xogo, sendo esta para Dani Castro, que en abril de 2020 gañou a medalla de prata na proba individual da Copa do Mundo celebrada na Cidade de Guatemala. Xa en Tokyo comezou disputando a proba de clasificación para a competición de dobres mixto, facendo parella con Inés de Velasco, pero acabando no posto 21º, cando só os 16 primeiros accedían á competición.

Notas

Categoría:Nados en 1997 Categoría:Nados nas Pontes de García Rodríguez Categoría:Arqueiros olímpicos de Galicia Categoría:Arqueiros nos Xogos Olímpicos de 2020