Babilonia (en lingua acadia - babilonia Bābili ou Babilim) foi un antigo imperio localizado na rexión central-meridional de Mesopotamia, con centro na cidade de Babilonia e que chegou a estenderse por Acad e Sumeria, arrebatando a hexemonía ás dinastías amorritas de Isin e Larsa do chamado renacemento sumerio. A súa historia divídese en dúas etapas principais, separadas entre si polo período de dominación asiria; o Imperio Paleobabilónico ou Amorrita (1792 a. C. - 1595 a. C.) e o imperio neobabilónico ou caldeo (626 a. C. - 539 a. C.). O Imperio Babilónico foi sucedido polo Imperio Persa tralas conquistas de Ciro II o Grande.
En Babilonia falábase o acadio (lingua semítica) e mantivo a linguaxe escrita acadio para uso oficial (lingua da súa poboación nativa), a pesar dos seus fundadores, os amorreos e os seus sucesores os casitas, que non tiñan o acadio como lingua nativa. Con todo, conservou a lingua sumeria para o uso relixioso, a pesar de que no momento en que se fundou Babilonia, probablemente xa non era unha lingua falada. As antigas tradicións acadias e sumerias tiveron un papel importante nas culturas babilonia e asiria, e a rexión continuou a ser un importante centro cultural, mesmo en períodos prolongados de gobernos externos.
Etimoloxía e referencias históricas A forma galega do topónimo, Babilonia, provén do grego Babylon, a través do latín Babylonia. Ambas reflicten o termo acadio Babilum, que significa "a porta de Deus". No libro bíblico da Xénese é chamada Babel.
Entre as fontes clásicas sobre Babilonia destacan: Heródoto (século V a. C.), menciónaa na Historia. Entre outras, narra o matrimonio sacro dunha sacerdotisa cun deus, celebrado nun cigurat, mediante un ritual para asegurar a prosperidade do lugar. Sobre as súas murallas, dicía que eran tan largas na súa superficie, que un carro tirado por oito cabalos podía dar a volta nelas. Beroso o Caldeo (século III a. C.), sacerdote babilónico, que na súa crónica en grego Babiloniaka, deixou unha historia de Babilonia, aínda que só se conservaron citas. Plinio o Vello (século I), na súa obra Naturalis Historia, falaba de Babilonia polo seu sistema de regadío como o ager totius orientis fertilissimus («a terra máis fértil de todo o Oriente»).
Historia
Imperio Amorreo ou Paleobabilónico Os amorreos establecéronse entre os ríos Tigris e Éufrates, facéndose sedentarios e mesturándose coa poboación sumeria; como consecuencia, subiron ao poder dinastías de orixe amorrea en varias cidades do centro e do sur de Mesopotamia.
A máis importante foi Babilonia, xa que o propio Hammurabi debía ser amorreo. Aos inicios do imperio paleobabilónico a poboación era pois unha mestura acadia e amorrea.
Os amorreos que seguiron a ser nómades foron contidos facilmente ao principio mais segundo o imperio de Ur III foi perdendo o seu poder, estes foron volvéndose máis perigosos.
Coa caída de Ur III e finalizada a época de dominio sumerio, comezou unha época en que os semitas chegaron a ter a maior importancia grazas a pobos como os acadios ou os amorreos. Os elamitas apenas gozaron a súa conquista.
Os grandes vencedores da caída de Ur foron primeiro os acadios do Reino de Isin e despois os amorreos, que nun século encheron Mesopotamia de reinos, quedando o que foi o imperio de Ur fragmentado en numerosos reinos amorreos e acadios con capitais en cidades que ata ese momento tiveran pouca importancia.
Na alta Mesopotamia, a cidade de Asur cos reis de orixe amorrea comezou a gañar importancia tras vencer nunha guerra polo control das rutas comerciais a Ešnunna e Mari. miniatura|180x180px|O Código de Hammurabi é a primeira lei escrita da que se ten constancia. A figura superior mostra o propio Hammurabi en posición humilde ante Šamaš, deus do Sol. Baixo ela están escritas case 282 leis con obxecto de rexer as decisións dos xuíces. Erixida orixinalmente no templo da cidade de Sippar, na beira do Éufrates, foi trasladada a Susa por Shutruk-Nakhunte en 1200 a. C. Actualmente atópase no Museo do Louvre de París. Situada a ambas as beiras do Éufrates, a cidade de Babilonia mantivo na súa orixe unha posición moderada, baixo a sombra da veciña e máis poderosa Kiš. Comezou a aumentar a súa importancia coa chegada dos amorreos entre o 2000 e o 1800 a. C., que acabaron por erixirse como reis da cidade.
Os amorreos, tamén semitas, adaptáronse facilmente á lingua acadia, propiciando o declive do sumerio. Tamén asumiron con facilidade o panteón mixto sumerio-acadio, rendendo culto a Marduk, deidade protectora da cidade.
Arredor de 1782 a.C. chegou ao trono o sexto membro desta dinastía, Hammurabi. Nese tempo ao norte e ao sur da cidade atopábanse os territorios das cidades de Assur (que posteriormente deu nome a Asiria) e Larsa, máis poderosas pero con monarcas envellecidos. En 1763 a. C., Hammurabi venceu a Rim-Sen de Larsa, apoderándose da parte sur de Mesopotamia. En 1755 a. C. conquistou igualmente Asus, facéndose co poder de todo o val dos ríos Tigris e Éufrates. Co triunfo de Babilonia sobre o resto de Mesopotamia, tamén o seu deus principal, Marduk, foi alzado á cabeza do panteón dos deuses locais.
Contra 1800 a. C. comezaron a producirse unha serie de invasións nómades provenientes do norte do Cáucaso e de Escitia. O ataque por parte de nómades á rexión fora unha constante durante os séculos anteriores, mais coa domesticación do cabalo e a súa utilización para o tiro de carros de guerra, os nómades conseguiran unha vantaxe militar que lles permitiu entrar na zona.
Un destes grupos foron os hurritas, que ocuparon gran parte do territorio que Asiria conquistara durante o reinado de Šamši-Adad I, fundando o reino de Mitanni contra 1500 a. C. e convertendo os asirios en subsidiarios seus. Tamén se estenderon por Canaán, onde fundaron algúns reinos, chegando ata Exipto, onde conquistaron a parte norte e foron coñecidos como hicsos.
Outro destes grupos foron os hititas, que se estableceron na parte oriental de Anatolia a partir de 1700 a. C. fundando o coñecido como Antigo Reino. A lingua hitita era de orixe indoeuropea, o cal non lles impediu adoptar a escrita cuneiforme dos acadios.
Durante os anos seguintes, os hititas e os hurritas enfrontáronse no norte de Mesopotamia. Arredor do 1600 a. C., durante o reinado de Mursili I os hititas derrotaron os hurritas, dominando Asiria e facendo incursións en Babilonia, á que reduciron ata as dimensións anteriores ás conquistas de Hammurabi. Este período coincidiu coa entrada dos nómades casitas provenientes dos montes Zagros, que aproveitaron o enfraquecemento de Babilonia para atacala. Finalmente tomaron a cidade en 1595 a. C.
Babilonia dos casitas esquerda|miniatura|Babilonia durante a dinastía casita, século XIII a. C. miniatura|275x275px|A pedra Michaux é un kudurru pertencente ao período da dominación casita de Babilonia. Está escrita en acadio con símbolos cuneiformes. Descuberta en 1782 polo botánico francés Michaux, foi o primeiro testemuño da civilización mesopotámica que chegou á Europa moderna. Os casitas non tardaron en adoptar a lingua e a relixión do territorio que ocuparon, restaurando mesmo o templo de Marduk de Babilonia. Contra 1330 a. C. reconstruíron Ur.
Mentres, os antigos invasores nómades continuaron a ser expulsados do resto dos territorios. Así, contra 1580 a. C. os nativos exipcios derrotaron os hicsos do baixo Exipto e seguiron o seu avance alén do Sinaí, derrotando durante o reinado de Thutmose III unha confederación de cidades cananeas na batalla de Megido, en 1479 a. C. Posteriormente seguiron cara ao norte, derrotando o reino de Mitanni, ao cal obrigaron a render tributo. Trala morte de Thutmose III, Exipto perdeu forza no norte, rexurdindo os hititas, que formaron cara a 1375 a. C. o chamado Novo Reino.
En Asiria, Ashur-uballit I chegou ao trono en 1365 a. C. e emprendeu unha serie de reformas ata constituír o chamado Primeiro Imperio Asirio. O seu sucesor atacou Mitani, saqueando a súa capital no século XVI a. C. e conquistando o resto do territorio nos trinta anos seguintes. En 1274 a. C. subiu ao trono asirio Salmanasar I, quen emprendeu unha serie de conquistas cara ao oeste, chegando ata a fronteira do reino hitita. O seu sucesor Tukulti-Ninurta I ampliou as fronteiras polo norte, penetrando no Cáucaso e polo leste, cara aos montes Zagros.
Finalmente, o monarca asirio dirixiuse cara ao sur, cara aos territorios administrados polas casitas, entre os que se atopaba Babilonia. Os casitas foron vencidos e obrigados a pagar tributos ao rei de Asiria.
Cara a 1200 a. C. comezaron a chegar vagas duns novos invasores provenientes do Mediterráneo. Foron coñecidos como Pobos do Mar e a súa presenza sentiuse practicamente en todas as rexións do Mediterráneo oriental. O pobo que se viu máis afectado por estas invasións foi o hitita, cuxo imperio, previamente debilitado pola expansión asiria, foi completamente destruído por elas. Os Pobos do Mar tamén danaron tanto Exipto como Asiria, polo que Babilonia e especialmente o reino de Elam, no extremo oriental de Mesopotamia, se viron beneficiados.
Os elamitas aproveitaron a situación marchando cara ao oeste, tomando Babilonia e as cidades veciñas. En 1174 a. C. levaron da cidade as táboas que contiñan o código de Hammurabi e a estela de Naram-Sen.
1124 a. C. foi o ano que viu o fin da dinastía casita, coa toma do poder dun nativo babilonio, Nabucodonosor I. O novo rei derrotou os elamitas, iniciando un breve período de independencia para a rexión.
Dominio asirio Cara ao 1300 a. C. nas montañas do Cáucaso desenvolveuse un novo tipo de metalurxia, a do ferro. Durante ese período a rexión fora controlada polos hititas, mais coa súa caída, o manexo do novo metal pasou aos asirios.
É posible que o dominio desta nova técnica contribuíse ás posteriores vitorias militares dos asirios, ao dotarlles de armas máis resistentes que as dos seus pobos veciños e proporcionarlles un ben valioso co que comerciar. Sendo ou non así, en 1115 a. C. chegou ao trono asirio Teglatfalasar I, quen emprendeu unha campaña de conquistas ata recuperar o territorio dominado durante o reinado de Tukulti-Ninurta I. En 1103 a. C. atacou e venceu a Nabucodonosor I de Babilonia.
Contra o século XII a. C. emerxeu do deserto de Arabia un novo pobo semita, os arameos. Durante o reinado de Teglatfalasar I, Asiria conseguiu mantelos fóra das súas fronteiras, mais trala súa morte, os arameos comezaron a penetrar no país, debilitándoo durante o século e medio seguinte. Esta situación foi aproveitada polos pobos veciños para fortalecerse. Foi o período de auxe do reino de Israel (reinado de David) e do reino de Damasco.
O 911 a. C. Adad-nirari II ascendeu ao trono de Asiria e tras reorganizar o exército conseguiu derrotar os principados que fundaran os arameos. A este rei sucedeuno Tukulti-Ninurta II, que só reinou cinco anos. Durante ese período incrementouse a explotación e as subministracións de ferro dispoñibles, o cal permitiu equipar completamente o exército con armas dese metal. Outro factor decisivo foi o desenvolvemento de maquinaria de asedio, como o ariete, que permitiu a derriba de murallas e polo tanto acabou coa necesidade de organizar longos asedios para conquistar as cidades.