Thomas Lincoln Casey Jr., nado o 19 de febreiro de 1857 en West Point, Estado de Nova York, e finado o 6 de febreiro de 1925 en Washington, D.C., foi un enxeñeiro militar do exército dos Estados Unidos de América, e un entomólogo que destacou polos seus traballos sobre os coleópteros.
Traxectoria Thomas Lincoln Casey Jr. foi o fillo máis vello do xeneral de brigada Thomas Lincoln Casey (1831–1896), que exerceu como xefe de enxeñeiros do Corpo de enxeñeiros do exército dos Estados Unidos e supervisou a conclusión do monumento a Washington.
Casey seguiu os pasos do seu pai e estudou na Academia Militar dos Estados Unidos en West Point.Ingresou na Academia en 1875 e graduouse como segundo na súa clase en 1879, cando recibiu o cargo de segundo tenente do Corpo de Enxeñeiros.
Foi ascendido a primeiro tenente en xuño de 1881, e a capitán en xullo de 1888. A partir de 1895 foi destinado á construción de fortificacións en Fort Monroe e na área de Hampton Roads en Virxinia. En xullo de 1898 ascendeu a maior, e supervisou a instalación de minas subacuáticas para defender Hampton Roads durante a Guerra hispano-estadounidense.
Despois da guerra serviu en Vicksburg, Mississippi de 1899 a 1901, e estivo á fronte das melloras do río Mississippi en St. Louis, Missouri, de 1901 a 1906.
En 1906 foi ascendido a tenente coronel e, en 1909, a coronel, e asignado como enxeñeiro secretario da Lighthouse Board até 1910. Casey retirouse do exército o 1 de novembro de 1912.George Washington Cullum (1920): Biographical register of the officers and Graduates U.S. Military Academy.
Obra científica Casey publicou numerosos artigos científicos sobre os coleópteros, e unha monografía, Memoirs on the Coleoptera (1910-1924).Brett Ratcliffe (2007): Scarab workers Lincoln: University of Nebraska.
Ademais, en malacoloxía, publicou, en 1904, "Notes on the Pleurotomidae with description of some new genera and species". Transactions of the Academy of Science of St. Louis 14 (5): 123-170, traballo no que describiu, entre outros taxons, a superfamilia de moluscos gasterópodos dos murquisoneloideos.
As súas coleccións atópanse no Museo Nacional de Historia Natural de Washington, D.C.
Tamén é coñecido polas súas achegas á astronomía.R. G. Aitken (1925): Thomas Lincoln Casey (1857-1925) en Publications of the Astronomical Society of the Pacific 37 (219): 265.
Abreviatura A abreviatura Casey emprégase para recoñecer a como autoridade na descrición e taxonomía en zooloxía.
Notas
Véxase tamén
Categoría:Científicos dos Estados Unidos de América Categoría:Militares dos Estados Unidos de América Categoría:Zoólogos dos Estados Unidos de América Categoría:Nados no condado de Orange, Nova York Categoría:Nados en 1857 Categoría:Finados en 1925