Ramiro Bravo Díaz, nado na Coruña o 29 de maio de 1962, é un ex-esgrimista galego. Especialista na modalidade de florete, foi campión de España e competiu nos Xogos Olímpicos de 1992 en Barcelona.

Traxectoria Comezou practicando judo no Club Shiai da Coruña, co que se proclamou campión de España cadete por equipos. En 1976 pasou á esgrima co mestre de armas Félix Rodríguez, e pronto destacou nas categorías inferiores, logrando un cuarto lugar no Campionato de España cadete de florete de 1977, o subcampionato sub-20 en 1981 e o campionato sub-20 en 1982.

Xa na categoría absoluta, en 1985 proclamouse subcampión de España de florete, por detrás do catalán Miquel Roca, e rematou o ano como número 1 do ránking nacional. En 1986 proclamouse campión, despois de derrotar na final a Javier Calvo. Nos seguintes anos participou no Campionato Mundial de Esgrima e foi preseleccionado para os Xogos Olímpicos de 1988, aínda que finalmente non foi elixido.

Competiu nos Xogos Olímpicos de 1992 en Barcelona, participando en dúas probas: florete individual e florete por equipos. Na proba individual eliminou na primeira rolda ao hongkonés Wu Xing Yao, caendo na segunda contra o húngaro Zsolt Érsek, medallista en Seúl 1988. Na repesca perdeu o seu enfrontamento contra o francés Patrick Groc, medallista nos Ánxeles 1984. Na proba por equipos participou co equipo español que completaban Andrés García, José Francisco Guerra, Andrés Crespo e Jesús Esperanza, quedando encadrados no grupo de Francia e o Equipo Unificado, e perdendo os enfrontamentos contra ambos equipos.

A partir de entón centrouse na súa labor como mestre de esgrima, traballo que levaba realizando dende había anos. En 1994 proclamouse en Graz campión do mundo de mestres de esgrima, na modalidade de florete.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Esgrima nos Xogos Olímpicos de 1992

Ligazóns externas Datos do esgrimista no sitio web oficial do Comité Olímpico Internacional .

Categoría:Nados en 1962 Categoría:Nados na Coruña Categoría:Esgrimistas de florete Categoría:Esgrimistas nos Xogos Olímpicos de 1992 Categoría:Esgrimistas olímpicos de Galicia