Noel López de la Fuente, nado en Silleda o 17 de marzo de 2003, é un futbolista galego, que xoga de dianteiro no Tenerife, da Segunda División.

Traxectoria Comezou a xogar ao fútbol en Silleda, chamando pronto a atención do Deportivo da Coruña, que o incorporou para a súa canteira. No club coruñés comezou no equipo benxamín B, pasando a continuación por todas as categorías do club, ademais de xogar cedido no San Tirso na tempada 2016/17.

Xa no equipo xuvenil, competiu na División de Honra nas tempadas 2019/20 e 2020/21. Na segunda delas anotou 13 goles en 22 partidos, contribuíndo a que o equipo acadase a primeira posición do Grupo 1. Deste xeito disputou a Copa de Campións en Marbella, onde anotou un gol nos cuartos de final contra o Las Palmas, forzando a prórroga, e dous dos tres goles do Deportivo na final contra o FC Barcelona (3-1), proclamándose así campión de España.

No verán de 2021 realizou a pre-tempada co primeiro equipo do Deportivo, adestrado por Borja Jiménez, xogando varios partidos amigables e marcando o seu primeiro gol contra o Arenteiro. Este gol fíxoo entrar na historia do Deportivo como o primeiro xogador en anotar en todas as categorías do club.

O 29 de agosto debutou co Deportivo en partido oficial, no primeiro encontro da tempada 2021/22 da Primeira División RFEF contra o Celta B en Riazor, que acabou con goleada coruñesa por 5-0. Entrou nos minutos finais como substituto de Miku, participou no cuarto gol que culminou Doncel, e marcou el mesmo o quinto e derradeiro tanto. Dúas semanas despois volveu disputar os últimos minutos do partido contra o Calahorra, facendo un novo gol. As súas boas actuacións no pouco tempo que dispoñía fixeron que gañase máis minutos e que disputase varios partidos como titular. Rematou a tempada cun total de 32 partidos, 12 deles como titular e 4 goles. Xogou os minutos finais dos dous partidos da promoción de ascenso, contra Linares e Albacete, na que o equipo non conseguiu o obxectivo de regresar a Segunda.

En xuño anunciouse a súa fichaxe polo Real Madrid Castilla, tamén da Primeira RFEF. Comezou a tempada 2022/23 sen demasiada presenza no equipo de Raúl e pouco despois sufriu unha lesión muscular que o deixou sen xogar varios meses. Recuperado dos seus problemas físicos comezou a entrar nas aliñacións do equipo, pechando a súa primeira campaña en Madrid cun total de 15 encontros, 7 deles como titular. A súa participación reduciuse aínda máis na tempada 2023/24, na que disputou só 141 minutos.

Ante a falta de minutos, no verán de 2024 saíu cedido ao Osasuna Promesas, da mesma categoría. No filial navarro tampouco conseguiu ter regularidade, disputando só 346 minutos repartidos en 16 encontros, con só dúas titularidades.

En agosto de 2025 anunciouse a súa fichaxe polo Tenerife, da Segunda División.

Selección española En setembro de 2021, uns días despois de debutar oficialmente co Deportivo da Coruña, fíxoo tamén coa selección española sub-19, xogando un partido amigable contra México.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

Datos do xogador en LaPreferente.com . Datos do xogador en BDFutbol .

Categoría:Nados en 2003 Categoría:Nados en Silleda Categoría:Futbolistas de Silleda Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Real Madrid Castilla Categoría:Xogadores do CA Osasuna B Categoría:Xogadores do CD Tenerife Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España sub-19