miniatura|page=79|Obras de Bécquer, t. I, 4ª ed., 1885, en DjVu. As Leyendas son un conxunto de narracións de estilo posromántico, escritas por Gustavo Adolfo Bécquer e publicadas entre 1858 e 1865. Estes relatos, cun carácter íntimo que evoca o pasado histórico, caracterízanse por unha acción verosímil, cunha introdución de elementos fantásticos ou insólitos. Foron publicadas en xornais madrileños da época como El Contemporáneo ou La América.

Bécquer e o Posromanticismo O Posromanticismo sitúase na segunda metade do século XIX, na transición entre o Romanticismo e o Realismo. Caracterízase por ser máis sentimental e intimista que o Romanticismo, co que o histórico e o lendario fican, así, nun segundo plano. Canto ao aspecto formal, créanse novas rimas e formas métricas.

Gustavo Adolfo Bécquer é un autor de lirismo intimista, sinxelo e refinado na forma para que transluza mellor o sentir profundo da súa obra.

A temática das lendas pódese dividir en tres:

Crime e castigo Perigos do ideal O poder do sobrenatural

Caracterízanse pola violación dun tabú para satisfacer o desexo propio, o que provoca o desencadeamento da traxedia.

Ao inicio de cada obra obsérvase que o narrador é un personaxe, que nalgunhas ocasións lle conta a historia a outro. Os personaxes están brevemente descritos, aínda que son principalmente homes valentes e namorados e mulleres fermosas e perversas. Caracterízanse polo amor á soidade e por dar prioridade ao espiritual fronte ao material, é dicir, os principios do espírito romántico. O lugar e o tempo son detallados a través dunha minuciosa descrición dos lugares. Para iso, bota man de adxectivos, recursos literarios e influencias do folclore europeo: estatuas que cobran vida, espíritos que regresan do alén e seres fantásticos. A influencia do sentimento nacionalista está, xa que logo, moi presente nas obras románticas.

A estrutura do argumento é común nas Leyendas. Divídese nunha introdución, que describe exhaustivamente a situación previa á traxedia; o corpo central, ou nó, cun narrador omnisciente, e un epílogo -desenlace-, en que se resolve a atmosfera de misterio e terror.

As influencias do Romanticismo, o Costumismo e o Posromanticismo conseguen que estas Leyendas adquiran un ambiente máis escuro. Con isto, Bécquer pretende espertar os medos ocultos de quen as le. O fondo das historias é un trazo claro do Romanticismo: un home que vaga por un mundo case descoñecido loitando por un ideal inalcanzábel, ideal que desaparece cando está no punto máis próximo a el.

As Leyendas

Maese Pérez, el organista Maese Pérez era un coñecido organista que tocaba cada día durante a misa. Porén, en Noiteboa, o maese non aparecía para a Misa do Galo. Como tardaba tanto, un inimigo seu quixo ocupar o seu posto. Nese intre apareceu o maese enfermo nunha cadeira de brazos alegando que, xa que sentía que non lle quedaba moito tempo de vida, gustaría de tocar o órgano. A misa transcorreu con normalidade e o órgano soou coma sempre. Porén, foise apagando aos poucos até que ficou en silencio. O home estaba morto sobre el.

Ao ano seguinte, o sucesor de Maese Pérez xurou, ao rematar a misa, que non o ía volver tocar. Pedíuselle á filla do maese que o tocase, malia que ela non quería, dicindo que vira sombras. No momento da consagración, a muller deu un berro dicindo que o seu pai estaba a tocar o órgano. E, en efecto, o órgano estaba soando só.

Los ojos verdes Esta Leyenda, publicada o 15 de decembro de 1861 en El Contemporáneo, está vencellada ás historias sobre os espíritos femininos demoníacos que habitaban no Moncayo. Un nobre, Fernando, que estaba de cacería, abateu un cervo que se coara na Fuente de los Álamos, un lugar da fraga que disque estaba maldito. Fernando acaba por entrar na procura do animal e no reflexo da auga viu uns ollos verdes que lle fixeron perder a razón. Dende entón, ía cazar todos os días, esperando descubrir a dona dos ollos.

Íñigo, o seu servente, intrigado polo comportamento de Fernando, pediulle que lle explicase o que estaba a pasar. Íñigo advertiuno de que se trataba do demo dese lugar. Fernando, facendo caso omiso do seu servente, volveu á fonte e atopou a muller dos ollos verdes, á que lle confesou o seu amor. Esta respondeulle que poderían estar xuntos, mentres se ía mergullando máis na auga. Tratando de seguila, Fernando caeu e afundiuse na fonte.

La ajorca de oro Pedro, un mozo namorado, rouba o brazalete de ouro das mans da Virxe na catedral, xa que a súa moza estaba moi desgustada por non o poder ter. Malia negarse ao principio, Pedro acabou por acceder, e pechou os ollos para non ver o que estaba a facer. Cando os abriu, as figuras do redor estaban a achegárselle, co que se desmaiou polo sobresalto. Cando foi atopado no chan coa xoia nas mans, só soubo dicir que a xoia era da Virxe. Pedro toleara tras cometer un delito por amor.

El Cristo de la calavera Esta Leyenda trasládanos á Reconquista. En Toledo, o rei de Castela manda celebrar un gran festín en honor aos cabaleiros que marchan loitar contra os mouros. Á festa asisten dona Inés de Tordesillas, unha dama moi fermosa, e mais Alonso de Carrillo e Lope Sandoval, dous cabaleiros namorados dela. Estes aproveitan que a ela lle cae unha luva para achegárense, e cada un termina colléndoa por un extremo. O seu enfrontamento resólvese grazas ao rei, quen, vendo a situación, decide ser el quen lle entregue a luva á dama.

Esa mesma noite, Alonso e Lope quedan para batérense. Camiñando por Toledo na procura dun lugar axeitado atopan un pendello cun Cristo e unha caveira iluminados por unha luz. Cando se dispoñían a comezar o duelo, apágase a luz. Volve acenderse cando baixan as espadas, e apágase outra vez cando as levantan. Os cabaleiros decátanse de que o seu duelo é contrario á vontade de Deus, co que se reconcilian. Ao volveren ao palacio, ven un home descolgarse furtivamente do balcón de dona Inés, e a esta despedíndose del inclinada sobre a varanda. A Alonso e a Lope escápaselles unha gargallada desde a sombra, o que fai fuxir ao amante de dona Inés. Ao día seguinte, ao despedir os cabaleiros que marchan á guerra, Inés decátase de que foi descuberta, xa que viu as miradas de burla da xente, especialmente de Alonso e de Lope.

La Rosa de pasión Daniel Leví, xudeu, descobre que a súa filla Sara está namorada dun cristián. Ante isto, a comunidade xudía comeza a conspirar, xa que os cristiáns son inimigos. Daniel, rancoroso e vingativo, reúne no día seguinte a comunidade xudía nunha igrexa abandonada, onde preparan unha cruz. Sara decátase e acode alí, onde, enfadada ao ver o que pretende o seu padre, dille que agora ten un novo pai, pois é cristiá. Ante isto, o pai, aínda máis anoxado, amarra a Sara á cruz e déixaa a mercé da comunidade, pois xa non a considera filla súa. Disque un día un arcebispo atopou unha flor fermosa nunca vista, recollida do muro da igrexa. Cavando na zona, atoparon os ósos dunha muller. A flor, que foi conservada, foi coñecida como a Rosa da Paixón.

El monte de las ánimas En Soria contan unha lenda situada no chamado Monte das Ánimas o día de Todos os Santos. Entre os Templarios e a nobreza de Castela, quen contribuíron a reconquistar a cidade aos árabes, deuse un conflito de intereses. Os Templarios tiñan coutado o monte onde reservaban caza e a nobreza realizou unha batida nese couto. Ante isto, houbo unha batalla entre ambos os bandos naquel monte, que pronto se encheu de cadáveres. Dende entón, seica a noite dos defuntos óese a campá da capela e espertan os espíritos daqueles mortos.

Beatriz e Alonso, curmáns, estaban a conversar. De socate, ela botou en falta unha banda azul que lle ía regalar a el, e decatouse de que a esquecera no Monte das Ánimas. Alonso, tentando mostrar valentía, malia o terror de ir alí nesa data, foi na procura da banda. Aquela noite, Beatriz rezou polo seu primo e pasou unha noite chea de pensamentos horríbeis. Ao amencer, a banda azul estaba ensanguentada na súa cama. Alonso fora devorado polos lobos. Beatriz, asustada, caeu morta cando viu a banda. Un cazador que pasou unha noite nese monte asegurou ver como os espíritos dos Templarios e os nobres sorianos perseguían a unha moza que daba voltas arredor da tumba de Alonso.

El beso Esta Leyenda toledana publicouse o 27 de agosto de 1863, en La América. Ao non atoparen aloxamento, un grupo de soldados franceses durante a guerra da Independencia pasou a noite nun convento medio ruinoso. Ao día seguinte, o capitán contou que apenas durmira por estar cunha muller de mármore. Os compañeiros burláronse del, ao que este responde convidándoos esa noite a iren beber ao convento e vela. Xa alí, o capitán falou das inscricións nas estatuas, e afirmou que se trataban dun marido e a súa dona. Tras isto, cuspiulle á figura masculina, dicíndolle que lle daba de beber, e tentou bicar a muller. Porén, antes de chegar a tocala, caeu ensanguentado e morto, supostamente ferido pola luva de mármore da estatua do home.

El Miserere Para arranxar os seus erros pasados, un músico decidiu crear o himno da dor do Rei Profeta, polo que foi escoitando distintos misereres. Cando cría que xa escoitara todo, contáronlle nunha abadía a historia dun mosteiro. Nel houbo un asalto en que morreron todos os monxes mentres cantaban o Miserere. Disque todos os anos as ruínas do mosteiro se alumeaban na noite dos acontecementos e escoitábase o canto lúgubre dos monxes mortos.

O músico decidiu ir e comprobalo na noite en que disque ocorrería. Atopou o mosteiro iluminado e os monxes cantando o Miserere, a quen se lles uniron os arcanxos. Finalizado o canto, o músico desmaiouse. Ao día seguinte regresou á abadía e pediu aloxamento durante o tempo que lle levase transcribir o Miserere. Cando o tiña case todo transcrito, finalmente foi incapaz de rematalo, o que o fixo tolear e morrer. Na actualidade, os freires aínda conservan o Miserere inacabado.

El caudillo de las manos rojas Pulo era un caudillo namorado de Siannah, a dona do seu irmán Tippot-Dheli, rei de Orisa. Unha noite, Pulo e Siannah foron descubertos e Pulo matou o seu irmán. Así, converteuse en rei e caeu sobre el a maldición dos amantes. Pulo tentou sen éxito liberarse da maldición, polo que lle pediu axuda a un sacerdote. Este díxolle que sería libre cando subise pola beira do Ganxes até chegar ao Tíbet. Alí lavaría as mans manchadas de sangue nun manancial. Durante toda a viaxe iría acompañado de Siannah e non poderían coñecerse.

Case no final do camiño, Siannah desapareceu misteriosamente e Pulo tivo que loitar contra a morte, Schimen. Vichenú, antagonista de Schimen, salvouno, e encargoulle outra tarefa, que unha vez cumprida liberarao e Siannah volverá. Pulo, impaciente, non logrou cumprir dita tarefa e decide suicidarse. Nese momento volve Siannah, quen será a primeira viúva india en botarse ao lume co cadáver do seu home.

La cruz del diablo Publicada no semanario La Crónica de Ambos Mundos o 21 e o 28 de outubro e o 11 de novembro de 1860. Uns excursionistas chegaron á aldea de Bellver, onde atoparon unha estraña cruz de ferro e pedra. Un deles preguntoulle por ela ao guía e este contoulle a historia.

A lenda di que, antano, o señor do Segre, tras loitar nas Cruzadas, sementara o pánico na aldea até a súa morte. Uns anos despois, ocuparon o castelo uns bandidos. Estes tomaron a armadura do señor e fixeron un pacto co demo para teren máis poder. Tras morreren estes bandidos, o demo tomou a armadura e causou o pánico en Bellver. Coa axuda dun ermitán, despoxaron o demo da armadura, e xunto con algúns perpiaños do castelo construíron a Cruz do Demo.

Creed en Dios