Pedro Henrique Nogueira Beda, nado en Campo Grande o 5 de marzo de 1989, é un futbolista brasileiro que xoga de dianteiro no Boiro.

Formouse na canteira do Flamengo e en 2008 foi traspasado ao SC Heerenveen, da Eredivisie. Tras non atopar un oco no equipo neerlandés, pasou nos seguintes anos por numerosos equipos dos Países Baixos, Brasil, Portugal, Marrocos e Bosnia e Hercegovina, ata chegar en 2014 ao fútbol español, onde militou en equipos da Segunda B e a Terceira División.

Traxectoria Nado en Aquidauana, no estado brasileiro de Mato Groso do Sur, aos 13 anos entrou na canteira do Flamengo, despois de comezar a xogar ao fútbol no humilde club SEDUC. Subiu polas diferentes categorías do club, sendo sempre o máximo goleador, pero non chegou a debutar co primeiro equipo no club.

En xuño de 2008 foi traspasado por 750.000 euros ao SC Heerenveen, da Eredivisie, onde asinou un contrato de dous anos. Xogou o seu primeiro partido como profesional o 27 de setembro de 2008, entrando como substituto de Roy Beerens nunha derrota por 2-4 contra o NAC Breda no estadio Rat Verlegh.

En xuño de 2009 saíu cedido ao FC Emmen por unha tempada. Disputou 17 partidos durante a campaña, marcando tres goles.

Durante os seguintes cinco anos pasou por varios equipos do Brasil, Portugal, Marrocos e Bosnia, nos que apenas disputou encontros: Corinthians, Bahia. Avenida, Moreirense FC, River, Olympique de Khouribga e Rudar Prijedor.

En xuño de 2014 chegou ao fútbol español, asinando co Lucena CF, da Segunda División B. Xogou media tempada no equipo andaluz, acadando a titularidade e marcando catro goles, ata que en xaneiro e por mor dos atrasos nos pagamentos, desvinculouse do club e fichou polo Lealtad, da mesma categoría. No equipo asturiano foi titular e marcou dous goles, e ao remate da campaña renovou por dous anos máis. Na tempada 2015/16 formou unha dupla goleadora con Espina, anotando 10 goles cada un.

No verán de 2016 fichou polo Boiro, tamén de Segunda B, por petición expresa do adestrador Fredi Álvarez para acompañar no ataque a Rubén Rivera. Marcou dez goles co club galego pero tralo descenso administrativo deste fichou polo Villanovense, onde militou durante media tempada, pasando logo ao Real Jaén, da Terceira División. No Jaén debutou cun gol e marcou un triplete contra o Melistar no seu segundo partido, facéndose rapidamente coa titularidade. O equipo acabou na terceira posición e disputou a fase de ascenso, na que Beda marcou un gol, pero caeu eliminado contra o Socuéllamos.

Para a tempada 2018/19 asinou co Linares Deportivo, tamén de Terceira. Disputou 33 encontros da liga regular e marcou 5 goles, contribuíndo á segunda praza do equipo. Xogou tamén a fase de ascenso, onde o Linares Deportivo eliminou a Tenerife B e Moralo, pero caeu na derradeira eliminatoria contra o La Nucía.

En xullo de 2019 volveu a Galicia, fichando polo Arousa, da Terceira División. No equipo de Rafa Sáez completou unha boa campaña, anotando 13 goles en 19 partidos antes de que a pandemia de COVID-19 paralizase a competición. Acompañado no ataque por Rober, o equipo acabou terceiro e disputou unha fase de ascenso reducida, xunto a Ourense CF, Compostela e Barco. O Arousa quedou encadrado co Ourense na primeira eliminatoria, na que Beda marcou un gol, pero a vitoria foi para o cadro ourensán (2-1). O futbolista brasileiro renovou co club de Vilagarcía por unha segunda tempada na que asinou 12 goles en 27 partidos, logrando o pase á nova Segunda División RFEF. Volveu renovar o seu contrato para a tempada 2021/22, comezando por primeira vez na súa carreira, unha terceira tempada nun mesmo club. Con todo, o equipo acabou descendendo.

Para a tempada 2022/23 baixou ata a Preferente Galicia, regresando ao Boiro. Na súa nova tempada en Barraña foi o segundo máximo goleador da categoría con 25 goles, só un menos que os 26 de Denis (San Tirso).

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en BDFutbol . Datos do xogador en LaPreferente.com .

Categoría:Nados en 1989 Categoría:Nados no estado de Mato Groso do Sur Categoría:Futbolistas do Brasil Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do SC Heerenveen Categoría:Xogadores do FC Emmen Categoría:Xogadores do Sport Club Corinthians Paulista Categoría:Xogadores do EC Bahia Categoría:Xogadores do Moreirense FC Categoría:Xogadores do FK Rudar Prijedor Categoría:Xogadores do Lucena CF Categoría:Xogadores do CD Lealtad Categoría:Xogadores do CD Boiro Categoría:Xogadores do CF Villanovense Categoría:Xogadores do Real Jaén Categoría:Xogadores do Linares Deportivo Categoría:Xogadores do Arosa SC