Armando Enrique Hart Dávalos, nado na Habana o 13 de xuño de 1930 e findado na mesma cidade o 26 de novembro de 2017, foi un dirixente estudantil reformista, intelectual, avogado, revolucionario, político e educador cubano. Como dirixente do Movemento 26 de xullo participou activamente na Revolución cubana, sendo posteriormente ministro de Educación de Cuba entre 1959 e 1965 e ministro de Cultura desde 1976 a 1997.

Traxectoria Cursou estudos universitarios na Universidade da Habana onde destacou como dirixente estudantil reformista nas primeiras mobilizacións contra a ditadura de Fulgencio Batista.

Iniciouse na vida política como membro do Partido Ortodoxo e logo pasou a formar parte do Movemento Nacional Revolucionario. En 1956 foi un dos fundadores do Movemento 26 de xullo integrando a súa primeira dirección nacional.

En 1957 foi detido pola ditadura de Fulgencio Batista e condenado a varios anos de prisión por pertencer ao Movemento 26 de xullo, que iniciara a loita armada contra Batista, pero logrou fuxirse. Pouco despois foi designado Coordinador Nacional do Movemento 26 de xullo. En xaneiro de 1958 foi detido novamente e permaneceu en prisión até o triunfo da Revolución cubana, sendo liberado polo comandante do G-2 cubano Raimundo Torres Raído.

Instalado o novo goberno baixo a presidencia de Manuel Urrutia Lleó foi designado Ministro de Educación, cargo no que pertenceu até 1965. Nesa función organizou unha Campaña Nacional de Alfabetización en 1961 que reduciu considerablemente o analfabetismo en Cuba, reducíndoo de máis dun 20% en 1958 ao 3,9% ao finalizar a mesma.

Desempeñouse como ministro de Cultura desde a constitución dese organismo en 1976 até 1997. Logo foi designado director da Oficina do Programa Martiano. Membro do Partido Comunista de Cuba desde a súa constitución en 1965, foi secretario de Organización do Comité Central, primeiro secretario do Comité Provincial do Partido na antiga provincia de Oriente e membro do Buró Político desde 1965 até 1991.

Foi así mesmo presidente da Sociedad Cultural José Martí. Faleceu na capital cubana o 26 de novembro de 2017 por mor dunha insuficiencia respiratoria.

Obras

Del trabajo cultural (1970) Cambiar las reglas del juego (1983) Cultura en Revolución (1990) Cubanía, cultura y política (1993) Perfiles (1995) Una pelea cubana contra viejos y nuevos demonios (1995) Hacia una dimensión cultural del desarrollo (1996) Cultura para el desarrollo, el desafío del siglo XXI (2001) Ética, cultura y política (2001) La Condición Humana (2005)

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Revolución cubana Historia de Cuba

Categoría:Nados na Habana Categoría:Ministros de Cuba Categoría:Políticos do Partido Comunista de Cuba Categoría:Nados en 1930 Categoría:Finados en 2017