O Deportivo FC Auténtico foi un club de fútbol da cidade da Coruña, de curta existencia. Xurdiu en 1914 como unha escisión do Deportivo da Coruña levada a cabo polos xogadores do club, despois de que a directiva lles prohibise disputar partidos contra o Real Club Coruña, co que mantiñan unha gran rivalidade. Competiu en dúas edicións do Campionato de Galicia, e estivo activo ata 1918, cando chegou a un acordo co Deportivo para volverse integrar neste.

Historia

Nacemento O Deportivo da Coruña mantivo dende a súa fundación unha gran rivalidade contra o outro gran equipo da cidade, o Real Club Coruña. Os partidos entre os dous equipos acababan moitas veces con incidentes entre as súas respectivas afeccións, polo que a directiva do Deportivo decidiu non volver xogar contra o Coruña, facéndoo en vez diso, contra outros equipos coruñeses, vigueses e ferroláns. Tras un ano e medio sen enfrontarse, en 1914 os futbolistas do Deportivo, descontentos coa situación, pactaron un par de partidos amigables contra o Coruña, sendo desautorizados pola directiva presidida por Rogelio Fernández Conde. Os xogadores fixeron caso omiso e o 30 de agosto disputaron no campo de Monelos o primeiro dos encontros, resultando vencedor o Real Club Coruña por 2-0, con goles de Parra e Caruncho. Unha semana despois xogouse o segundo partido, tamén con vitoria coruñesistas, por 4-0.

Cara a finais de outubro de 1914, os xogadores do Deportivo da Coruña constituíronse como un novo club, co nome de Deportivo FC Auténtico, e con Carlos González de Ancos como o seu primeiro presidente.

Nos seguintes anos A pesar das adversidades, como as derrotas iniciais ou o suicidio pouco despois dun dos seus futbolistas, Antonio Catoira, o novo club competiu moi activamente durante os seguintes anos, xogando de branco e azul e disputando os seus partidos como local no campo de Riazor, mentres que o Deportivo da Coruña, sen xogadores, permaneceu inactivo. Na tempada 1916/17 o Deportivo Auténtico disputou por primeira vez o Campionato de Galicia. A finais de 1917 tomou posesión unha nova xunta directiva, con Virgilio Rodríguez como novo presidente.

Na seguinte edición do Campionato de Galicia, o Deportivo Auténtico quedou encadrado no grupo norte xunto co Real Club Coruña. O partido de ida en Riazor acabou con empate a dous goles, mentres que na volta en Monelos, o Deportivo logrou a vitoria por 2-0 nun partido con varias liortas de xogadores e seareiros. Deste xeito, clasificouse para a final, onde se enfrontou ao Fortuna de Vigo. No partido de ida en Riazor, o Fortuna adiantouse rapidamente con dous goles de Cambón e Porto, pero o Deportivo Auténtico empatou no segundo tempo con tantos de Ricardo Álvarez e Barreiro. O partido de volta en Bouzas acabou cun 3-0 para os vigueses, que con esta vitoria lograron o pase á Copa do Rei.

Reunificación A mediados de agosto de 1918, as directivas do Deportivo Auténtico e do Deportivo da Coruña, chegaron a un acordo para se uniren de novo, conservando como nome o do club orixinal. A unión logrouse en boa parte grazas a Virgilio Rodríguez, que pouco despois converteuse no novo presidente do club. O Real Club Coruña desapareceu pouco despois e o Deportivo da Coruña dominou o fútbol coruñés durante o seguinte século.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Historia do Deportivo da Coruña

Categoría:Deportivo da Coruña Categoría:Equipos de fútbol de Galicia desaparecidos