miniatura|Histopatoloxía dun caso de conxestión pulmonar, que mostra intersticios con deposición de hemosiderina (frecha negra), edema e engrosamento do coláxeno. Os alvéolos conteñen un siderófago (frecha branca, caracterizado polo seu groso pigmento castaño, que é lixeiramente refráctil). miniatura|Ril visto ao microsocopio. As áreas marróns son de hemosiderina.
A hemosiderina é un complexo proteico para o almacenamento de ferro que está composto de ferritina parcialmente dixerida e lisosomas. A degradación do grupo hemo dá lugar a biliverdina e ferro. Entón o corpo atrapa o ferro liberado e almacénao como hemosiderina nos tecidos. A hemosiderina xérase tamén nas vías metabólicas anormais da ferritina.
Só se atopa dentro das células (e non circulando libre polo sangue) e parece ser un complexo de ferritina normal, ferritina desnaturalizada e outros materiais. O ferro dos depósitos de hemosiderina está pouco dispoñible para a subministración deste elemento cando se necesita. A hemosiderina pode identificarse histoloxicamente coa tinguidura de azul de Prusia de Perls; o ferro da hemosiderina toma un ton de azul a negro cando se expón ao ferrocianuro potásico desta tinguidura. Nos animais normais os depósitos de hemosiderina son pequenos e son pouco aparentes se non se aplican tinguiduras especiais. Xeralmente, detéctanse acumulacións excesivas de hemosiderina dentro das células do sistema fagocítico mononuclear ou ocasionalmente dentro de células epiteliais do fígado e riles.
Varias doenzas orixinan depósitos de grandes cantidades de hemosiderina nos tecidos. Aínda que estes depósitos non causen síntomas, poden orixinar danos nos órganos. A hemosiderina encóntrase normalmente nos macrófagos e é especialmente abundante despois de sufrir hemorraxias, o que suxire que a súa formación pode estar relacionada coa fagocitose dos glóbulos vermellos e a hemoglobina que contiñan. A hemosiderina pode acumularse en diferentes órganos en varias doenzas. Pode depositarse en doenzas asociadas cunha sobrecarga de ferro. Adoitan ser doenzas nas que cómpre facer frecuentes transfusións de sangue, como a anemia falciforme e a talasemia.
O ferro é necesario para diversas reaccións químicas e procesos do corpo (por exemplo, as oxidacións-reducións), pero é tóxico cando non está debidamente almacenado, polo cal no corpo se desenvolveron diversos métodos para almacenalo, como a hemosiderina e feritina.
Notas
Categoría:Metabolismo do ferro Categoría:Hematoloxía