A requinta é un tipo de frauta travesa típica de Galicia, máis especificamente das Terras do Ulla.
Orixe A requinta apareceu en Galicia a comezos do século XIX como instrumento de acompañamento da gaita galega. Adoitaba tocarse en conxuntos denominados "gaitas" ou "requintas", principalmente nas terras do tramo medio do río Ulla. Existen diversas hipóteses sobre a súa orixe, a súa chegada coas tropas napoleónicas durante a francesada, unha modificación local ideada para os músicos da catedral de Santiago, a introdución por algún peregrino a Santiago etc. É case seguro que o instrumento como hoxe se coñece fose conformado no obradoiro dos García de Riobó, pois del saíron a práctica totalidade das requintas conservadas.
Características O son da requinta prodúcese unha oitava por riba do da gaita, e deste feito deriva o seu nome, pois os gaiteiros chaman “requintear” a tocar na oitava máis aguda do seu instrumento. A súa principal afinación é o fa#, para poderen acompañar as gaitas afinadas en Si natural, existindo tamén as afinadas en Sol, para o acompañamento de gaitas en Do.
A construción das requintas é artesanal, e a madeira empregada adoita se-lo buxo, aínda que non é infrecuente atopalas noutras madeiras nobres, como o granadillo, ou doutras moito máis cativas como a hedra. Está composta de cinco pezas aneladas en alpaca, latón, ou ás veces en prata. A primeira peza leva a embocadura e a rosca de afinación, e a derradeira adoita levar unha chave que aumenta o cromatismo do instrumento, e resulta fundamental para afina-las notas na terceira oitava.
No ano 2017, publicouse un libro-cd que reúne en máis de 80 partituras transcritas, o primeiro cancioneiro de música do repertorio dos grupos tradicionais que empregaban nas súas formacións a requinta da Ulla, traballo feito por Rafael Carracedo Crespo na editorial Embora e coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Ligazóns externas
Requinta- Concerto didáctico de Pablo Carpintero. UvigoTV. (2008). A requinta de Avelino Marta - Canle de vídeos da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Youtube (2021).
Categoría:Música tradicional galega Categoría:Instrumentos de vento-madeira