Helarctos malayanus, coñecido vulgarmente como oso malaio, é unha especie de mamífero carnívoro da familia dos úrsidos, subfamilia dos ursinos, o único representante do xénero Helarctos.Helarctos Horsfield, 1825. En Wilson, Don E. & Reeder, D. M., editors (2005): Mammal Species of the World — A Taxonomic and Geographic Reference.

Trátase dunha pequena especie de oso, a menor entre todas as actuais, que vive nos bosques tropicais do sueste asiático, concretamente no centro-oeste de Birmania, Indochina, Malaca, Sumatra e Borneo (nesta última illa representada por unha subespecie endémica).

Esta especie está pouco emparentada coas outras especies de osos do mundo.

Taxonomía Descrición Xénero O xénero foi descrito en 1825 polo médico e naturalista estadounidense Thomas Horsfield, nun traballo publicado en Zool. J. 2 (6): 221.

Especie A especie fora descrita en 1821 polo seu compatriota, colega (tamén era médico e naturalista) e amigo Thomas Stamford Raffles.

Sinónimo do xénero Ademais de polo nome actualmente válido, o xénero tamén coñeceuse polo sinónimo: Helarctus Gloger, 1841

Subespecies Recoñécense na especie dúas subespecies, baseadas en diferenzas morfolóxicas. Helarctos malayanus malayanus Raffles, 1821, que habita na Asia continental e en Sumatra. Helarctos malayanus euryspilus Horsfield, 1825, endémica de Borneo.Phillipps, Q. (2016): "Sun bear". En: Phillipps' Field guide to the Mammals of Borneo: Sabah, Sarawak, Brunei, and Kalimantan. Princeton: Princeton University Press. pp. 246–249. ISBN 978-0-6911-6941-5. O seu cranio é máis pequeno que o de H. m. malayanus.

Características esquerda|miniatura|250px|Oso malaio en ctitude de ameaza Helarctos malayanus ten unha lonxitude de apenas 1,2 m en posición ergueita, no caso dos machos, sendo as femias menores. A masa corporal destas últimas oscila entre os 20 e os 40 kg, mentres que os machos adultos andan entre os 30 e os 60 kg.

Ademais de polo menor tamaño, os osos malaios diferéncianse facilmente doutras especies de osos pola súa forma corporal alongada, as orellas pequenas, e a cola practicamente inexistente (con só 3 cm resulta difícil ver a certa distancia), mentres que as patas e o colo son proporcionalmente máis longos. A pelaxe é curta e de cor negra, excepto no fociño, ao redor dos ollos e no peito, onde varía entre a amarela abrancazada e a alaranxada. Presentan no peito unha mancha, xeralmente en forma de U moi aberta.

As plantas dos pés están espidas, e por diante delas destacan as fortes, longas e ganchudas garras dos seus dedos, especialmente os das patas anteriores. Esta característica permite aos osos malaios gabear a árbores altas até a súa copa, onde se alimentan de froitos, sobre todo de cocos que parten sen dificultade cos seus poderosos maxilares. Usan preferentemente o sentido do olfacto para encontrar comida, pois como nos demais úrsidos, a súa vista é pobre.

A súa fórmula dental é a seguinte: 3/3, 1/1, 3-4/3, 2/3 = 38-40.

Bioloxía e ecoloxía miniatura|270px|Helarctos malayanus en estado salvaxe.Parque Nacional Kaeng Krachan, Tailandia Pese á súa robustez os osos malaios son animais activos, áxiles e bos gabeadores de árbores. Ao igual que o oso negro asiático (Ursus thibetanus) tamén constrúen niños con pólas para tomaren o sol, a miúdo bastante por riba do solo. A alimentación, que se leva a cabo durante a noite, complétase coa inxesta de insectos, lagartos, pequenas aves e mamíferos, follas de palmeiras, mel e sementes. Ocasionalmente entran en plantacións de coqueiros, plátanos e cacao, onde poden xerar importantes estragos. Isto ocasionou un perigoso aumento da caza destes animais en numerosas rexións, que unida á demanda de partes do seu corpo pola medicina tradicional chinesa reduciu a súa poboación en moitas zonas. Considérase que a especie aínda non está en perigo serio de extinción, aínda que si é vulnerábel, que é como cualifica a UICN o status da especie.Scotson, L., Fredriksson, G., Augeri, D., Cheah, C., Ngoprasert, D. & Wai-Ming, W. (2017): Helarctos malayanus na Lista vermella da UICN. Versión 2021-2. Consultada o 23 de novembro de 2021.

Debido a que habitan en zonas de climas cálidos tropicais, os osos malaios, a diferenza doutros úrsidos, non hibernan. Isto permítelle ás femias teren unha camada de dúas crías cada ano. As crías no chegan á madurez sexual até os 3 ou 4 anos. O período de xestación é de entre 95 e 100 días. Descoñécese canto tempo viven en liberdade, pero en catividade poden alcanzar os 28 anos.

Filoxenia A secuenciación xenética do ADN nuclear das especies de osos revelou que Melursus ursinus e o Helarctos malayanus foron os primeiros osos da subfamilia dos ursinos que irradiaron, e non están incluídos no grupo monofilético de Ursus; ademais, todas as relacións entre os osos estaban ben resolvidas.

<big> </big>

Notas

Véxase tamén

Bibliografía Nowak, R. M. editor (1991): Walker's Mammals of the World. Fifth Edition. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press. ISBN 0-8018-3970-X. Wilson, Don E. & Reeder, D. M., editors (2005): Mammal Species of the World — A Taxonomic and Geographic Reference. Third edition. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press. ISBN 0-8018-8221-4.

Outros artigos Úrsidos Ursinos

Ligazóns externas Helarctos malayanus na ADW. Abundante información e bibliografía .

Categoría:Úrsidos Categoría:Fauna de Oceanía‎ Categoría:Animais descritos en 1821