Juan Carlos Valerón Santana, nado en Arguineguín (Gran Canaria) o 17 de xuño de 1975, é un exfutbolista e actual adestrador de fútbol español, que dende . Xogaba de mediapunta e foi internacional coa selección española. Xogador histórico do Deportivo da Coruña, no que militou durante trece tempadas, está considerado como un dos mellores futbolistas que pasaron polo club, e é o cuarto xogador con máis partidos oficiais na historia do equipo (422).

Iniciou a súa carreira no CD Arguineguín da súa vila natal, ingresando en idade xuvenil na canteira da UD Las Palmas. Pasou polo filial do club e en 1995 debutou co primeiro equipo na Segunda División B, logrando esa mesma tempada o ascenso á Segunda División. Despois de xogar unha tempada co equipo amarelo na categoría de prata foi fichado polo Mallorca, co que debutou na Primeira División, e alí foi peza clave dunha das mellores campañas da historia do club. A continuación xogou dous anos no Atlético de Madrid ata que este descendeu a Segunda, momento no que foi traspasado ao Deportivo da Coruña, que viña de se proclamar campión de liga.

Chegou á Coruña en principio como suplente de Djalminha, pero acabou por facerse coa titularidade e por converterse nun dos símbolos do equipo, que atravesaba unha das épocas máis gloriosas da súa historia. Gañou a Copa do Rei de 2002 no coñecido como Centenariazo, e disputou cinco anos a Liga de Campións, deixando destacadas actuacións polos estadios europeos.

A súa progresión cortouse no momento álxido da súa carreira, cunha grave lesión de xeonllo a comezos de 2006. Tres operacións cirúrxicas e varias recaídas mantivérono practicamente afastado dos terreos de xogo durante dous anos e non volveu á normalidade ata a tempada 2008/09. Continuou no club coruñés ata o ano 2013, vivindo dous descensos e un ascenso. A continuación regresou ao Las Palmas, onde xogou tres tempadas, logrando na segunda delas o ascenso á Primeira División.

Internacional coa selección española en 46 ocasións, disputou con esta dúas Eurocopas (2000 e 2004) e o Mundial de 2002. De destacada calidade técnica, cunha ampla visión de xogo e moi habilidoso no pase, foi un dos xogadores máis admirados e respectados do fútbol español, debido á súa actitude dentro e fóra do campo, ao seu xogo limpo e á súa deportividade, motivos polos que era aplaudido nos estadios rivais.

Traxectoria

Comezos Naceu na localidade grancanaria de Arguineguín, no seo dunha familia con profundas crenzas evanxélicas, sendo o último dos seis fillos do matrimonio formado por Adán Valerón e Prudencia Santana. Quedou orfo de pai durante a súa adolescencia, vivindo dende entón a familia en precarias condicións económicas.

Empezou xogando ao fútbol no Arguineguín da súa vila natal, dende as categorías inferiores ata o primeiro equipo, que militaba na Terceira División e ao que subiu na tempada 1992/93. A pesar do seu pouco físico, que lle valeu o alcume de "El Flaco" ("O Fraco"), axiña comezou a destacar no equipo adestrado por Juan Manuel Rodríguez, grazas á súa habilidosa técnica e ao seu talento.

Las Palmas (1ª etapa) O 28 de agosto de 1993, con 18 anos, ingresou na Unión Deportiva Las Palmas, seguindo o camiño de seu irmán Miguel Ángel, que levaba varios anos no club. Á súa chegada xogou no equipo xuvenil da División de Honra, no que coincidiu con futbolistas como Manuel Pablo, Lampón, Ojeda, Marcelino, Jero ou Pedro Cruz. Esa mesma tempada (1993/94) disputou os seus primeiros encontros co filial, o Las Palmas Atlético, que militaba na Terceira División. Co Las Palmas Atlético proclamouse na seguinte tempada campión da Copa Federación, despois de gañar na final ao Balaguer.

O 21 de setembro de 1995, con 20 anos, debutou co primeiro equipo, nun partido da Copa do Rei ante o Mensajero no estadio Silvestre Carrillo de Santa Cruz de La Palma. O adestrador canario Pacuco Rosales deulle entrada nos minutos finais como substituto de Paquito Ortiz. A seguinte semana debutou na Segunda División B contra o Talavera, e poucas xornadas despois xa se afianzou no once titular, no que se mantivo durante durante a maior parte do resto da tempada, que culminou co equipo como campión e co ascenso á Segunda División. Marcou tres goles durante a campaña, os dous primeiros nun mesmo partido, a goleada por 6-0 fronte ao San Sebastián de los Reyes no estadio Insular. En varios dos encontros coincidiu no campo con seu irmán Miguel Ángel.

Debutou na categoría de prata na primeira xornada da tempada 1996/97, saíndo de titular no empate sen goles ante o Almería no estadio Franco Navarro. O equipo rematou sétimo en liga e chegou ata as semifinais da Copa do Rei, onde caeu ante o FC Barcelona. Valerón contribuíu cun total de 34 partidos e dous goles, o primeiro deles anotado na vitoria por 6-0 sobre o Atlético de Madrid B.

No verán de 1997 o club canario enfrontouse ao Lanús arxentino nun partido amigable no estadio Insular. A actuación de Valerón abraiou ao adestrador visitante, Héctor Cúper, que pouco despois se converteu no adestrador do Mallorca, e alí pediu a fichaxe do xogador. O Mallorca realizoulle unha oferta a Valerón, e o futbolista, que tiña un dos salarios máis baixos do equipo, accedeu a continuar no Las Palmas se o club melloraba as súas condicións contractuais. A dirección do club non creu que existise realmente dita oferta do Mallorca e negouse a unha subida salarial. Así pois, o centrocampista decidiu aceptar o ofrecemento do club balear, que pagou os 300 millóns de pesetas da súa cláusula de rescisión.

Mallorca Debutou na Primeira División na primeira xornada da tempada 1997/98, na vitoria por 2-1 sobre o Valencia no estadio Lluís Sitjar, substituíndo no treito final do encontro a Vicente Engonga. Asentouse no once titular a partir da terceira xornada e sumou un total de 47 partidos ao longo da tempada, 41 deles saíndo dende o once inicial. O seu primeiro gol na máxima categoría anotouno na vitoria por 4-0 ante o Athletic Club, despois de canear a Alkorta, Roberto Ríos e ao gardameta Imanol Etxeberria, e pasou á historia como un dos mellores goles marcados por un xogador do Mallorca.

Foi unha peza clave dun histórico equipo que acadou o quinto posto en liga e que logrou a clasificación para a final da Copa do Rei. Foi titular na final de Mestalla ante o Barcelona de Louis van Gaal, formando medio do campo xunto a Mena, Engonga e Stanković. O Mallorca adiantouse nos primeiros minutos grazas a un gol de Stanković pero Rivaldo puxo o empate na segunda parte. O club balear conseguiu manter o empate no resto do partido e na prórroga, a pesar de sufrir dúas expulsións e de que o equipo catalán estaba formado por destacados xogadores internacionais como Figo, Luis Enrique ou Giovanni. O encontro rematou na quenda de penaltis, onde finalmente se impuxo o Barça por 5-4.

Atlético de Madrid As súas destacadas actuacións en Mallorca propiciaron a súa fichaxe polo Atlético de Madrid, que pagou por el uns 2.000 millóns de pesetas. Aínda que nun principio chegou ao club colchoeiro como suplente de Juninho, acabou sorprendendo ao adestrador Arrigo Sacchi e converténdose nun fixo das aliñacións titulares. Na súa primeira tempada debutou en competición europea, nun encontro da Copa da UEFA ante o Obilić, e acadou as semifinais, onde caeu ante un Parma no que destacaban futbolistas como Buffon, Thuram, Verón, Dino Baggio e Chiesa. Xogou ademais a súa segunda final da Copa do Rei consecutiva, de novo como titular, perdendo desta vez contra o Valencia de Claudio Ranieri.

Na 1999/00 o equipo madrileño completou unha mala campaña en liga e acabou descendendo á Segunda División. As cousas foron mellor na Copa do Rei, na que o Atlético volveu acadar a final. Enfrontouse ao Espanyol en Mestalla, na que foi a terceira final consecutiva para Valerón, que xogou os 90 minutos. A vitoria foi para o equipo catalán por 2-1. Valerón pechou entón o seu paso polo club cun total de 87 partidos (70 deles como titular) e 7 goles.

Deportivo da Coruña

Chegada e primeiros anos miniatura|240x240px|Equipo do Deportivo da Coruña antes dun partido da Copa da UEFA ante o CSKA Moscova en 2008. Valerón de pé, cuarto pola esquerda. Tralo descenso do Atlético foi traspasado ao Deportivo da Coruña, vixente campión de liga, que pagou por el ao club madrileño uns 11 millóns de euros, converténdose na fichaxe máis cara da historia do club ata aquel entón. Foi unha petición expresa do adestrador Javier Irureta, que o quería como recambio para Djalminha, e o Deportivo fíxose cos seus servizos contra a opinión do equipo médico do club, que desaconsellou a súa fichaxe debido aos seus problemas físicos. Xunto a Valerón chegaron á Coruña outros dous futbolistas atléticos, Molina e Capdevila, e na cidade herculina reencontrouse cos seus excompañeiros na UD Las Palmas Manuel Pablo e o Turu Flores. Nada máis aterrar no equipo coruñés gañou a Supercopa de España, aínda que non a chegou a disputar, ao sufrir unha lesión na pube. Debutou co Deportivo na primeira xornada da liga 2000/01, unha vitoria por 2-0 contra o Athletic en Riazor, substituíndo a Tristán na parte final do partido. Catro días despois participou no seu primeiro encontro na Liga de Campións, que foi tamén o primeiro da historia do club, contra o Panathinaikos no Estadio Spyros Louis de Atenas.

Na segunda xornada de liga, contra o Racing de Santander, actuou por primeira vez como titular e marcou o seu primeiro gol coa camiseta do Deportivo. Foise alternando na titularidade con Djalminha e gañándolle terreo pouco a pouco, nunha tempada na que acabou como subcampión de liga.

Centenariazo e esplendor Na súa segunda campaña no club, disputou un total de 53 partidos, 45 deles saíndo dende o inicio, e marcou 6 goles, proclamándose de novo subcampión de liga. O equipo galego acadou a segunda final de Copa do Rei da súa historia e esta disputouse no estadio Santiago Bernabéu contra o Real Madrid, que celebraba ese día o seu centenario. Cunha sobresaínte actuación de Valerón, que incluíu unha asistencia a Tristán no segundo gol, o Deportivo impúxose por 1-2, nun encontro que pasou á historia co alcume de Centenariazo. O centrocampista canario facíase así coa súa única Copa do Rei, despois de disputar catro finais en cinco anos. Tamén tivo destacadas actuacións na Liga de Campións, e especialmente no partido contra o Arsenal en Highbury, onde el e Fran lideraron a vitoria branquiazul por 0-2, sendo o primeiro tanto obra do propio Valerón.

Comezou a tempada 2002/03 conquistando a Supercopa de España ante o Valencia, disputando de titular tanto a ida como a volta e marcando un dos tres goles do seu equipo en Riazor (3-0). O seu nivel no inicio de tempada foi altísimo e destacou especialmente a súa actuación na histórica vitoria por 2-3 sobre o Bayern de Múnic na Liga de Campións, onde a súa asociación con Makaay fixo posible o primeiro triunfo dun equipo español no estadio Olímpico de Múnic. Con todo, a súa progresión, que xa lle valía comparacións con Zidane e que lle supuxo o nomeamento ao Balón de Ouro, cortouse na terceira xornada de liga contra o Valladolid, cando unha dura entrada do boliviano Juan Manuel Peña lle provocou unha fractura no peroné esquerdo. Tras máis de dous meses de baixa volveu paulatinamente ao equipo e rematou a campaña de novo asentado no once titular.

Entre as tempadas 2003/04 e 2004/05 xogou preto dun centenar de partidos, case todos como titular, e participou nalgúns dos encontros máis importantes da historia europea do club, como as vitorias sobre a Juventus, a remontada contra o Milan de Ancelotti en Riazor (na que marcou un dos catro goles do Deportivo) ou as semifinais da Liga de Campións contra o Porto de Mourinho.

Lesión e últimos anos esquerda|miniatura|Camiseta de Juan Carlos Valerón, co dorsal número 21, que portou tanto na UD Las Palmas como no Deportivo da Coruña.