Rauman Lukko Naiset, ou simplemente Lukko Naiset, foi un equipo feminino de hóckey sobre xeo da cidade de Rauma. A finais de abril de 2023 a empresa que xestionaba o equipo, Lukko ry, decidiu disolvelo.

Dende 2021 disputou os seus partidos como local no Westinghouse Areena da localidade de Eurajoki.

Historia Na tempada 1997-98 o Lukko oficializou o seu equipo representativo feminino ao inscribilo para as eliminatorias de I-divisioona. O equipo reapareceu en 2011, cando se inscribiu para competir no terceiro nivel do hóckey sobre xeo feminino en Finlandia, a Naisten Suomi-sarja, a partir da tempada 2011-12. miniatura|Sami Piilikangas (con gorro) devolveu o equipo á máxima categoría na tempada 2021-22. O equipo comezou a tempada 2021-22 da Naisten Mestis, na que se proclamou campión do seu grupo, xogándose a clasificación para o grupo inferior da Naisten Liiga na segunda metade da tempada, fronte a APV e Kiekko-Espoo Akatemia. Na final, o equipo conseguiu a clasificación para disputar a máxima categoría a pesar da derrota no primeiro partido disputado en Alavus fronte a APV, xa que conseguiu derrotar ás xogadoras de Espoo na casa por tres goles a cero. Deste xeito Lukko regresaba á máxima categoría por segundo ano consecutivo. A falta de dous partidos para a finalización da tempada 2021-22 da Naisten Liiga Lukko conseguiu o seu ascenso á máxima categoría para a tempada seguinte, ao ser a diferenza de puntos insalvable para os dous últimos clasificados da fase de permanencia, Sport e APV.

O 28 de abril de 2023 Lukko ry, a empresa que xestionaba o equipo feminino entre outros, decidiu suprimir o equipo da Naisten Liiga sinalando unha presunta falta de xogadoras. Nunha entrevista no portal Jatkoaika, a capitá do equipo, Maija Koski, sinalaba a ausencia de comunicación co equipo por parte de Lukko ry, que en nigún momento se reuniu coas xogadoras para analizar a situación para chegar a un acordo e manter o equipo na competición. Pouco despois da toma da decisión o equipo feminino foi eliminado das listas de equipos de Lukko.

Pouco máis dun ano despois de suprimir o equipo feminino, en maio de 2024, anunciouse que o Lukko regresaría á competición en categoría feminina para a tempada 2024-25. O 11 de maio a Federación Finlandesa de Hóckey sobre Xeo aceptou a proposta do Lukko e o Panelian Raikas (PaRa), pola cal o equipo de Rauma adquiría a praza do de Panelia na segunda categoría, a Naisten Mestis. A pesar de que os equipos non podían decidir por si mesmos a transferencia de prazas nunha competición, a decisión positiva da federación debeuse ao compromiso do Lukko por desenvolver o hóckey sobre xeo feminino na rexión.

Na tempada do seu regreso á competición, o equipo combinado de Lukko e PaRa finalizou a liga regular da Naisten Mestis na cuarta posición, polo que tivo que disputar a eliminatoria de cuartos de final fronte o quinto clasificado, o KeuPa, ao mellor de tres encontros. O Lukko/PaRa conseguiu superar o equipo de Keuruu en dous partidos (4-1 e 1-2), avanzando así ata as semifinais, disputadas tamén ao mellor de tres encontros, desta volta fronte as primeiras clasificadas da liga regular, K-Espoo Akatemia. A serie de semifinais estendeuse ata o encontro decisivo en Espoo, logo de que cada un dos equipos gañara o seu partido como visitante, e finalmente o Lukko/PaRa se fixo coa vitoria. Na final volvéronse impoñer, desta volta en dous partidos, ao APV para facerse cun lugar na promoción á Auroraliiga fronte o RoKi. O segundo partido das finais da Naisten Mestis disputouse en Eurajoki ante 140 persoas, que asistiton á vitoria local por 4-3 grazas a un gol na prórroga de Charlotta Lundström, conseguindo así o equipo de Rauma o campionato da segunda categoría do hóckey sobre xeo feminino finlandés.

Palmarés Trofeos colectivos Naisten Mestis O equipo feminino do Lukko proclamouse unha vez campión da segunda categoría do hóckey sobre xeo feminino finlandés na tempada 2024-25.

Trofeos individuais Trofeo Tuula Puputti: recompensa cada ano á mellor porteira da liga. Unha xogadora do equipo recibiu o galardón nalgunha ocasión: Eveliina Mäkinen: 2017

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Rauman Lukko

Ligazóns externas Sitio web oficial

Categoría:Lukko Naiset