Os maccaa constitúen un subgrupo oromo que habita en Etiopía entre o río Didessa e o Omo e mais no sur na rexión de Gibe
Historia Como o resto dos oromo, os maccaa desprazáronse ao sur do Nilo Azul no contexto da coñecida como expansión oromo, a migración cara ao sur e o asentamento nunha zona que vira destruída na primeira metade do século XVI as súas estruturas políticas e sociais como consecuencia da guerra entre os cristiáns do imperio etíope e os musulmáns do sultanato de Adal baixo Ahmad ibn Ibrahim al-Ghazii .
Os maccaa establecéronse na rexión en pequenos grupos e someteron á poboación local, probablemente omótica e de fala nilo-sahariana que, por efecto do conflito bélico, quedara dramaticamente reducida, e gradualmente foise asimilando ata acabar por se incorporar ás estruturas do clan maccaa tornando oromos. En orixe, os maccaa compartían o mesmo sistema gadaa cos tulama e a súa xefatura localizábase ao sur da actual Adís Abeba. Non obstante, contra finais do XVI os maccaa estableceron a súa propia gadaa coa xefatura en Tute Bisil, no curso alto do Gibe, con Makkoo Bilii como o primeiro xefe. Tanto os tulama como os maacaa culpáronse mutuamente por esta violación das normas.
En 1963 estableceuse a Asociación de Axuda Mutua Maccaa e Tulama, unión de tres asociacións de axuda mutua formadas a primeiros da década en Adís Abeba, xermolo dunha organización política nacionalista oromo, xa que o réxime etíope non permitía a formación de organizacións políticas. A organización reivindicaba liberdades políticas e culturais para o pobo oromo e fomentaba unha conciencia de unidade entre os oromos e o goberno etíope acabou prohibíndolle as súas actividades en 1967. En 1994 organizouse unha asociación sucesora á que de novo o goberno volveu prohibirlle a actividade en 2004.
Notas
Categoría:Pobo oromo