Ferenc Szusza, nado en Budapest o 1 de decembro de 1923 e finado na mesma cidade o 1 de agosto de 2006, foi un futbolista e adestrador húngaro. Dianteiro histórico do Újpest, militou nese club durante 21 anos, marcando 393 goles. Considerado un dos mellores xogadores húngaros da historia, foi 24 veces internacional, marcando 18 goles, e formou parte da selección húngara coñecida como a dos "Maxiares máxicos" ou "Equipo de ouro". Como adestrador destacou en Hungría e Polonia, gañando varios títulos, e adestrou tamén en España, onde dirixiu o Betis e o Atlético de Madrid. O estadio do Újpesti Dózsa leva o seu nome.
Traxectoria
Como futbolista Desenvolveu toda a súa carreira como futbolista no Újpest Dózsa, no que xogou durante 21 anos, entre 1940 e 1961, converténdose nun dos maiores símbolos da historia do club. Gañou catro ligas húngaras co club de Budapest, a primeira delas en 1945 e a última en 1960.
Szusza aparece nas listas da IFFHS como o sexto xogador con máis goles nunha mesma liga, con 393 tantos en 462 partidos, só superado por Lionel Messi, Pelé, Josef Bican, Imre Schlosser e Jimmy McGrory.
Selección nacional Debutou coa selección de Hungría o 14 de xuño de 1942 nun partido contra Croacia que rematou con empate. Formou parte da chamada selección dos "Maxiares máxicos" ou "Equipo de ouro". xunto a outros xogadores como Kocsis, Puskás ou Czibor. Proclamouse campión da Copa dos Balcáns en 1947.
En total, e ata 1956, xogou un total de 24 partidos internacionais, marcando 18 goles.
Como adestrador Finalizada a súa carreira como xogador, non se desvencellou do fútbol, e pouco despois, en 1962, comezou a súa etapa como adestrador. A súa primeira experiencia nos bancos foi no Győri ETO FC, na cidade de Győr. Despois de só dúas tempadas, nas que conseguiu gañar unha liga, regresou a Budapest para dirixir durante dous anos o seu equipo de toda a vida, o Újpest Dózsa.
En 1966 comezou unha segunda etapa no Győri ETO FC, na que conseguiu dous títulos da Copa de Hungría. Tras un breve paso polo Egri Dózsa, marchou a Polonia, dirixindo na tempada 1970/71 o Górnik Zabrze, club co que conseguiu ese ano a Liga e a Copa de Polonia.
En 1971 deu o salto á liga española, fichando polo Real Betis. Sufriu un descenso a Segunda División na tempada 1972/73, conseguindo ascender de novo á Primeira División na tempada seguinte, como campión de Segunda. Foi adestrador do club andaluz ata 1976, cando as autoridades húngaras puxeron trabas á súa permanencia en España e viuse obrigado a regresar ao seu país.
Malia as dificultades, regresou a España dous anos despois, cando foi contratado polo Atlético de Madrid trala destitución de Héctor Núñez poucas xornadas despois do comezo da tempada 1978/79. Conseguiu endereitar o rumbo do equipo e acabou terceiro, só por detrás do Real Madrid e o Sporting de Gijón.
A súa última campaña no banco volveu ser no Újpest Dózsa, que dirixiu na tempada 1980/81.
Recoñecementos En 2001 deu nome ao estadio onde o club disputa os seus partidos, o Estadio Ferenc Szusza.
Palmarés
Como xogador Újpest Dózsa Liga húngara (4): 1945, 1945/46, 1946/47 e 1959/60.
Selección de Hungría Copa dos Balcáns (4): 1945, 1945/46, 1946/47 e 1959/60.
Como adestrador Győri ETO FC Liga húngara (1): 1963. Copa de Hungría (2): 1966, 1967.
Górnik Zabrze Ekstraklasa (1): 1970/71. Copa de Polonia (1): 1970/71.
Betis Segunda División (1): 1973/74.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do adestrador en BDFutbol .
Categoría:Nados en 1923 Categoría:Finados en 2006 Categoría:Nados en Budapest Categoría:Futbolistas de Hungría Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Újpest FC Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Hungría Categoría:Adestradores de fútbol de Hungría Categoría:Adestradores do Újpest FC Categoría:Adestradores do Real Betis Balompié Categoría:Adestradores do Atlético de Madrid