Ti primeiro é unha novela visual creada por Roberto Alvite e producida e publicada por Melgo Cinema. Foi lanzada o 10 de agosto de 2021 para dispositivos móbiles iOS e Android. Caracterízase pola superposición de textos sobre fotografías fixas en imaxe real para narrar a historia, unha historia romántica ambientada na Coruña, e na que o xogador pode tomar decisións para ver outros puntos de vista dos acontecementos.

Argumento O xogo segue etapas da vida conxunta de Álex (Iris Darriba) e Sebas (Roberto Alvite), unha parella de 30 anos que, tras oito meses de relación, intenta ter unha relación aberta. Ao longo de tres episodios en distintos anos da súa vida, séguese a súa evolución como parella e como persoas, particularmente coa guía dun narrador omnisciente que critica personaxes e situacións á vez que serve de alivio cómico.

Mecánicas A interactividade de Ti Primeiro limítase a seleccionar as decisións en momentos puntuais da historia, é dicir, o avance de lectura é automático. O creador, Roberto Alvite, buscaba unha experiencia sinxela para trasladar o formato de novela visual a novos públicos que nunca tiveran probado o formato por todo o mundo. Ningunha ruta narrativa está formulada como mellor que outra, senón que complementan o que o xogador coñece das personaxes.

Desenvolvemento

O guión do xogo foi escrito en abril de 2020, durante pleno confinamento pola pandemia de covid-19. Tras uns meses de preprodución, a rodaxe tivo lugar entre agosto e setembro do mesmo ano, para continuar con meses de posprodución, incluíndo a localización a seis linguas (galego, español, inglés, francés, italiano e portugués do Brasil), ata o seu lanzamento en agosto de 2021. Recepción Un mes despois do seu lanzamento, Ti Primeiro sumaba máis de 10.000 descargas en máis de 30 países. Entre as críticas recibidas, o portal Cinemagavia menciona aspectos positivos como que «o relato gaña, sobre todo, na temática que aborda, naturalizando conceptos como a comunicación en parella, a apertura das relacións, o desexo, a sexualidade diversa… e levándoos a unha relación coa que se podería identificar calquera persoa», e outros menos favorables como «un dos inconvenientes que se atopa é que, en ocasións, resulta excesivamente longa e fáltalle maior dinamismo».

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Páxina web oficial

Categoría:Videoxogos de 2021 Categoría:Videoxogos de aventuras