Carmelo Héctor Giuliano González, nado en Avellaneda, provincia de Buenos Aires, o 14 de xuño de 1951, é un exfutbolista arxentino. Xogaba de líbero ou central e destacou no Hércules CF, onde foi un dos buques insignia durante a época dourada do club.
Traxectoria Fichou polo Club Atlético Independiente na novena división e foi ascendendo polos diferentes equipos do club ata a categoría profesional, á que chegou aos 21 anos. Con Independiente proclamouse campión da Copa Intercontinental de 1973, aínda que non chegou a xogar na competición.
Foi cedido ao Club Atlético Atlanta onde xogou o campionato Metropolitano de 1974. Xogaba con regularidade, alternando a posición con Pecoraro. Non xogou o campionato Nacional de 1974, xa que os xogadores reclamaron unha débeda, e os directivos sancionáronos, decidindo que xogarían este torneo os non profesionais. Así, Giuliano foi liberado e fichou polo Hércules CF de Alacant.
Chegou ao club español por recomendación de Miguel Ángel Santoro, porteiro internacional arxentino que xa militaba no club alacantino. O seu debut na Primeira División española produciuse na segunda xornada da tempada 1974/75, nun partido ante o Real Madrid no Santiago Bernabéu (2-1).
O equipo adestrado por Arsenio Iglesias logrou ese ano o quinto posto en liga, o mellor resultado da súa historia. Giuliano foi titular en case todos os partidos, marcando 4 goles.
Mantivo a titularidade durante os seguintes anos, ata que sufriu unha grave lesión na segunda eliminatoria da Copa do Rei 1980/81, rompendo os ligamentos cruzados e o menisco. Foi nun partido contra o Cartagena FC no que marcou dous goles. A lesión supuxo a súa retirada como futbolista, aínda que durante os seguintes dous anos aínda chegou a disputar cinco partidos máis.
Trala súa retirada como futbolista, foi director deportivo do Hércules durante tempada e media, traballou coa canteira do club e foi comentarista de televisión.
Vida persoal Mentres xogaba no Hércules casou en Bilbao con María Victoria Sancristóbal.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en BDFutbol .
Categoría:Nados en 1951 Categoría:Nados en Avellaneda Categoría:Nados na provincia de Buenos Aires Categoría:Xogadores do CA Independiente Categoría:Xogadores do CA Atlanta Categoría:Xogadores do Hércules CF Categoría:Directores deportivos de fútbol