Arnarulunnguaq, nada en Qaanaaq en 1896 e finada o 3 de outubro de 1933, foi unha exploradora groenlandesa.
Traxectoria Arnarulunnguaq, que significa "pequena muller", naceu en Qaanaaq, unha pequena comunidade inuit de Thule, e era filla de Uumaaq, un cazador groenlandés. Quedou orfa de pai desde os sete anos e era tradición que cando unha muller quedaba viúva con fillos matase o máis pequeno para axudar a que sobrevivisen o resto, pero ela librouse polos choros do seu irmán Ajako, polo que súa nai deixou que vivise. Tivo unha infancia difícil na que tivo que axudar á familia.
En agosto de 1921, Arnarulunnguaq e o seu home uníronse a quinta expedición Thule (viaxes de exploración) que realizaba o explorador dinamarqués Knud Rasmussen. Cando estaban en Nuuk, pouco antes de principiar a expedición, morreron o seu home e un irmán por mor da pneumonía, unha enfermidade que traían consigo os europeos. Daquela, Rasmussen pediulle a Arnarulunnguaq que regresase cos seus pero ela non considerou esa posibilidade e respostoulle: "Antes eras ti quen me necesitaba, agora son eu quen te necesita", continuando coa expedición.
Cando, en 1923, rematou a primeira parte da expedición chegando á Baía de Hudson, a maior partes dos expedicionarios regresaron ás súas casas, mais Rasmussen, Arnarulunnguaq e o seu curmán Qaavigarsuaq Miteq decidiron continuar, cunha zorra de cans, a través do Paso do Noroeste até o estreito de Bering, o 31 de agosto de 1924 na que se converteu na máis longa travesía con cans de toda a historia e con só tres superviventes. En varias ocasións, Rasmussen valorou a achega fundamental de Arnarulunnguaq durante os 18.000 km da expedición en zorra máis longa da historia, pois dominaba a zorra, era unha experta cociñeira en condicións extremas e sabía erguer iglús e secar as peles coas que se vestían.
Durante a expedición, conseguiron visitar todos os grupos inuit no norte do Canadá, moitos en Alasca e, finalmente, e de xeito simbólico, aos grupos da península de Tjukotka, na Unión Soviética.
De Alasca foron ata Washington onde foi recibida cos outros dous membros da expedición polo presidente Calvin Coolidge e partiu rumbo a Dinamarca, onde chegaron a finais de 1924. En Copenhague, enfermou de tuberculose e foi hospitalizada pero non se repuxo de todo e non puido volver a Thule ata o verán de 1925. Alí volveu casar con Karl Peary, un fillo do explorador estadounidense e morreu o 2 de outubro de 1933.
Recoñecementos Cando estaba no hospital, nunha visita de Rasmussen, este deulle a Medalla de Prata ao Mérito, que aceptou con dificultades a pesar dos seus merecementos.
Notas
Categoría:Exploradores Categoría:Nados en 1896 Categoría:Finados en 1933 Categoría:Nados en Groenlandia