Mario Tiddia, nado en Sarroch, Cagliari, o 5 de maio de 1936 e finado no mesmo lugar o 5 de agosto de 2009, foi un futbolista e adestrador italiano, que xogaba como defensa. A súa carreira estivo estreitamente vencellada ao Cagliari, club onde se converteu nun símbolo. Militou nel como futbolista durante unha década e máis tarde adestrouno en varias etapas.

Era curmán do arcebispo Pier Giuliano Tiddia.

Traxectoria

Como futbolista Como xogador permaneceu máis dunha década no Cagliari, club ao que chegou en 1958 procedente do Olbia. Viviu un descenso á Serie C na tempada 1959/60 e logo o primeiro ascenso do club sardo á Serie A na 1963/64, da que foi un dos protagonistas. Na campaña seguinte alcanzou o sexto posto da liga. Disputou un total de 58 partidos na Serie A e 98 na Serie B.

Co Cagliari tamén viviu unha experiencia no campionato norteamericano organizado en 1967 pola United Soccer Association e recoñecido pola FIFA, no que o equipo sardo saíu ao campo representando os Chicago Mustangs e obtendo o terceiro posto na División Oeste.

Como adestrador Foi adestrador asistente do Cagliari durante varios anos e máis tarde dirixiu o conxunto rossoblu en diferentes etapas. Pasou por momentos pouco brillantes como o descenso á Serie B da tempada 1975/76, pero tamén foi o protagonista do retorno á máxima categoría en 1978. Na tempada 1980/81 obtivo un sexto posto na liga.

Ademais do Cagliari tamén adestrou o Pescara na Serie B e o Torres na Serie C2. En 1983 foi reclamado de novo polo Cagliari, que acababa de caer á Serie B, pero non conseguiu o ascenso. Na tempada 1987/88 volveu de novo ao banco do equipo rossoblu, que militaba desta vez na Serie C1 e estaba en postos de descenso, e conseguiu a salvación. Logrou tamén permanencia co La Palma Cagliari na súa única tempada na Serie C2. Era alcumado "Cincinnato", en referencia ao ditador romano Lucio Quinzio Cincinnato, debido a que alternaba a actividade de adestrador coa de labrego.

Doente durante moito tempo, morreu na súa localidade natal o 5 de agosto de 2009.

Recoñecementos O Cagliari incluíuno no seu Salón da Fama. O campo municipal de Sarroch, a súa localidade natal, leva o seu nome.

Palmarés Cagliari Serie C (1): 1961/62.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Datos do xogador en nasljerseys.com .

Categoría:Nados na provincia de Cagliari Categoría:Nados en 1936 Categoría:Finados en 2009 Categoría:Futbolistas de Italia Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Cagliari Calcio Categoría:Adestradores de fútbol de Italia Categoría:Adestradores do Cagliari Calcio