miniatura|O LZ 127 Graf Zeppelin de DELAG, a primeira aeroliña do mundo.
Unha aeroliña, compañía aérea ou liña aérea é unha compañía de transporte aéreo de viaxeiros ou mercadorías. As compañías que transportan os clientes dunha forma acordada entre eles denomínanse chárter. As aeroliñas de bandeira son aquelas que teñen unha participación accionarial do Goberno e xeralmente posúen o monopolio dos voos internos. A primeira aeroliña foi DELAG, Deutsche Luftschifffahrts-Aktiengesellschaft, fundada o 16 de novembro de 1909.
Historia As primeiras aeroliñas Pioneiros da aviación estadounidenses, como Rufus Porter e Frederick Marriott, intentaron iniciar aeroliñas usando dirixibles a mediados do século XIX, centrándose na ruta entre Nova York e California. Eses intentos non tiveron éxito debido a desgrazas como incendios nos aparellos ou desfeitas causadas por espectadores. DELAG, Deutsche Luftschiffahrts-Aktiengesellschaft, sería a primeira aeroliña do mundo. Fundouse no ano 1909 coa asistencia do Goberno e operou con dirixibles fabricados pola Zeppelin Corporation. A súa sede estaba en Frankfurt. As catro aeroliñas máis antigas que non usaron dirixibles e que aínda existen son a neerlandesa KLM, a colombiana Avianca, a australiana Qantas e a checa Czech Airlines. O primeiro voo de KLM realizouse en maio de 1920. Qantas (siglas de Queensland and Northern Territory Aerial Services Limited) fundouse en Queensland, Australia, a finais de 1920.
Industria europea Inicios A primeira aeroliña con avións de á fixa foi Aircraft Transport and Travel, creada por George Holt Thomas en 1916. Usando unha frota de antigos biplanos militares Airco DH.4A, que modificara para levar dous pasaxeiros na fuselaxe, operou con voos de socorro entre Folkestone e Gante. O 15 de xullo de 1919 a compañía realizou un voo de proba atravesando a canle da Mancha, a pesar da falta de apoio do goberno británico. Voado por Tte. H Shaw nun Airco DH.9 entre o aeródromo de Hendon, no norte de Londres, e o aeroporto de Le Bourget de París, a viaxe durou 2 horas e 30 minutos a un prezo de 21 libras por pasaxeiro.
O 25 de agosto de 1919 a compañía usou os Airco DH.16 para comezar un servizo dende o aeródromo londiniense de Hounslow Heath ata Le Bourget, o primeiro servizo internacional regular do mundo. A aeroliña gañou ao pouco tempo unha reputación de fiabilidade, a pesar dos problemas coa mala meteoroloxía e comezou a atraer a competencia europea. En novembro de 1919 gañou o primeiro contrato de correo aéreo civil británico. Prestáronselle seis Airco DH.9A da Royal Air Force para operar este servizo entre Hawkinge e Colonia. En 1920 estes avións regresarían á RAF.
Outros competidores británicos apresuráronse a seguir os seus pasos. Handley Page Transport creouse en 1919, usou bombardeiros convertidos Type O/400 cunha capacidade para 19 pasaxeiros para realizar un servizo entre Londres e París.
Creáronse tamén as primeiras aeroliñas francesas que comezaron a competir pola mesma ruta. A Société Générale des Transports Aériens fundárona a finais de 1919 os irmáns Farman, e o Farman F.60 Goliath realizou servizos regulares dende Toussus-le-Noble ata Kenley, preto de Croydon. Outra das primeiras compañías francesas foi a Compagnie des Messageries Aériennes, creada en 1919 por Louis-Charles Breguet, ofrecendo un servizo de carga e correos entre o aeroporto de Le Bourget e o aeroporto de Lesquin, en Lille.
A aeroliña neerlandesa KLM realizou o seu primeiro voo en 1920, e na actualidade é a compañía máis antiga do mundo que operou continuamente. Creada polo aviador Albert Plesman, foi inmediatamente premiada coa designación "Real" da raíña Guillermina. O seu voo de estrea foi entre o aeroporto de Croydon, en Londres, e Ámsterdam, usando un DH-16 alugado a Aircraft Transport and Travel, levando a bordo dous xornalistas británicos e varios periódicos. En 1921 KLM iniciou os seus servizos regulares.
En Finlandia asinouse a acta constitutiva de Aero O/Y (agora Finnair) na cidade de Helsinqui o 12 de setembro de 1923. O Junkers F.13 D-335 converteríase no primeiro avión da compañía, sendo entregado o 14 de marzo de 1924. O seu primeiro voo foi entre Helsinqui e Tallinn, a capital de Estonia, e tivo lugar o día 20 de marzo.
Na Unión Soviética creouse en 1921 a Dirección Xeral da Frota Aérea Civil. Unha das súas primeiras accións foi axudar a fundar a Deutsch-Russische Luftverkehrs A.G. (Deruluft), unha empresa conxunta ruso-xermana para proporcionar transporte aéreo dende Rusia cara ao oeste. Os servizos aéreos domésticos comezaron nesa época, cando Dobrolyot iniciou as súas operacións o 15 de xullo de 1923 entre Moscova e Nizhnii Novgorod. Dende 1932 todas as súas operacións veñen realizándose baixo o nome de Aeroflot.
As primeiras aeroliñas europeas tendían a favorecer o confort, as cabinas de pasaxeiros adoitaban a ser espazosas e luxosas, sobre a velocidade e a eficiencia. As relativamente básicas capacidades de navegación dos pilotos da época tamén significaban que os atrasos debido á meteoroloxía, especialmente durante o inverno no sur de Inglaterra, eran moi comúns.
Racionalización Cara a inicios dos anos 1920 as pequenas aeroliñas estaban loitando por competir e houbo un movemento cara a incrementar a racionalización e a consolidación. En 1924 creouse Imperial Airways pola fusión de Instone Air Line Company, British Marine Air Navigation, Daimler Airway e Handley Page Transport Co Ltd., para permitirlles ás aeroliñas británicas competir coa dura competencia das francesas e alemás que estaban gozando de grandes axudas dos gobernos. A compañía foi pioneira no recoñecemento e apertura de rutas aéreas en todo o mundo para servir a zonas remotas do Imperio Británico e fomentar o comercio e a integración.
O primeiro avión novo pedido por Imperial Airways foi o Handley Page W8f City of Washington, entregado o 3 de novembro de 1924. No seu primeiro ano de operación a compañía transportou 11 395 pasaxeiros e 212 380 cartas. En abril de 1925 o filme The Lost World foi a primeira película en ser proxectada a pasaxeiros nun voo regular cando foi amosada na ruta Londres-París.
Dúas aeroliñas francesas tamén se fusionaron para crear Air Union o 1 de xaneiro de 1923. Esta posteriormente uniuse con outras catro compañías galas o 7 de outubro de 1933 para converterse en Air France, a aeroliña nacional ata o día de hoxe.
A alemá Deutsche Luft Hansa creouse en 1926 pola fusión de dúas aeroliñas, unha delas Junkers Luftverkehr. Luft Hansa, debido á herdanza de Junkers e a diferenza da meirande parte das aeroliñas da época, converteuse nunha grande investidora en aeroliñas de fóra de Europa, proporcionando capital a Varig e Avianca. As avións de pasaxeiros alemáns fabricados por Junkers, Dornier e Fokker estiveron entre os máis avanzados do mundo nese tempo.
Expansión global miniatura|300px|Mapa de abril de 1935 coas rutas de Imperial Airways a Australia e Suráfrica
En 1926 Alan Cobham recoñeceu unha ruta de voo dende o Reino Unido ata Cidade do Cabo, á que lle seguiu outra ata Melbourne. Tamén se trazaron e probaron outras rutas ata a India británica e o Extremo Oriente nesa época. Os servizos regulares ata O Cairo e Basra comezaron en 1927 e estendéronse ata Karachi en 1929. O servizo entre Londres e Australia inaugurouse en 1932 coas avións Handley Page HP 42. Abríronse máis rutas de pasaxeiros a Calcuta, Rangoon, Singapur, Brisbane e Hong Kong que partiron de Londres o 14 de marzo de 1936 tras establecer unha ramificación dende Penang a Hong Kong.
Os avións de Imperial eran pequenos, a meirande parte deles para menos de 20 pasaxeiros, e estaban destinados a xente rica (só uns 50 000 pasaxeiros usaron Imperial Airways nos anos 30). A meirande parte dos pasaxeiros en rutas intercontinentais ou en servizos entre as colonias británicas eran homes da administración colonial, dos negocios ou investigadores.
Ao igual que Imperial Airways, o crecemento inicial de Air France e KLM dependeu fortemente das necesidades de servir ás posesións coloniais remotas (Norte de África e Indochina para os franceses e as Indias Orientais para os neerlandeses). Francia iniciou un servizo de correos aéreo a Marrocos en 1919 que foi mercado en 1927 e renomeado como Aéropostale, inxectando capital para convertela nunha grande aeroliña internacional. En 1933 entrou en bancarrota, foi nacionalizada e fusionada con Air France.
Aínda que Alemaña non tiña colonias, tamén comezou a expandir os seus servizos por todo o mundo. En 1931 o dirixible Graf Zeppelin comezou a ofrecer un servizo regular de pasaxeiros entre Alemaña e Suramérica, normalmente cada dúas semanas, e que continuou ata 1937. En 1936 o dirixible Hindenburg entrou en servizo e cruzou con éxito o Atlántico 36 veces antes de estrelarse en Lakehurst, Nova Jersey o 6 de maio de 1937.
Cara a finais dos anos 30 Aeroflot convertérase na aeroliña máis grande do mundo, empregando a máis de 4 000 pilotos e 60 000 doutros traballadores, e operando con ao redor de 3 000 avións (dos cales un 75% eran considerados obsoletos segundo os seus propios estándares). Durante a era soviética Aeroflot foi sinónimo de aviación civil rusa, xa que era a única aeroliña. Converteríase na primeira compañía do mundo en operar regularmente con reactores o 15 de setembro de 1956 co Tupolev Tu-104.
Desregulación na Unión Europea A desregulación do espazo aéreo da Unión Europea a principios dos anos 90 tivo un efecto substancial na estrutura da industria alí. O cambio cara a aeroliñas "económicas" en rutas curtas foi significativo. Compañías como easyJet e Ryanair medraron acotío a expensas das tradicionais aeroliñas nacionais.
Tamén houbo unha tendencia a que as propias aeroliñas nacionais se privatizasen, como ocorreu con Aer Lingus e British Airways. Outras aeroliñas de bandeira, entre as que están a italiana Alitalia, pasaron por momentos difíciles, particularmente pola subida dos prezos do petróleo a principios do ano 2008.
Industria nos Estados Unidos Primeiros anos
miniatura|250px|Douglas DC-3 da TWA
Tony Jannus realizou o primeiro voo comercial dunha aeroliña nos Estados Unidos o 1 de xaneiro de 1914 facendo a liña St. Petersburg-Tampa. A viaxe durou 23 minutos entre St. Petersburg, Florida e Tampa, Florida, voando a uns 15 metros sobre a baía de Tampa no hidroavión biplano de Jannus Benoist XIV. O seu pasaxeiro era un antigo alcalde de St. Petersburg, que pagou 400 dólares polo privilexio de sentar nun banco de madeira na cabina aberta. A liña operou durante uns catro meses, levando a máis de 1 200 pasaxeiros que pagaban 5 dólares por viaxar. Chalk's International Airlines comezou a voar entre Miami e Bimini, nas Bahamas, en febreiro de 1919. Baseada en Fort Lauderdale, Florida, Chalk's considérase a aeroliña máis antiga que operou continuamente nos Estados Unidos ata o seu peche en 2008.