Armando Picchi, nado en Livorno o 20 de xuño de 1935 e finado en Sanremo o 26 de maio de 1971, foi un futbolista e adestrador italiano, que xogaba como defensa. Está considerado como un dos mellores líberos da historia do fútbol italiano.
Comezou a súa carreira nas filas do Livorno, no que xogou durante cinco anos (de 1954 a 1959) consolidándose como lateral dereito, antes de pasar ao SPAL. En 1960 ingresou no Inter de Milán, onde Helenio Herrera o recolocou como líbero. Militou no club lombardo ata 1967, acumulando un total de 257 partidos e 2 goles. Capitaneou o club na conquista de tres ligas italianas, dúas Copas de Europa e outras tantas Copas Intercontinentais. Rematou a súa carreira en 1969 xogando no Varese. Menos afortunada foi a súa experiencia coa selección italiana, coa que disputou 12 partidos, pero sen participar en ningún Mundial ou Eurocopa.
Como adestrador dirixiu primeiro o Varese (na dobre función de adestrador e xogador) e máis tarde o Livorno. En 1970 foi contratado pola Juventus, á que dirixiu con bos resultados ata a súa prematura morte en 1971.
Traxectoria Nacido en Livorno, criouse en Vada, unha fracción do concello de Rosignano Marittimo. Comezou a xogar ao fútbol seguindo os pasos do seu irmán máis vello, Leo.
Debutou co Livorno na Serie A na tempada 1954/55, facéndose axiña coa titularidade, despois de pasar do posto de mezzala ao lateral. Permaneceu no club da Toscana durante cinco tempadas, xogando 105 partidos e anotando 5 goles. En 1959 foi contratado polo SPAL, tamén da Serie A. Militou unha soa tempada no equipo de Ferrara, acadando o quinto posto no campionato, o mellor resultado da historia do club.
Para a seguinte campaña foi adquirido polo Inter de Milán, que pagou por el uns 24 millóns de liras, ademais das venda definitivas de Oscar Massei, Enzo Matteucci e Ambrogio Valadè. No equipo nerazzurro comezou a xogar como lateral dereito, posición que xa ocupara en Livorno e Ferrara. Tralo remate da tempada 1961/62, Helenio Herrera moveuno ao centro para que actuase como líbero, e acabou por converterse nun dos máximos expoñentes mundiais de dita posición. En 1962 sucedeu a Bruno Bolchi como o capitán do equipo e levantou tres títulos de liga, dúas Copas de Europa e dúas Copas Intercontinentais. Foi titular e capitán do equipo nas tres finais da Copa de Europa que o club disputou na década de 1960: as gañadas ante o Real Madrid de Di Stéfano e o Benfica de Eusébio, e a perdida contra o Celtic dos Lisbon Lions.
Disputou un total de 257 partidos co Inter, nos que marcou 2 goles. Nos seus últimos tempos no club, a súa relación con Helenio Herrera foise deteriorando, e no verán de 1967 o técnico díxolle ao presidente Angelo Moratti que debía escoller entre os dous.
Deste xeito, Picchi foi traspasado ao Varese, co que xogou dous anos máis na Serie A, no segundo deles exercendo a dobre función de xogador-adestrador. Colgou finalmente as botas en 1969.
Selección italiana Debutou coa selección italiana en Xénova o 4 de novembro de 1964, nunha goleada por 6-1 sobre Finlandia. Con todo, apenas contou para o seleccionador Edmondo Fabbri e non foi convocado para o Mundial de 1966 en Inglaterra.
Máis tarde, xa con Ferruccio Valcareggi e Helenio Herrera á fronte da selección, foi convocado para todos os partidos de clasificación para a Eurocopa de 1968. Con todo, o 6 de abril do mesmo ano, nun partido ante Bulgaria, sufriu unha fractura de pelve que o deixou fóra do torneo continental do que Italia se proclamou campioa. A súa grave lesión puxo fin á súa carreira internacional.
Adestrador miniatura| Picchi adestrador da Juventus na tempada 1970-1971, uns meses antes da súa morte. A súa carreira nos bancos comezou no Varese durante a parte final da tempada 1968/69, na que actuou como xogador-adestrador xunto con Sergio Brighenti trala destitución de Bruno Arcari. Non conseguiron manter a categoría e o equipo acabou descendendo á Serie B. Para a tempada seguinte colgou definitivamente as botas e colleu as rendas do Livorno na Serie B, tralo cesamento de Aldo Puccinelli. Conseguiu sacar o equipo da zona de descenso, grazas ás súas 12 xornadas como invicto, e acabou no noveno posto final. A partir destas primeiras experiencias, Picchi amosaba nos bancos unhas hábiles calidades presaxiaban unha carreira como adestrador de alto nivel.
Despois de deixar o equipo amaranto, foi chamado polo seu antigo adestrador e naquel momento director deportivo da Juventus, Italo Allodi, para poñerse á fronte do club piemontés na tempada 1970/71. O club estaba inmerso nunha profunda renovación, e contaba con prometedores xogadores como Bettega, Capello e Causio. Aos seus 35 anos, Picchi era o adestrador máis novo da Serie A.
A campaña comezou de xeito irregular na liga, pero contando por vitorias todos os seus encontros na Copa de Feiras. Con todo, os síntomas da enfermidade que o levarían á súa prematura morte obrigárono a abandonar o banco da Juve xa nos primeiros meses de 1971, sendo substituído polo checoslovaco Čestmír Vycpálek. O último partido que dirixiu foi o 7 de febreiro, en Boloña, no que acabou expulsado por protestas. A nova Juve que montou -que, de feito, sentou as bases do triunfante equipo dos anos 70- pechou o torneo de liga en cuarta posición, e acadou a final da Copa de Feiras (perdida ante o Leeds United), á que Picchi xa non puido asistir, pois faleceu o día antes do partido de ida.
Morte Morreu o 26 de maio de 1971, pouco antes de cumprir os 36 anos, por mor dun tumor na columna vertebral. O seu irmán Leo, doutor en farmacia, argumentou que a causa da súa enfermidade fora un tratamento incorrecto trala fractura da pelve que sufriu en 1968.
O día do funeral, que tivo lugar en público a pesar da vontade contraria da familia, houbo unha numerosa participación da cidadanía de Livorno. Un mes despois da súa morte, creouse na súa honra o Torneo Picchi. En 1971 fundouse en Livorno o Armando Picchi Calcio, club de fútbol que xoga os seus partidos no Campo Sportivo Armando Picchi. Ademais, en 1990 o estadio do Livorno foi rebautizado como Stadio Armando Picchi.
Características técnicas Comezou a súa carreira xogando como dianteiro ou centrocampista, ata que o adestrador Mario Magnozzi atrasou a súa posición ata a defensa. Máis tarde estableceuse como lateral dereito, posto no que se mostrou duro e áxil, distinguíndose tamén pola súa facilidade para o ataque.
Coa súa chegada ao Inter de Milán foi gradualmente reconvertido á posición de líbero polo adestrador Helenio Herrera, e colocado no mando da retagarda. Porén, este estilo de xogo limitou considerablemente as súas saídas ofensivas, e esta foi unha das causas das súas poucas internacionalidades coa selección. O seleccionador de Italia entre 1962 e 1966, Edmondo Fabbri, considerábao demasiado defensivo.
Tamén estaba dotado dunha gran personalidade que, sumada á habilidade para ler os partidos, converteuno nunha especie de "adestrador no campo".
Vida persoal Casado con Francesca, tivo dous fillos: Leo e Gianmarco.
Palmarés Inter de Milán Serie A (3): 1962/63, 1964/65, 1965/66. Copa de Europa (2): 1963/64, 1964/65. Copa Intercontinental (2): 1964, 1965.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigos Stadio Armando Picchi
Ligazóns externas
Datos do xogador no sitio web do Inter de Milán . Datos do xogador coa selección italiana .
Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Italia Categoría:Adestradores do Juventus FC Categoría:Adestradores do AS Livorno Categoría:Xogadores do AS Varese 1910 Categoría:Xogadores do Inter de Milán Categoría:Xogadores do AS Livorno Categoría:Xogadores do SPAL