The Mull of Kintyre (en gaélico Maol Chinn Tire [mɯːl̪ˠ çiɲˈtʲʰiːɾʲə] ) é o extremo sur da península de Kintyre, ao suroeste de Escocia. O seu nome é unha anglicización do orixinal goidélico Maol Ceanntìre. Na zona hai un faro histórico, e a súa fama estendeuse enormemente desde que en 1977 o ex Beatle Paul McCartney coa súa banda Wings lle dedicou unha canción homónima na súa honra.

Xeografía O Mull de Kintyre está situado no extremo sur da península do mesmo nome, polo que é un importante punto de paso e vixilancia. Esta península está entre o mar das Hébridas e o Firth of Clyde. Desde este promontorio pódese ver tanto Ailsa Craig como a costa norte de Irlanda.

O estreito de Moyle, que forma parte da Canle do Norte, permite navegar desde o mar de Irlanda até o océano Atlántico. No seu punto máis próximo, Irlanda está a só 20 km a través do estreito, sendo a distancia máis curta entre a illa de Irlanda e Gran Bretaña.

Os bordos empinados e elevados da costa de Kintyre fan que sexa un perigo para a aviación, especialmente para os avións pequenos. Na beira do Mull pódense ver os restos de varios avións estrelados durante a Segunda guerra mundial.

Historia O Mull, pola súa situación estratéxica, foi unha importante ponte de conexión ao longo da historia. Crese que xa era usado polos primeiros europeos que cruzaron a Irlanda. En tempos máis próximos, foi utilizado polos escotos cando viaxaban desde Irlanda para establecer o reino de Dalriada na zona da actual Dál Riata.

Faro O faro de Mull of Kintyre foi o segundo construído por orde do Northern Lighthouse Board. Foi deseñado e construído polo enxeñeiro Thomas Smith, e foi rematado en 1788. Este faro tivo que ser reconstruído na década de 1820, pasou a ser eléctrico en 1976 e automatizouse en 1996 . A antiga casa do faro é hoxe un lugar turístico dirixido polo National Trust for Scotland .

O termo mull O nome Mull provén do Goidelic Maol, e designa un outeiro redondo, un cumio ou unha montaña sen árbores (figurativamente tamén se usaba para referirse a unha testa ou unha calva). Como adxectivo, a palabra designa algo que está espido. En Escocia úsase máis habitualmente no suroeste do país, onde se emprega para referirse a golfos ou promontorios e, máis concretamente, ao final dunha península. Ademais de Kintyre, hai outros mulls en Escocia, como o Mull of Galloway, o Mull of Oa (en Islay), o Mull of Cara (no sur da illa de Cara), o Mull of Logan (nos Rhins de Galloway ) ou Mull Head en Orkney (Orcadas).

O nome da illa de Mull, nas Hébridas Interiores, parece ter unha derivación pregaélica diferente.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

Páxina oficial de turismo de Kintyre Kintyre Lighthouse on the Mull Información sobre o faro (arquivado).

Categoría:Xeografía de Escocia Categoría:Xeografía do Reino Unido