As granulacións aracnoides, tamén chamadas vilosidades aracnoides ou villi aracnoides (un nome máis antigo é granulacións ou corpos de PacchioniNome dado en honra do anatomista italiano Antonio Pachioni. ) son pequenas protrusións da aracnoide (a segunda capa ou meninxe que cobre o cerebro) que se estenden na membrana máis externa ou dura máter (a grosa capa externa menínxea). Fan protrusión nos seos venosos durais do cerebro e permiten que o líquido cefalorraquídeo saia do espazo subaracnoide e entre no torrente sanguíneo.

As granulacións máis grandes dispóñense ao longo do seo saxital superior, un grande espazo venoso que vai desde a parte frontal á posterior ao longo do centro da cabeza intracranialmente. Porén, están presentes tamén noutros seos durais.

Función

A difusión a través das granulacións aracnoides cara ao seo saxital superior devolve o líquido cefalorraquídeo á circulación venosa.

As granulacións aracnoides actúan como válvulas dunha soa dirección. Normalmente a presión do líquido cefalorraquídeo é maior que a do sistema venoso, deste modo, o líquido cefalorraquídeo flúe a través das granulacións cara ao sangue. Se a presión se inverte por algunha razón, o líquido non poderá pasar de volta ao espazo subaracnoide. A razón disto non se coñece. Suxeriuse que as células endoteliais do seo venoso crean vacúolos de líquido cefalorraquídeo, que se move a través das células e saen delas cara ao sangue.

A importancia das granulacións aracnoides para a drenaxe do líquido cefalorraquídeo é bastante polémica. Nalgúns informes unha gran porción (quizais a maioría) do líquido cefalorraquídeo drénase a través de vasos linfáticos asociados con segmentos extracraniais dos nervios craniais. Crese que unha gran proporción de líquido cefalorraquídeo abandona a bóveda cranial polos axóns do primeiro nervio cranial (nervio olfactorio) a través da súa extensión pola placa cribriforme.

Na superficie interna dos ósos craniais, hai pequenos ocos chamados fóvea granular producidos polas granulacións aracnoides.

Notas

Galería

Categoría:Meninxes