Víctor Arteaga González, nado o 26 de maio de 1992 en Cuenca, é un xogador español de baloncesto profesional internacional. Formado nas categorías inferiores do Real Madrid, actualmente xoga para o Río Breogán da Liga ACB. Cunha altura de 2,13 m, xoga na posición de pivote.

Traxectoria Nado en Cuenca, Arteaga formouse nas categorías inferiores do Real Madrid. No ano 2010 comezou a xogar co filial do equipo madrileño en Liga EBA, chegando a debutar co primeiro equipo nun xogo de Euroliga ante o Spirou Charleroi. Neste encontro disputou os tres últimos minutos, anotando unha canastra para a vitoria do seu equipo por 94−45. En febreiro de 2012 vaise cedido ao Blancos de Rueda Valladolid da Liga ACB, onde disputa os seus primeiros partidos na máxima categoría. Após finalizar a temporada, deixa o Real Madrid e asina polo CEBA Guadalajara, club de nova creación na LEB Prata.

O seu bo rendemento chamou a atención do UCAM Murcia da ACB, que o asinou e o cedeu ao Força Lleida de LEB Ouro. Na segunda categoría chega ser MVP da xornada en dúas ocasións, o que fai que o equipo murciano o incorpore ao seu elenco ACB en febreiro. Alí xoga as dúas seguintes temporadas, asinando posteriormente en 2016 polo Movistar Estudiantes. No equipo madrileño permanece até 2021. Mentres formaba parte do Estudiantes, Arteaga é convocado coa selección española, onde xoga nas fases de clasificación para o Eurobasket e o Mundial. Após o descenso do Estudiantes á Liga LEB, Artega fai a pretemporada co Club Baloncesto Breogán, onde consegue gañar a Copa Galiza. Con todo, non acaba por formar parte do elenco final do club e asina co MoraBanc Andorra, onde xoga en ACB e na Eurocup. Após o descenso do club andorrano, Arteaga regresa ao Breogán, esta vez para disputar a temporada completa.

Clubs Ao longo da súa carreira, Arteaga ten xogado para os seguintes equipos profesionais: Real Madrid B (EBA, 2010–2012) Real Madrid (Euroliga, 2010) Blancos de Rueda Valladolid (ACB, 2012) CEBA Guadalajara (LEB Prata, 2012−2013) Força Lleida (LEB Ouro, 2013–2014) UCAM Murcia (ACB, 2014–2016) Movistar Estudiantes (ACB / Champions League, 2016−2021) MoraBanc Andorra (ACB / Eurocup, 2021−2022) Río Breogán (ACB / Champions League, 2022−presente)

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Perfil en Euroliga Perfil en ACB Perfil en Proballers

Categoría:Nados en 1992 Categoría:Nados en Cuenca Categoría:Xogadores de baloncesto de España Categoría:Pivotes de baloncesto Categoría:Xogadores de baloncesto da ACB Categoría:Xogadores do Real Madrid Baloncesto Categoría:Xogadores do CB Valladolid‎ Categoría:Xogadores do Força Lleida CE‎ Categoría:Xogadores do CB Murcia Categoría:Xogadores do CB Estudiantes Categoría:Xogadores do BC Andorra Categoría:Xogadores do Club Baloncesto Breogán Categoría:Xogadores da selección de baloncesto de España