miniatura|Pasos na síntese do ADN nos que se mostra a RPA
A proteína de replicación A (RPA) é a principal proteína que se une ao ADN monocatenario (ssDNA) nas células eucariotas. In vitro, a RPA mostra unha moita maior afinidade polo ADN monocatenario que polo ARN ou polo ADN bicatenario. A RPA é necesaria para a replicación do ADN, a recombinación xenética e os procesos de reparación como a reparación por escisión de nucleótidos e a recombinación homóloga. Tamén exerce unha función na resposta aos danos no ADN.
Estrutura
A RPA é un heterotrímero composto polas subunidades RPA1 (RPA70, subunidade de 70kDa), RPA2 (RPA32, subunidade de 32kDa) e RPA3 (RPA14, subunidade de 14kDa). As tres subunidades da RPA conteñen seis pregamentos OB (de unión a oligonucleótidos/oligosacáridos), con dominios de unión ao ADN (DBD) designados como DBDs A-F, que unen a RPA ao ADN monocatenario.
Os DBDs A, B, C e F están localizados na RPA1, o DBD D está situado na RPA2 e o DBD E na RPA3. Os DBDs C, D e E constitúen o núcleo de trimerización da proteína con rexións enlazadoras flexibles que os conectan. Debido a estas rexións enlazadoras flexibles, a RPA considérase moi flexible e isto favorece a unión dinámica que a RPA pode conseguir. Debido a esta dinámica de unión, a RPA tamén pode adoptar diferentes conformacións e pode abranguer un variado número de nucleótidos.
Os DBDs A, B, C e D son os sitios que están implicados na unión ao ADN monocatenario. As interaccións proteína-proteína entre a RPA e outras proteínas ocorren no N-terminal da RPA1, especificamente no DBD F, xunto co C-terminal da RPA2. A fosforilación da RPA ten lugar no N-terminal da RPA2.
A RPA comparte moitas características co heterotrímero complexo CST, aínda que a RPA ten unha estequiometría máis uniforme 1:1:1.
Funcións
Durante a replicación do ADN, a RPA impide que o ADN bicatenario se enrole de novo sobre si mesmo ou forme estruturas secundarias. Tamén axuda a protexer o ADN monocatenario do ataque das endonucleases. Isto mantén o ADN desenrolado para que a polimerase o replique. A RPA tamén se une ao ADN monocatenario durante a fase inicial da recombinación homóloga, un importante proceso na reparación do ADN e na profase I da meiose.
A hipersensibilidade a axentes que danan o ADN pode ser causada por mutacións no xene RPA. Igual que o seu papel na replicación do ADN, isto evita que o ADN monocatenario se una consigo mesmo (en zonas autocomplementarias) para que o filamento de nucleoproteína resultante poida unirse a Rad51 e aos seus cofactores.
A RPA tamén se une ao ADN durante o proceso de reparación por escisión de nucleótidos. Esta unión estabiliza o complexo de reparación durante o proceso de reparación. Un homólogo bacteriano denomínase proteína SSB, que exerce a mesma función pero non ten homoloxía de secuencias.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Proteína SSB Proteína de repliacaión A1 Proteína de replicación A2 Proteína de replicación A3
Categoría:Xenética Categoría:Proteínas