O termo microfibrila utilízase para designar unha fibrila moi fina ou filamento, que pode estar formado por proteínas (fibrilina, coláxeno) ou por compostos non proteicos como a celulosa da parede celular das plantas.

Microfibrilas de celulosa A celulosa sintetízase pola celulosa sintase da membrana celular. A medida que se sintetizan as fibrilas de celulosa, crecen extracelularmente e son empurradas contra as células veciñas. Finalmente, isto ten como resultado que a célula queda envolta por unha capa de microfibrilas, a cal constitúe a parede celular. A organización das microfibrilas que forman a parede celular primaria é bastante desorganizada. Porén, na parede celular secundaria teñen unha maior organización en capas, nas cales as microfibrilas son paralelas en cada capa, pero teñen distinta dirección nas sucesivas capas.

Microfibrilas proteicas Fibrilina As microfibrilas de fibrilina fórmanse no tecido conectivo, principalmente feitas de fibrilina-1 e proporcionan elasticidade. Durante a ensamblaxe, as microfibrilas teñen unha disposición repetitiva de colar de doas producida polos enlaces cruzados entre as moléculas que forman un padrón estriado cunha periodicidade dada cando se ven tinguidas baixo o microscopio electrónico. Na formación de fibras elásticas, as microfibrilas de fibrilina guían o depósito de tropoelastina (precursor da elastina) e permanecen formando a capa externa das futuras fibras de elastina maduras. As microfibrilas están tamén asociadas coa comunicación celular. A formación de microfibrilas na rexión pericelular afecta á actividade dun factor de crecemento chamado TGFβ.

Mutacións no xene da fibrilina-1 orixinan un trastorno xenético chamado sínrome de Marfan. As mutacións na fibrilina afectan o funcionamento do TGFβ e a formación de matriz extracelular, causando trastornos no sistema nervioso central, sistema crculatorio, ollos e sistema esquelético.

Coláxeno O coláxeno está formado por monómeros de tropocoláxeno. Os monómeros de tropocoláxeno colócanse liñalmente cabeza con cola e paralalemente a outros e con certo desfase, formando microfibrilas e despois fibrilas. O coláxeno así formado pode unirse ás membranas celulares por medio de diversas proteínas, como a fibronectina e a integrina. As fibrilas de coláxeno poden unirse formando fibras de coláxeno máis grandes.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Fibrila

Categoría:Fibras Categoría:Celulosa