miniatura|Bikova nun selo de Iugoslavia de 2001 Elisaveta Ivanovna Bikova (en ruso: Елизаве́та Ива́новна Бы́кова), nada o 4 de novembro de 1913 e finada o 8 de marzo de 1989, foi unha xadrecista soviética, dúas veces Campioa Mundial de Xadrez Feminino, de 1953 a 1956 e de 1958 a 1962. Recibiu os títulos de Mestra Internacional Feminina en 1950, Mestre Internacional en 1953 e Gran Mestra Feminina en 1976. En 2013 foi incluída no Salón Mundial da Fama do Xadrez.

Traxectoria Bikova naceu no seo dunha familia campesiña. Con doce anos mudáronse a Moscova, onde empezou a xogar ao xadrez co seu irmán. O seu talento fíxose evidente en 1927, cando gañou o campionato de xadrez da súa escola.

En 1938 gañou o campionato feminino de Moscova e despois da segunda guerra mundial foi tres veces gañadora do Campionato Soviético Feminino de Xadrez (1946, 1947 e 1950).

En 1952 gañou o torneo feminino de Candidatos en Moscova. En 1953 derrotou en Leningrado a entón campioa mundial Liudmila Rudenko con sete vitorias, cinco derrotas e dúas táboas. Perdeu o título ante Olga Rubtsova en 1956, mais gañouno de novo dous anos despois, co que se converteu na primeira muller en facelo.

En 1960 defendeu con éxito o título ante Kira Zvorikina (+6 -2 =5), mais en 1962 perdeuno ante a moza Nona Gaprindashvili, de 21 anos (+0 -7 =4).

Traballou de enxeñeira nunha destacada imprenta de Moscova, e foi tamén autora e columnista sobre xadrez na URSS. Apaixonada polo xadrez feminino, Bikova escribiu tres libros sobre Vera Menchik, xadrecistas soviéticas e o Campionato Mundial Feminino. Tamén promoveu o xadrez a través de conferencias e da organización de torneos.

Notas

Ligazóns externas

Categoría:Xadrecistas do século XX Categoría:Finados en 1989 Categoría:Nados en 1913 Categoría:Nados no óblast de Vladímir Categoría:Xadrecistas da Unión Soviética