Los Serrano foi unha serie de televisión producida por Globomedia e emitida orixinalmente pola canle española Telecinco entre o 22 de abril de 2003 e o 17 de xullo de 2008, durante oito tempadas. Relata os enredos da familia Serrano, que vive na Rolda de Santa Justa nº 133, situado no ficticio barrio de Santa Justa, na Ribeira do Manzanares, en Madrid. A familia rexenta a taberna Hermanos Serrano.
Desde a súa estrea, foi un dos espazos con maior audiencia da canle, sendo o programa máis visto en España en 2004 e mantendo de forma regular o liderado de audiencia na súa franxa horaria.
Ademais do apoio do público, a serie recibiu tamén múltiples premios, entre os que destacan o Ondas á Mellor serie española, o Micrófono de ouro, o Fotogramas de Prata, o Premio Zapping ou o da Academia da Televisión, entre outros.
Personaxes O elenco da serie estaba formado nun principio pola familia Serrano, propietaria da Taberna Serrano, e a familia Martínez, que posuía un taller e estaba fortemente vinculada ó colexio Garcilaso de la Vega.
Personaxes actuais A familia Serrano Diego Serrano Moreno (Antonio Resines): Taberneiro, de cincuenta anos e afeccionado ó fútbol, pai viúvo de tres fillos homes. Obsesionado con manter a paz na familia a toda costa, e en ocasións moi malpensado, vendo cousas onde non as hai, o que el mesmo chama a mirada sucia. Ó morrer Lucía sofre desconcerto, pero logra refacer a súa vida a carón de Celia. Guillermo "Guille" Serrano (Víctor Elías): é o segundo irmán, que empezou a serie con 11 anos. É o máis trasno e burlón e encántalle meterse en leas. No colexio é o líder do grupo de amigos, formado por Boliche, Valdano e DVD. Namorouse profundamente da súa medio irmá Teté, á que inicialmente odiaba a morte e renegaba de ser o seu medio irmán, pero tras uns malentendidos, ela decide abandonar a relación. Trala volta das vacacións de 2007, nas que foi a visitar ó seu irmán a Tolosa, coñeceu a Sandrine e furxiron a Marrocos para vivir como hippies. O seu pai tróuxoo de volta a Santa Justa e posteriormente Sandrine abandonouno. Ó final da sétima tempada confesa a Teté o seu amor repasando toda a súa relación mediante post-its, e volven xuntos. Madurou moito desde o inicio da serie, tanto academicamente como no seu bo facer e na súa sensatez. No cuarto episodio da última tempada déitase con Teté e planean írense vivir a Barcelona. Francisco "Curro" Serrano (Jorge Jurado): é o menor da familia. Narra e introduce cada episodio desde a súa visión infantil. É un neno tímido, cariñoso e sensible, que empezou a serie con 8 anos. Ó longo da serie foi namorando de rapazas como Sara ou Cris, pero coa chegada do seu curmán Juan desaparece a súa faceta de neno bo. No penúltimo capítulo atropela ó churreiro do barrio, polo que no último é levado a comisaría. María Teresa "Teté" Capdevila Gómez (Natalia Sánchez), a irmá pequena de Eva, ten 11 anos ó principio da serie. Vai a clase con Guille, e a súa mellor amiga é Yoly. É bastante impetuosa e atractiva, mesmo con rapaces maiores, saíndo un tempo con Richi, un delincuente xuvenil, e namorando a Boliche e DVD. Saíu unha tempada co seu medio irmán Guille, ó que deixou por un malentendido co seu amigo DVD. Foi vivir co seu pai a Barcelona trala morte da súa nai, pero acaba volvendo ó barrio. Volve disposta a recuperar a Guille, pero este mantén unha nova relación con Sandrine, o que pon celosa a Teté. Ó final da sétima tempada volven xuntos, tras confesarlle o seu amor mediante unha carta. Doña Carmen Casado (Julia Gutiérrez Caba), nai de Lucía e avoa de "todos", unha muller viúva que encontrou na súa familia un apoio incondicional, axudando e mediando na casa da familia. Aínda que non comparte as ideas e modais de Diego e Santiago, sente un profundo cariño cara eles. Mantivo unha relación con Francisco Serrano e algún que outro curto namoramento de Santiago Serrano. Durante o seu período de casada, o seu marido mantiña relacións coa criada, á que chamaba Mi Gitana
Os Serrano Salgado Santiago Serrano Moreno (Jesús Bonilla), é o irmán maior de Diego e socio da taberna, ademais de presidente do Santa Justa F.C. Casado, idolatra ó seu falecido pai e teno como modelo a seguir. É agarrado, malpensado, solitario e rosmón. O seu maior medo é quedar só na vida. Casa con Lourdes, a profesora de relixión do Colexio Garcilaso, e tras moitos problemas, debidos ós malos hábitos alimenticios de Santi, concibiron un neno. Ese mesmo día, Santi, tras uns malos investimentos na bolsa, perdeu o capital da Taberna Serrano, que foi comprada por Emilia, que contratou a Santi e a Diego de camareiros, pero finalmente volven comprar a taberna. No último capítulo nace a súa filla. María Lourdes "Lourditas" Salgado Fernández (Goizalde Núñez), é a beata profesora de relixión do colexio, que posteriormente casa con Santiago. É moi boa cos nenos, que a toman como obxecto constante das súas bromas. Debido á súa fe e á forte educación da súa nai, é moi tímida cos homes, e aínda que desde o principio da serie saíu varias veces con Santiago, non chegaron a conxeniar, e incluso case decide ordenarse monxa e marchar de misións tras un desengano con el. Pero despois casan e teñen primeiro a Santiaguín e no último capítulo nace unha filla. Adela Fernández (María Alfonsa Rosso), é a nai viúva de Lourditas. É moi posesiva coa súa filla, e mantívoa criada nunha ríxida moral, o que creou en Lourditas bastantes problemas á hora de consumar o matrimonio. Odia ó seu xenro Santiago, e é correspondida por este, e sofren encontróns cada vez que se encontran. Santiago "Santiaguín" Serrano Salgado, é o fillo de Santiago e Lourditas.
Os Martínez Fructuoso Guillermo "Fiti" Martínez Carrasco-Lavín (Antonio Molero), é o mellor amigo de Diego e Santi. Ten a mesma idade que Diego. Mecánico de profesión, e bastante arriscado, fantasioso e excéntrico. Estaba profundamente namorado da súa muller, Candela. É de orixe murciana. É un home de costumes, e adoita pasar o día tomando canas e tapas na Taberna Serrano, pero non sempre as paga. Os xoves acostumaba ir cear ó restaurante chinés con Candela, mantendo o costume co seu fillo Raúl. Os disparates que saen da súa cabeza pásanlle factura, e acostuma enlear os seus amigos nas súas sospeitas conxugais ou nos seus ambiciosos plans e delirios de grandeza, como cando creu ser familiar dun marqués. Estas cavilacións levárono a innumerables pelexas cos seus amigos e a súa muller, da que estivo separado nun par de ocasións, e levárono dúas veces ó bordo do suicidio. Tras separarse definitivamente de Candela, abandonou o piso da familia, instalouse en casa dos Serrano e vendeu o taller por 100 millóns de pesetas, que investiu en bolsa duplicando así o capital investido. Animou a Santi a xogarse a taberna en bolsa, mediante unha empresa financeira pantasma, facéndolles caer a el e a Diego na bancarrota. El mesmo arruinouse ó comprar en México un hotel a piques de ser demolido, téndose que unir ó equipo de camareiros da nova dirección da Taberna Serrano. Logo dun ano compartindo con Raúl o sofá-cama de casa de Diego, marcharon a compartir un piso con Choni e José Luis. Trala recompra da taberna polos irmáns Serrano, encontrou un emprego nun taller mecánico, e posteriormente decidiu abrir un novo taller xunto ó seu filo Raúl: Fiti and Son. Ó final o amor é benévolo co entrañable Fiti e no último capítulo decláraselle Ana, irmá de Candela. Raúl Martínez Blanco (Alejo Sauras), é o mellor amigo de Marcos. Está obsesionado coas mulleres, e é tan excéntrico como o seu pai. É malo nos estudos, e intentou desde xogar no Real Madrid, a ser baixista ou modelo. Primeiro namorouse e mantivo unha fugaz relación con Eva, e máis adiante da mellor amiga desta, África. É máis sensible do que aparenta, aínda que é infiel por natureza. A súa debilidade polas mulleres ocasionoulle grandes problemas con África, coa que cortou e se reconciliou innumerables veces. Tivo varios traballos nos que nunca triunfou, entre eles, no Colexio Garcilaso como bedel, como cobrador de morosos, ou como bolseiro na oficina do taller onde traballaba o seu pai. É pai dun neno chamado Adrián. A nai, logo de sorprendelo coa noticia e deixar ó neno ó seu coidado, levouno con ela a California. Rexentaba xunto ó seu pai o taller mecánico Fiti and Son. No último capítulo retoma a súa relación con África. María Asunción "Choni" Martínez Carrasco (Pepa Aniorte), é a irmá de Fiti, que volve a Santa Justa para coidar de Fiti, tralo abandono de Candela. Dedicou a súa vida a ser cantante de orquestra de vodas e verbenas, e ten un marcado acento murciano. É de fácil palabra, populacheira, namoradeira e afeccionada ó pipermín. Instalouse en casa dos Serrano, ó separárense Diego e Lucía, namorándose de Diego (sen que el o quixese). Posteriormente mantivo unha relación con José Luis, o irmán de Lourditas, co que acaba casando. Traballa de bedel do colexio Garcilaso. Na última tempada élle infiel a José Luís con Nacho, o chacineiro. José Luis Salgado Fernández (Javier Gutiérrez), coñecido tamén como Chiquitín ou Josico (tal como o chama Choni), é o irmán "universitario" de Lourditas. É un estafador profesional. Vén de Salamanca fuxindo dos seus acredores, e instálase en Santa Justa despois de Santi saldarlle a débeda, a condición de non facer sufrir máis á súa irmá. Tras unha relación sobresaltada con Choni, acaban casando, e decide sentar cabeza, dicindo que se enrolou nun barco pesqueiro que faena no cabo de Fornos, cando realmente estaba na prisión de Alhaurín, tras ser inculpado por unha mafia dun delito que non cometera, tras gañarlles unha partida de póker. Participa na recompra da Taberna Serrano, da que é novo socio. Na última tempada marcha a León a cobrar unha herdanza, pero en vez de regresar, marcha a facer negocios xunto a Flavio Briatore. Tras velo nun xornal no iate do italiano, Fiti, Diego e Santi van recuperalo, pensando que marchara do barrio definitivamente, pero finalmente soluciónase todo e volve xunto a Choni.
O grupo de Guille e Teté José María Bellido, "Boliche", (Andrés de la Cruz), é un amigo de Guille, con obesidade mórbida. É o fillo do Fritangas, coñecido personaxe do barrio, e estivo namorado de Teté. David Borna, "DVD", (Adrián Rodríguez), é un rapaz afeccionado á informática, ó breakdance e ó hip hop. Estivo namorado de Teté, que nunha ocasión utilizouno para dar celos a Guille. Matías Scobich, "Valdano" (Juan Luppi), arxentino e un dos amigos incondicionais de Guille. Namorouse da súa profesora, Lucía. Na 3ª tempada regresou ó seu país, pero volveu na 5ª. Yolanda "Yoli" Bellido (Sara López). É a mellor amiga de Teté e a irmá de Boliche. Ó igual que o seu irmán, recheíña, e ademais usa lentes, motivo polo que está cohibida. É unha rapaza idealista que busca o seu primeiro amor; está namorada de Valdano. Ten moi boas notas e é obxectivo das mofas de Guille e os seus amigos.
Docentes do Colexio Garcilaso Fernando González (Ales Furundarena), aínda que é chamado erroneamente por Diego, Santi e Fiti como Fermín. É o psicólogo do colexio e aconsella a Diego en infinidade de ocasións para que poida axudar á súa familia. É homosexual, e Diego e Santi intentan devolverlle o favor axudándoo a saír do armario e intentando que a súa anterior parella, Carlos, volva con el. Animou a Diego a estudar un curso de psicoloxía. Celia Montenegro (Jaydy Michel), é a profesora de inglés. Nacida en México, e de educación europea. É unha moza doce e refinada, e no seu pasado foi modelo e unha grande estrela das telenovelas mexicanas, e está separada dun afamado escritor brasileiro. Trala súa chegada a Madrid e ó Garcilaso, convértese en grande amiga de Choni, e namórase de Diego, co que acaba vivindo.