Ondas Galicia foi unha cadea de radios galegas existente entre 1982 e 1987. Vinculada á SER e a varios xornais galegos, foi a primeira rede de emisoras privadas galegas que producía enteiramente a súa programación dende Galicia.

Historia A idea de crear unha cadea privada de radios galegas foi proposta por Ramón Varela Pol, conselleiro delegado da SER e natural de Santiago de Compostela. Para artellala conformouse unha compañía en cuxo accionariado participaban: La Región, El Correo Gallego, El Progreso, Faro de Vigo, a SER e as súas emisoras asociadas en Galicia. O presidente do Consello de Administración foi José Luis Outeiriño e o primeiro director foi Fernando Madriñán.

Ondas Galicia comezou a emitir o 22 de novembro de 1982 cando se inaugurou os estudios de Santiago de Compostela, estación central da cadea. A radio fórmula predominaba na programación e cada unha das emisoras (Santiago, Lugo, Ourense, Vigo e A Coruña) contaba con seis horas para a produción propia. Transmitía tres informativos de media hora ao longo do día, o das 20 horas en lingua galega, ademais de boletíns máis breves en cada hora. Destacou o programa deportivo dirixido por Xesús Lodeiro Cisneros. Entre outros profesionais traballaron en Ondas Galicia: Pepe Domingo Castaño, Xosé Manuel Pereiro, Pemón Bouzas, Moncho Lemos,Marina Castaño, Aida Pena, Ricardo Bao, Tino Santiago, Ovidio González ou Elvira Varela.

Con todo, os resultados da explotación da cadea non satisfaceron os obxectivos iniciais. Así no ano 1986, a SER adquiriu a totalidade das accións e puxo como director a Javier Asenjo González, e a partir de 1987 a cadea mudou de denominación e acolleu a retransmisión de Radio Minuto. Dende o mes de xullo de 1991, as frecuencias locais foron explotadas directamente polas emisoras galegas asociadas á SER, emitindo moitas delas a sintonía de M80 Radio a partir de 1993.

Notas

Véxase tamén Bibliografía Blanco Campaña, X. L. (1999). Historia da radio en Galicia. Edicións Lea. pp. 278–279. ISBN 84-89947-73-2.

Categoría:Emisoras de radio de Galicia Categoría:Medios de comunicación de Santiago de Compostela