Lucía Taboada Vázquez, nada en Vigo en 1986, é unha xornalista e escritora galega. Acadou o premio Panenka ao Libro do ano de 2019 por Como siempre, lo de siempre. Traxectoria Taboada estudou Xornalismo na Universidade Complutense de Madrid (UCM). Traballa como redactora en Todo por la Radio, un espazo do programa La Ventana (Cadena SER) dirixido e presentado por Carles Francino. Tamén apareceu puntualmente noutros programas de radio como Carne Cruda.

Publicou artigos en medios escritos como El País, onde cobre sobre todo tipo de temas de gastronomía, no xornal As, onde escribe de fútbol, e en revistas como GQ, e Vogue tratando temas de cultura, especialmente de cine e televisión. Tamén colaborou coa ilustradora Raquel Córcoles, creadora do personaxe Moderna de Pueblo, na creación e o guión do personaxe de 'La Imperfecta', que se publica na revista Mujer Hoy do grupo Vocento.

Co personaxe de La Imperfecta como protagonista, Taboada e Córcoles publicaron dous libros. O primeiro Dejar de amargarse para Imperfectas en 2014, e o segundo Fuera complejos para Imperfectas en 2016. Segundo 20 Minutos, é "un libro que explora a obsesión pola perfección a base de humor" e "propón un plan de vinte e un días para axudar ás mulleres a sentirse mellor coa súa imaxe física".

Taboada publicou en 2015 #Hiperconectados: en una relación estable con Internet, onde fai unha crítica á dependencia das redes sociais e a tecnoloxía. Nesta ocasión o libro conta con ilustracións de Ester Córcoles, irmá de Raquel Córcoles. Uns anos despois, en 2019, publicou na editorial Libros del K.O. Como siempre, lo de siempre, dentro da colección Hooligans Ilustrados, libro no cal Taboada aborda a súa paixón polo fútbol como afeccionada do Real Club Celta de Vigo. Este traballo recibiu o premio Panenka ao Libro do ano, outorgado pola revista Panenka especializada en fútbol.

Recoñecementos En febreiro de 2020 a revista Panenka especializada en fútbol celebrou a súa sexta edición dos Premios Panenka. Na gala, celebrada en Barcelona, Taboada recibiu o premio ao Libro do ano 2019 por Como siempre, lo de siempre, sendo a única autora entre os once candidatos ao premio, e a única muller en recibir un dos galardóns.

Obra

Dejar de amargarse para Imperfectas (ilustracións de Raquel Córcoles). Editorial Planeta, 2014. ISBN 9788408131854. #Hiperconectados: en una relación estable con Internet (ilustraciones de Ester Córcoles.) Editorial Planeta, 2015. ISBN 9788408147077. Fuera complejos para Imperfectas (ilustracións de Raquel Córcoles). Editorial Planeta, 2016. ISBN 9788408153078. Como siempre, lo de siempre. Libros del K.O., 2019. ISBN 9788417678128.

Notas

Categoría:Nados en Vigo Categoría:Nados en 1986 Categoría:Xornalistas de Vigo Categoría:Alumnos da Universidade Complutense de Madrid