Vicente Vázquez Quiroga y Queipo de Llano, nado en Lusío (San Cristovo do Real, Samos) o 17 de febreiro de 1804 e finado en Madrid o 11 de marzo de 1893, foi un matemático e político galego.
Traxectoria Formación miniatura|Pazo de Lusío. Vicente Vázquez Queipo naceu no pazo de Lusío (San Cristovo do Real), no seo dunha familia acomodada. Comezou os estudos na propia casa e continuounos no Colexio da Compañía de Monforte de Lemos, naquela altura denominado Real Seminario. No ano 1820 ingresou na Universidade de Valladolid, facendo Dereito e ó tempo, Matemáticas e Ciencias experimentais.
Universidade Lector empedernido e curioso, rematou como profesor de Universidade, obtendo en 1826 a cátedra de Física, ao tempo que atinxe o título de doutor en Dereito. Posteriormente sae a formarse a París (1829), cunha pensión real, ingresando na "Ecole des Arts et Manufactures" na que estaría durante 3 cursos. Volta no verán do 1832, enfermo dos ouvidos, doenza que padecerá o resto da súa vida, mesmo impedíndolle retomar a cátedra de Valladolid.
Política Instálase en Madrid, onde tiña familia (José María Queipo de Llano Ruiz de Saravia, VII conde de Toreno, era seu tío). Á morte de Fernando VII, ingresou no Partido Liberal Moderado. O pronunciamento de 1836 fórzao a marchar a París. No ano 1839 vai destinado a Cuba como Fiscal de Facenda, onde fica ata o ano 1846 no que volta a Madrid. Deputado en Cortes, adícase á política os vinte anos seguintes, no campo monárquico lealista, ocupando cargos como a Dirección xeral do Ministerio do Ultramar, ou Subsecretario da Gobernación. En 1847, durante a Década Moderada, o Goberno encárgalle estudar a reforma métrica e monetaria, entrando dous anos despois na comisión que levou a cabo a reforma. En 1851 foi nomeado senador vitalicio. En 1853 publica as famosas Tablas de logaritmos vulgares, que en opinión dalgúns foi a obra máis vendida escrita por autor galego.
Retirada Abandonou a vida política cando Isabel II saíu de España, dedicándose entón en exclusiva ó traballo e á produción intelectual publicando diversos traballos que comezara na anterior etapa.
Morreu o 11 de marzo do ano 1893 en Madrid.
Foi pai de Antonio Vázquez Queipo Coste.
Obra Política e economía Memoria sobre la reforma del sistema monetario de la Isla de Cuba (1844). Informe fiscal sobre el fomento de la población blanca en la Isla de Cuba y emancipación progresiva de la esclava, con una breve reseña de las reformas y modificaciones (...) presentados a la Superintendencia General Delegada de la Real Hacienda (1845). Breves observaciones sobre las principales cuestiones que hoy se agitan respecto a las provincias ultramarinas (1873). Proyecto de ley sobre la uniformidad y reforma del sistema métrico y monetario de España (1847). La cuestión del oro reducida a sus justos y naturales límites, y medios de sentar el sistema monetario sobre una sólida e inalterable base (1861). La crisis monetaria española, considerada en su causa, sus efectos y sus remedios, seguida de brevísimas indicaciones sobre el Banco Nacional (1866). La cuádruple convención monetaria considerada en su origen, objeto, ventajas e inconvenientes, e imposibilidad actual de su adopción en España (1867). Informe sobre la población blanca en Cuba.
Científica Ingenio mecánico para medir distancias (1826). Da nova dun aparello inventado por el. Ensayo sobre el sistema métrico y monetario (1859). Comezado no 1835 cando foi pensionado polo Goberno para facer un proxecto de lei da reforma do sistema métrico e monetario, abrangue por exemplo, unidades históricas exipcias, gregas ou babilonias. O Essai sur les systémes metriques et monetaires des anciens peuples depuis les premiers temps historiques jusqu´a la fondu Kalifat d´Orient levou un premio de numismática na exposición Mundial de París (1860). Aritmética Superior Mercantil (1886). Nel ofrece unha solución a ecuacións de grao maior que 4 de xeito moi aproximado en poucos pasos. Tablas de logaritmos vulgares desde el 1 hasta el 2000 (1855). Traballo, en certo xeito, consecuencia das súas investigacións sobre o sistema métrico. Premiado na Exposición Universal de París de 1867 e na de Barcelona de 1888. É a súa obra máis importante, da que houbo 60 edicións ata 1962. Declarado libro de texto polo Consejo de Instrucción Pública, o seu uso foi obrigado ata a aparición das regras de cálculo.
Véxase tamén
Bibliografía Mercedes Sampayo Yáñez, "Vicente Vázquez Queipo (1804-1891): científico, humanista e político lucense", Lvcensia. Miscelánea de cultura e investigación, vol. XIV, nº 29, Lugo (2004), páxs. 245 e ss.
Ligazóns externas Vicente Vázquez Queipo: 200 aniversario, por Manolo R. Bermejo e Paulino Estévez Los proyectos monetarios de Vicente Vázquez Queipo en la España de mediados del siglo XIX, por Pedro Tedde de Lorca. Ficha no Congreso dos Deputados Ficha no Senado
Categoría:Matemáticos de Galicia Categoría:Deputados de Galicia no Congreso dos Deputados Categoría:Senadores de Galicia Categoría:Nados en Samos Categoría:Nados en 1804 Categoría:Finados en 1893 Categoría:Académicos da Real Academia da Historia Categoría:Alumnos da Universidade de Valladolid Categoría:Políticos do Partido Moderado