O Nissan Trade é un vehículo comercial lixeiro que foi producido dende 1986 até 2001 por Nissan Motor Ibérica S.A., a filial española do fabricante xaponés Nissan. O Trade vendíase en versións furgoneta e chasis-cabina; os vehículos chasis-cabina foron producidos até 1998, namentres que as furgonetas foron fabricadas até 2001.Historia de la Nissan Trade. www.jcyl.es. Consultado o 28-3-2014.

O Nissan Trade lanzouse ao mercado como unha versión renovada dos Ebro serie F / Trade, despois de que Nissan completase a adquisición do fabricante español Ebro. Estes vehículos —cuxa produción se iniciou en 1976— tamén tiñan sido vendidos pola marca española Avia, cos nomes Avia 1000, Avia 1250 e Avia 2000.

Historia En 1976 os fabricantes españois Ebro e Avia (este último absorbido por Ebro) lanzaron ao mercado un novo vehículo comercial que levaba sendo deseñado por Aeronáutica Industrial S.A. (AISA) dende 1973, para substituír os obsoletos Ebro F100 e F108. Avia vendeu o modelo coas denominacións 1000, 1250 e 2000, namentres que Ebro utilizou os nomes F260, F275, F350 e, posteriormente, Trade (un nome inglés que significa «comercio»). Todas estas versións de Ebro e Avia tiñan moi poucas diferenzas estéticas e eran propulsadas por motores Perkins diésel.

En 1979 Nissan comprou unha parte de Motor Ibérica, e máis tarde, en 1986, completou a adquisición e tomou o control da empresa. Após a compra do fabricante por parte de Nissan, as furgonetas e vehículos chasis-cabina Ebro / Avia continuaron en produción baixo a marca xaponesa, sendo reestilizados e vendidos co nome Nissan Trade. Os motores Perkins foron todos susbtituídos polos do fabricante nipón.

En 1992 foron fabricadas 21 000 unidades do Trade, e partir de 1993 foi producido para o mercado alemán.

En 2001 saíu da fábrica a derradeira unidade do Nissan Trade, poñendo fin a unha produción que durou case 25 anos.

Melloras En 1989 e 1991 o Nissan Trade recibiu novos cambios estéticos, sendo modificados os faros, intermitentes e pilotos traseiros; as últimas modificacións foron realizadas polo deseñador Francisco Podadera. Os últimos cambios incluíron tamén un novo salpicadeiro, volante e espellos retrovisores, entre outros detalles.

En 1997 foi revisada a gama de motores para adaptarse á regulamentación de emisións Euro II, sendo aumentada a potencia, e tamén se realizaron algunhas melloras no equipamento; o illamento da cabina foi mellorado engadindo un tabique de insonorización, e realizouse tamén unha mellora do illamento do motor.

Versións Namentres foi comercializado por Ebro e Avia, o modelo equipaba un motor Perkins 4.108 nas súas versións máis lixeiras e o Perkins 4.165 para as de maior capacidade. As versións con menor capacidade de carga tiñan tracción dianteira, namentres que as preparadas para un transporte máis pesado dispuñan de tracción traseira.

O Nissan Trade ofrecíase con dúas configuracións de carrozaría: furgoneta e chasis-cabina para carrozar. As versións furgoneta estaban dispoñíbeis con até nove prazas (Trade Combi), e tamén se vendía unha versión máis longa e alta denominada «Trade Largo». En canto á versión chasis-cabina, estaba dispoñíbel con cabina simple de tres prazas ou dobre de seis prazas.

Existiu ademais a versión Trade Van, que tiña un equipamento aínda máis sinxelo e dispuña de portas laterais de folla batente, en lugar de porta corredoira.

En Colombia o chasis do Trade utilizábase para fabricar microbuses, e para Exipto foi deseñada unha versión Combi 15 que era usada como microbús turístico.

Por mor do seu deseño e equipamento obsoletos (sen coxíns de seguridade e sen ABS nos anos 90), o Trade non foi moi popular nalgúns países europeos. Era un vehículo que, por mor da súa veteranía, non ofrecía un gran confort coma o de modelos dos anos 90 como a Renault Kangoo ou a segunda xeración do Renault Master, nin un gran número de equipos de serie ou opcionais. Porén, estaba dispoñíbel como opción a dirección asistida e era un vehículo mecanicamente fiábel.

A partir de 1993 estivo dispoñíbel unha versión cun motor turbodiésel de 2,8 litros e 86 CV de potencia.

En 1995 lanzouse unha versión cun motor de 3,0 litros turbodiésel con inxección directa, intercooler e 106 CV proveniente do Nissan Patrol.

En 1997 lanzouse unha versión propulsada por un motor turbodiésel de 2,5 litros con inxección directa e 75 CV.

En 1998 finalizou a produción e venda das versións chasis-cabina, sendo substituídas polos camións lixeiros Nissan Cabstar. As versións furgoneta, porén, mantivéronse en produción até o ano 2001, sendo substituídas polas Nissan Interstar.

Motores Ebro F260 e F275: Perkins 4.108 diésel de catro cilindros en liña e 47 CV.Furgonetas EBRO: Unas pequeñas inolvidables (II). 18-01-2019. Transporte3.co. F350: Perkins 4.165 de 65,5 CV con inxección indirecta.

Nissan Nissan 2.0 diésel de 60 CV. Nissan 2.3 diésel de 70 CV e 4 cilindros en liña. Nissan A4.28 2.8 L diésel de 75 CV e 4 cilindros en liña. Nissan A4.28T 2.8 L diésel con turbocompresor de 86 CV e 4 cilindros en liña. Nissan BD30 3.0 L diésel con inxección directa de 98 CV e 4 cilindros en liña. Nissan BD30T 3.0 L de 110 CV con turbocompresor, intercooler e inxección directa.

Notas

Categoría:Modelos de furgonetas Categoría:Nissan