Eurypterus é un xénero extinto de artrópodos euriptéridos, un grupo de organismos comunmente chamados "escorpións de mar". O xénero viviu durante o Silúrico, hai entre 432 e 418 millóns de nos. Os Eurypterus son con gran diferenza os euriptéridos mellor estudados e máis coñecidos. Os espécimes fósiles de Eurypterus probablemente representan máis do 95% de todos os espécimes de euriptéridos coñecidos.

O xénero comprende 15 especies, a máis común das cales é E. remipes, o primeiro euriptérido fósil descuberto, atopado no estado de Nova York.

Os membros de Eurypterus medían como media de 5 a 9 cm de lonxitude, pero o individuo máis grande descuberto estímase que era de 60 cm de longo. Todos posuían apéndices que levaban espiñas e un gran par de apéndices con forma de pa ou remo usados para nadar. Eran especies xeneralistas, que con igual probabilidade podían depredar que alimentarse de prea.

Descubrimento

O primeiro fósil de Eurypterus atopouno en 1818 S. L. Mitchill, un coleccionista de fósiles. Foi recollido da formación Bertie do estado de Nova York (preto de Westmoreland, condado de Oneida). Mitchill interpretou os apéndices do fósil como bárbulas que saían da boca. En consecuencia, identificouno como un peixe do xénero Silurus.

Sete anos despois, en 1825, o zoólogo norteamericano James Ellsworth De Kay identificou o fósil correctamente como artrópodo. Nomeouno Eurypterus remipes e estableceu o xénero de Eurypterus no proceso. O nome significa 'á ancha' ou 'remo amplo', referíndose ás súas patas con forma de pa natatoria ou remo, do grego (eurús, 'ancho') e (pteron, 'á').

Porén, De Kay pensaba que Eurypterus era un branquiópodo (un grupo de crustáceos entre os que están os Anostraca e os Cladocera). Pouco despois, o paleontólogo Richard Harlan descubriu Eurypterus lacustris en Nova York en 1835. En Estonia Jan Nieszkowski descubriu outra especie en 1858. Considerou que era da mesma especie que a do primeiro descubrimento (E. remipes); agora coñécese como E. tetragonophthalmus. Estes espécimes de Estonia son a miúdo de extraordinaria calidade, xa que consevan a cutícula real do exoesqueleto. En 1898, o paleontólogo sueco Gerhard Holm separou estes fósiles da rocha con ácidos, o que lle permitiu examinar os fragmentos case perfectamente conservados baixo o microscopio. O seu notable estudo levou aos grandes avances modernos sobre a morfoloxía deste grupo.

Descubríronse moitos máis fósiles nos xacementos de Nova York no século XIX e noutras partes do leste de Eurasia e América do Norte. Hoxe, Eurypterus segue sendo un dos euriptéridos máis frecuentemente atopado e o seu xénero mellor coñecido, que comprende máis do 95% de todos os fósiles de euriptéridos coñecidos.

Como E. remipes foi o primeiro euriptérido atopado en Nova York e acabou sendo a especie tipo do xénero foi designado fósil oficial do estado de Nova York en 1984.

Descrición

esquerda|miniatura|Comparación dun home adulto medio de 170 cm de altura coa lonxitude media dun E. remipes (uns 20 cm) e o conxénere máis longo coñecido, Eurypterus lacustris, de 55,4 cm. Os artrópodos máis grandes qjue existiron foron euriptéridos. A maior especie coñecida, Jaekelopterus rhenaniae, chegaba aos 2,5 m de longo, aproximadamente o tamaño dun crocodilo. Porén, as especies de Eurypterus eran moito menores.

E. remipes ten unha lonxitude que normalmente está entre 5 e 8 cm. E. lacustris é como media maior, de 6 a 9 cm de longo. Porén, un telson (o segmento posterior final do corpo) dun espécime desta especie chegaba a a 14,8 cm de longo, do que se infire que o espécime completo era de 55,4 cm, o que o fai o espécime máis longo descrito na literatura. Na páxina de introdución de E. remipes do sitio web da Universidade de Texas en Austin di que o espécime máis grande atopado era de 1,3 m de longo, actualmente exposto na Institución de Investigación Paleontolóxica de Nova York. Porén, ese texto describe o grupo dos eriptéridos en conxunto en vez de a Eurypterus, polo que non é posible saber se se refire a E. remipes ou a outro euriptérido.

Os fósiles de Eurypterus dunha mesma área adoitan ter tamaños similares. Isto pode ser o resultado de que os fósiles fosen "ordenados" en ringleiras amontoadas a medida que eran depositados en augas pouco profundas por treboadas e a acción das ondas.

O corpo de Eurypterus está dividido en dúas partes: prosoma e opistosoma (á súa vez dividido en mesosoma e metasoma).

O prosoma é a parte anterior do corpo e está composto por seis segmentos fusionados para formar a cabeza e o tórax. Contén o escudo ou cacho en forma de placa semicircular a subrectangular. No seu lado dorsal hai dous ollos compostos grandes con forma de crecente. Tamén posúen dous ollos simples (ocelos) máis pequenos sensibles á luz (os ocelos medios) preto do centro do escudo nunha pequena elevación (chamada montículo ocelar). Na súa parte inferior está a boca e seis apéndices, numerados do I ao VI en números romanos. Cada apéndice á súa vez está composto de nove segmentos (chamados podómeros) designados con números árabes do 1 ao 9. Os primeiros segmentos que conectan os apéndices ao corpo son as coxas.

O primeiro par (apéndice I) son os quelíceros, pequenos brazos con forma de pinza para despezar a comida. Despois dos quelíceros hai tres pares de patas curtas (apéndices II, III e IV). Levan espiñas, xeralmente con dúas espiñas en cada podómero, pero no segmento máis externo hai unha soa espiña. Os últimos dous segmentos son a miúdo indistinguibles e teñen a aparencia dun só segmento que ten tres espiñas. Utilízanas para camiñar e para a captura de alimentos. O seguinte par de apéndices (apéndice V) é o que máis se parece a unha pata, máis longa que os primeiros tres pares e case sen espiñas agás no segmento do extremo. O último par (apéndice VI) está formado por dúas patas anchas usadas como pas (ou remos) natatorias. As coxas do apéndice VI son anchas e planas, lembrando unha "orella". miniatura|upright=1.4|Diagrama que mostra as características anatómicas. O opistosoma (abdome) está composto de 12 segmentos, cada un dos cales consiste nunha placa superior fusionada (terxito) e unha placa inferior (esternito). Pode subdivididirse de dúas maneiras.

Baseándose na anchura e estrutura de cada segmento, pode subdividirse nun ancho preabdome (segmentos 1 a 7) e un estreito postabdome (segmentos 8 ao 12). O preabdome ten os segmentos máis anchos da porción anterior do opistosoma, mentres que o postabdome consta dos últimos cinco segmentos do corpo de Eurypterus. Cada un dos segmentos do postabdome contén protrusións laterais aplanadas coñecidas como epímeros coa excepción das últimas partes docorpo que son como agullas (estiliformes), chamadas telson. O segmento que precede inmediatamente ao telson (que tamén ten os epímeos máis grandes do postabdome) denomínase pretelson.

Un modo alternativo de dividir o opistosoma é de acordo coa súa función, en mesosoma (segmentos 1 ao 6) e metasoma (segmentos 7 a 12). O mesosoma contén as branquias e órganos reprodutores de Eurypterus. Os seus segmentos ventrais están cubertos por placas derivadas de apéndices coñecidas como Blatfüsse (en singular Blatfuss, palabra alemá que significa "pé laminar"). Protexidos por eles están as cámaras branquiais que conteñen os órganos respiratorios de Eurypterus. O metasoma non posúe Blatfüsse.

Algúns autores usan incorectamente mesosoma e preabdome de forma indistinta, e o mesmo fan con metasoma e postabdome.

Os principais órganos respiratorios de Eurypterus parecen branquias en libro, localizadas en cámaras branquiais nos segmentos metasómicos. Poderían usalas para a respiración baixo a auga. Están compostos de varias capas de tecidos delgados empillados de maneira que lembran as páxinas dun libro, de aí o seu nome. Ademais, tamén posuían cinco pares de áreas de forma oval cubertas con proxeccións microscópicas no teito das segundas cámaras branquiais no mesosoma, inmediatmente baixo os tractos branquiais. Estas áreas coñécense como Kiemenplatten (ou tractos branquiais, aínda que o primeiro termo, procedente do alemán, é o preferido na literatura). Son exclusivos dos euriptéridos.

Os Eurypterus son sexualmente dimórficos. Na parte inferior dos dous primeiros segmentos do mesosoma hai apéndices centrais usados para a reprodución. Nas femias, son longos e estreitos. Nos machos son moi curtos. Unha minoría de autores asumen o contrario: os apéndices xenitais máis longos son os dos machos e os curtos os das femias.

O exoesqueleto de Eurypterus está a miúdo cuberto con pequenos crecementos denominados ornamentacións. Inclúen pústulas (pequenas protrusións), escamas e estriacións. Varían segundo as especies e utilízanse para a identificación. Para descricións diagnósticas máis detalladas de cada especie de Eurypterus ver a sección de máis abaixo.

Clasificación O xénero Eurypterus pertence á familia Eurypteridae, superfamilia Eurypteroidea, suborde Eurypterina, orde Eurypterida e subfilo Chelicerata. Ata recentemente, pensábase que os euriptéridos pertencían á clase Merostomata xunto coa orde Xiphosura. Agora crese que son un grupo irmán dos Arachnida, máis próximos aos escorpións e arañas que aos cangrexos de ferradura.

Eurypterus foi o primeiro taxon recoñecido de euriptéridos e é o máis común. Como consecuencia, case todos os euriptéridos lixeiramente similares foron clasificados no século XIX dentro deste xénero (excepto os máis distintos das familias Pterygotidae e Stylonuridae). O xénero foi despois dividido en varios xéneros a medida que a taxonomía do grupo se foi desenvolvendo.

En 1958 varias especies distinguibles por ter os ollos situados moi xuntos e espiñas nas patas natatorias foron separdos no novo xénero Erieopterus por Erik Kjellesvig-Waering. Outra separación propúxoa Leif Størmer en 1973 cando reclasificou algúns Eurypterus como Baltoeurypterus baseándose no tamaño dalgúns dos últimos segmentos das patas nadadoras. O. Erik Tetlie en 2006 considerou estas diferenzas demasiado insignificantes para xustificar un xénero separado e devolveu os Baltoeurypterus ao xénenro orixinal Eurypterus. Agora crese que as variacións menores descritas por Størmer son simplemente as diferenzas atopadas entre adultos e xuvenís dentro dunha mesma especie. miniatura|Pintura feita en 1912 por Charles R. Knight na que se representan varios euriptéridos descubertos en Nova York, na que están incluídos Dolichopterus, Eusarcana, Stylonurus, Eurypterus e Hughmilleria. O xénero Eurypterus deriva evolutivamente de E. minor, a especie coñecida máis antiga da época (ou serie) Llandovery de Escocia. E. minor crese que diverxeu a partir de Dolichopterus macrocheirus nalgún momento da época Llandovery. A seguinte árbore filoxenética de Eurypterus baséase en estudos filoxenéticos feitos por O. Erik Tetlie en 2006. Algunhas especies non están representadas.

Especies miniatura|E. remipes do Museo de Historia Natural do Estado de Karlsruhe, Alemaña. miniatura|E. lacustris do Museo Nacional de Historia Natural de Francia. miniatura|E. dekayi do Museo de Exposición de Historia Natural da Universidade de Míchigan, EUA. miniatura|Eurypterus tetragonophthalmus do Museo de Historia Natural do Amherst College, Massachusetts, EUA. miniatura|Escudo ou cacho de Eurypterus fischeri das coleccións do Museo de Historia Natural Peabody de Yale, Connecticut, EUA. miniatura|Abdome parcial de Eurypterus pittsfordensis, pretelson e telson das coleccións do Museo de Historia Natural Peabody de Yale, Connecticut, EUA. As especies que pertencen ao xénero, as súas descricións diagnósticas, sinónimos (se os hai) e distribución son as seguintes:

Eurypterus De Kay, 1825 ?Eurypterus cephalaspis Salter, 1856 – Silúrico, Inglaterra