miniatura|Divisa de alférez provisional Alférez provisional foi un grao militar de España durante a guerra civil española na zona franquista. Denominábase «provisional» porque só se ostentou esa gradación durante a contenda.
Historia A figura de alférez provisional foi creada en setembro de 1936 polo decreto nº 94 da Xunta de Defensa Nacional. O obxectivo era pór solución á escaseza de oficiais no seo das forzas armadas sublevadas e tamén pola necesidade de novos oficiais para as unidades militares de novo cuño. Ao parecer xurdiu por idea do xeneral Emilio Mola Vidal. Quen aspirasen a seren alféreces provisionais debían ter entre 20 e 30 anos e posuíren o título de bacharelato.
Habilitáronse os membros do corpo de suboficiais para ingresaren nos alféreces provisionais. Moitos antigos combatentes das milicias falanxistas e carlistas tamén ingresaron nos alféreces. Por diversos puntos da zona franquista creáronse centros de instrución para os aspirantes a este novo rango. Durante a contenda saíron das academias máis de 28 000-30 000 alféreces provisionais, dos que preto de 3000 morreron en combate. A media de idade destes era de 21 anos e un 50 % eran estudantes universitarios. Amais da preparación militar tamén recibían formación política, relixiosa e moral.
O seu distintivo era unha estrela dourada de seis puntas, deseñada polo xeneral Luis Orgaz, sobre un parche negro.
Tras o fin da guerra moitos dos alféreces provisionais abandonaron as armas e regresaron á vida civil. Porén, outros continuaron a carreira militar. Foi o caso de 8000 alféreces que se converteron en tenentes provisionais e outros 500 convertéronse en capitáns. En 1958 constituíuse en Madrid a Irmandade de Alféreces Provisionais, que acabou por ser a organización de excombatentes franquistas de maior influencia.
Homenaxes miniatura|Monumento ao alférez provisional en Madrid O 23 de maio de 1965 inaugurouse en Madrid un modesto monumento «ao Alférez provisional», nunha cerimonia na que estivo presente o ministro de Comercio Alberto Ullastres. Está situado entre as rúas Méndez Núñez e Felipe IV, xunto á fachada oeste do Casón del Buen Retiro, no barrio de Jerónimos (distrito de Retiro).
Polémica O 1 de febreiro de 2016, Celia Mayer, daquela delegada da área de Cultura e Deportes do Concello de Madrid, ordenou retirar o monólito ao Alférez Provisional en cumprimento da Lei de Memoria Histórica. Porén, non llo comunicou á Comisión de Patrimonio do Concello nin á Dirección Xeral de Patrimonio da Comunidade de Madrid. Así o obrigan a lei e a normativa municipal ao ser un monumento protexido por erixirse nunha zona declarada Ben de Interese Cultural. O 18 de febreiro a entón alcaldesa de Madrid Manuela Carmena mandou repor o monumento nas mesmas condicións en que estaba.
O 18 de novembro de 2016 Mayer foi citada nos xulgados de praza de Castilla en calidade de investigada por prevaricación, debido a unha querela interposta pola Fundación Nacional Francisco Franco. Con todo, esta foi finalmente arquivada o 17 de xullo de 2017, cando Carmena xa lle retirara as competencias sobre Memoria Histórica.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas
Categoría:Guerra civil española Categoría:Franquismo