Encarnita Ortega Pardo, nada en Ponte Caldelas o 5 de maio de 1920 e finada en Pamplona o 1 de decembro de 1995, foi unha divulgadora da moda e emprendedora galega e unha das primeiras mulleres do Opus Dei. Traxectoria Filla do aragonés José María Ortega e da galega Manuela Pardo. O matrimonio tivo tres fillos: Teresa, Encarnita e Gregorio. A familia trasladouse en 1926 a Teruel, onde os sorprendeu a guerra civil. Con tan dezasete anos Encarnita foi apresada e levada a un cárcere en Valencia, onde permaneceu ao concluír a contenda. Desde o cárcere Encarnita contáballe ao seu pai que estudaba francés, arte e taquigrafía.

Traballou en Acción Católica como Vicesecretaría de Menores e Propagandista da Mocidade Feminina. En 1941 leu o libro Camiño, e asistiu a uns exercicios espirituais que Xosemaría Escrivá dirixiu a un grupo de mulleres na localidade valenciana de Alacuás. O último día dos exercicios solicitou a súa admisión no Opus Dei, o que supuxo un xiro importante nos seus gustos e aspiracións.

O 16 de xuño de 1942 incorporouse ao Centro de Jorge Manrique (Madrid) —o primeiro Centro do Opus Dei para o labor apostólico con mulleres—, onde coincidiu con Nisa González Gúzman, Visitación Alvira e Concepción Fernández del Amo. Alí Josemaría Escrivá mostroulles os diversos proxectos que nun futuro porían en marcha: residencias para universitarias, casas de maternidade, granxas para labregas, actividades relacionadas coa moda, casas de capacitación social para a muller, bibliotecas circulantes ou librarías, xunto co apostolado persoal de cada unha das asociadas.

Desde o Centro de Jorge Manrique, Encarnita ocupouse de atender a Administración do Centro de Nuñez de Balboa (1942). Ao ano seguinte, Encarnita foise á Administración da residencia da Moncloa, xunto con Nisa González Gúzman e Amparo Rodríguez Casado. En maio de 1944 Encarnita regresou ao Centro de Jorge Manrique como directora. Na primavera dese ano participou nas primeiras viaxes apostólicas que as mulleres do Opus Dei realizaron desde Madrid a diversas capitais españolas: Valencia —desde onde atendía a residencia Samaniego—, Salamanca, Valladolid e Zaragoza.

Entre 1943 e 1946 púxose en marcha a editorial Minerva, como un medio para promover a lectura —sobre todo entre mulleres—, de libros variados. Entre os seus obxectivos estaba o de promover a novas poetisas españolas e a edición de obras literarias escritas por mulleres de renome, de diversas nacionalidades, pensamento, estilo literario e época histórica. Encarnita colaborou activamente xunto con Guadalupe Ortiz de Landázuri en dita editorial, durante a publicación do libro de La Victoria del Amor, que correspondía á terceira parte do Abecedario espiritual do beato Francisco de Osuna.

Durante o verán de 1945 asistiu a un curso formativo en Los Rosales xunto con once mulleres máis. O 1 de novembro de 1945 o Centro de Jorge Manrique trasladouse á rúa de Zurbarán, onde comeza unha residencia universitaria.

Roma O 27 de decembro de 1946 trasladouse, xunto con outras catro mulleres, a Roma para atender a administración doméstica do Centro de Città Leonina, a primeira casa onde se aloxou Josemaría Escrivá. O 21 de xullo de 1947 trasladáronse á rúa Bruno Buozzi, a sede central definitiva do Opus Dei (Vila Tevere). En 1953 nomeárona secretaria central da Asesoría Central. Durante os seguintes anos a expansión apostólica ampliouse até os Estados Unidos, Canadá, Hispanoamérica, África e Asia.

Encarnita ocupouse de coidar de Carmen Escrivá, a irmá do fundador do Opus Dei que padecía unha enfermidade mortal. Os seus coidados prolongáronse desde abril até o seu falecemento o 20 de xuño de 1957.

España: o mundo da moda En outubro de 1961 regresou a España: Madrid (1961), Barcelona (1962-1964), Oviedo (1964-1972); Valladolid (1973-1995); Pamplona (1995). En Oviedo, tras coñecer a diversos empresarios do mundo da moda, interesouse por desenvolver diversos proxectos —desfiles de moda, conferencias,...— nos que influíu nas ideas e deseños, enfocándoos con sentido cristián.

En 1980 diagnosticáronlle un cancro. Tras someterse a tres intervencións cirúrxicas, tratamentos de cobaltoterapia e quimioterapia, faleceu na Clínica Universitaria de Pamplona o 1 de decembro de 1995.

Causa de canonización O Decreto de introdución da causa de canonización e o nomeamento do Tribunal publicáronse o 10 de marzo de 2009 en Valladolid. En 2012 clausurouse o proceso e entregouse a documentación á Congregación para as Causas dos Santos.

Publicacións Ortega, Encarnita, (1993). La moda, ¿la conoces en toda su dimensión? Oviedo: Alvizoras, 74 pp., ISBN: 84-86889-23-5.

Notas

Categoría:Nados en Ponte Caldelas Categoría:Nados en 1920 Categoría:Finados en 1995 Categoría:Escritores de Galicia en lingua castelá Categoría:Membros do Opus Dei