The Beatles foi unha banda de rock formada en Liverpool (Inglaterra) en 1960, activa durante a década dos 60, e recoñecida como unha das máis comercialmente exitosas e criticamente aclamadas na historia da música popular. Formada en Liverpool, estivo constituída desde 1962 por John Lennon (guitarra rítmica, vocalista), Paul McCartney (baixo, vocalista), George Harrison (guitarra solista, vocalista) e Ringo Starr (batería, vocalista). Enraizada no skiffle e no rock and roll dos anos cincuenta, a banda traballou máis tarde con distintos xéneros musicais, que ían desde a balada pop ata o rock psicodélico, incorporando a miúdo elementos clásicos, entre outros, de forma innovadora nas súas cancións. A natureza da súa enorme popularidade, que emerxera primeiramente coa moda da «Beatlemanía», transformouse á vez que as súas composicións se volveron máis sofisticadas. Chegaron a ser percibidos como a encarnación dos ideais progresistas, estendendo a súa influencia nas revolucións sociais e culturais da década de 1960.

Cunha formación inicial de cinco compoñentes que incluía a Lennon, McCartney, Harrison, Stuart Sutcliffe (baixo) e Pete Best (batería), construíron a súa reputación nos clubs de Liverpool e Hamburgo nun período de tres anos a partir de 1960. Sutcliffe abandonou a formación en 1961, e Best foi substituído por Starr ao ano seguinte. Xa como grupo profesional despois de que Brian Epstein lles ofrecese ser o seu representante, e co seu potencial musical mellorado pola creatividade do produtor George Martin, lograron o éxito comercial no Reino Unido a finais de 1962 co seu primeiro sinxelo, «Love Me Do». A partir de aí, foron adquirindo popularidade internacional ao longo dos seguintes anos, nos cales fixeron un extenso número de xiras ata 1966, ano en que cesaron a actividade en vivo para dedicarse unicamente á gravación no estudo ata a súa disolución en 1970. Despois, todos os seus integrantes embarcáronse en exitosas carreiras independentes, a pesar disto non foron raras as colaboracións entre eles. O ano 1995, con motivo da edición do primeiro volume da triloxía The Beatles Anthology, tivo lugar unha reunión virtual do grupo, coa axuda dunhas cintas que John Lennon deixara gravadas e que foron a base de dúas novas cancións: Free as a Bird e Real Love.

Durante os seus anos de estudo crearon algúns dos seus mellores materiais, incluíndo o álbum Sgt. Pepper's Lonely Hearts Club Band (1967), considerado por moitos como unha obra mestra. Catro décadas logo da súa separación, a música que crearon continúa sendo popular. Mantéñense como o grupo con máis números 1 nas listas británicas, situando máis álbums nesta posición que calquera outra agrupación musical. De acordo coas certificacións da RIAA, venderon máis discos nos Estados Unidos que calquera outro artista. En 2004, a revista Rolling Stone clasificounos no número un na súa lista dos «50 artistas máis grandes de todos os tempos». De acordo coa mesma publicación, a música innovadora de The Beatles e o seu impacto cultural axudaron a definir os anos sesenta. En 2008, a revista Billboard publicou unha lista dos artistas máis exitosos de todos os tempos no Hot 100 con motivo do 50º aniversario da lista de éxitos, e The Beatles foron colocados no número un. Foron galardoados con sete premios Grammy, e recibiron un total de quince premios Ivor Novello de parte da British Academy of Songwriters, Composers and Authors. Tamén foron colocados no posto Nº 1 polo sitio de Internet Acclaimed Music na súa lista «The Top 1000 Artists of All Time» e por Digital Dream Door na súa lista «100 Greatest Rock Artists».

Lennon sería asasinado nos arredores da súa casa de Nova York en 1980, e Harrison falecería de cancro en 2001. McCartney e Starr aínda permanecen activos.

Traxectoria Formación e primeiros anos En marzo de 1957 con dezaseis anos de idade, o cantante e guitarrista John Lennon, influenciado fortemente pola música de Elvis Presley, creou o grupo de estilo skiffle The Quarrymen xunto con algúns compañeiros do colexio. Pouco tempo despois, 6 de xullo de 1957, Paul McCartney, que por entón tiña quince anos, coñeceu a Lennon nunha festa e uniuse como guitarrista. Este último invitou ao seu amigo George Harrison en febreiro do ano seguinte, o cal, con catorce anos, uniuse como o guitarrista líder da formación. En 1960, os compañeiros de colexio de Lennon abandonaron a agrupación para ingresar na Escola de Arte de Liverpool, facendo que Lennon e McCartney se encargaran de tocar a guitarra rítmica, aínda que lles facía falta alguén que tocase a batería. En xaneiro de 1960, un amigo de Lennon, Stuart Sutcliffe, uniuse como baixista e suxeriu cambiar o nome da banda a «The Beetles» (escaravellos) como homenaxe a Buddy Holly e The Crickets («Os grilos»). Nos primeiros meses do ano o grupo converteuse en «The Beatals». Logo de probar outros nomes como «Johnny and the Moondogs», «Long John and The Beetles» e «The Silver Beatles», a mediados de agosto decantáronse finalmente por «The Beatles».

A falta dun batería permanente supúxolles un problema cando o xerente non oficial do grupo, Allan Williams, organizoulles unha reserva na cidade alemá de Hamburgo como banda musical residente. A finais de agosto escoitaron e contrataron ao batería Pete Best, e o quinteto foise catro días máis tarde a Hamburgo despois de que Bruno Koschmider, dono de varios clubs naquela cidade, os contratara para que estiveran alí durante 48 noites. «Hamburgo, naqueles días, non tiña clubs de rock and roll. Había clubs de striptease», conta o biógrafo Philip Norman. esquerda|225px|miniatura|O Indra Club en 2007. Foi o primeiro club onde actuaron The Beatles á súa chegada a Hamburgo, Alemaña, en 1960.

Harrison, sendo en agosto de 1960 aínda menor de idade con 17 anos, obtivo o permiso de residencia en Hamburgo ao mentir ás autoridades alemás sobre a súa verdadeira idade. Inicialmente situados no Indra Club para que actuasen alí, Koschmider trasladaríaos en outubro ao Kaiserkeller despois de que o Indra fose pechado debido ás queixas que recibía polo ruído do local. Pouco tempo despois aceptaron a oferta de actuar no Top Ten Club, rompendo así o contrato que tiñan con Koschmider, o cal, por despeito, informou ás autoridades da verdadeira idade de Harrison, o que conduciu a que o músico fose deportado en novembro dese ano. Unha semana máis tarde, McCartney e Best foron deportados tamén por ocasionar un incendio cando lle prenderon lume a un preservativo colgado dun cravo na súa habitación. Lennon regresou a Liverpool a mediados de decembro, mentres que Sutcliffe permaneceu en Hamburgo coa súa noiva alemá, Astrid Kirchherr, durante outro mes. Kirchherr fíxolles as súas primeiras fotos profesionais e deseñou o corte de pelo de Sutcliffe, que tempo máis tarde foi adoptado polo resto do grupo.

Durante os próximos dous anos residiron por períodos sucesivos en Hamburgo, usando estimulantes como o preludin para manterse con máis enerxía nas súas actuacións nocturnas. Sutcliffe decidiu deixar a formación a principios de 1961 e renovou os seus estudos de arte en Alemaña, de modo que McCartney viuse obrigado a tocar o baixo. O produtor alemán Bert Kaempfert contratou ao cuarteto como extras de soporte ao cantante Tony Sheridan nunha serie de gravacións. Acreditado a «Tony Sheridan and The Beat Brothers», o sinxelo «My Bonnie», gravado en xuño e lanzado catro meses despois, alcanzou o número 32 na lista Musikmarkt. En Liverpool, ao regresar de Hamburgo, foron cada vez máis coñecidos. Durante unha das súas frecuentes aparicións no Cavern Club coñeceron a Brian Epstein, dono dunha tenda de discos local e columnista de música. Cando nomearon a Epstein o seu representante o 24 de xaneiro de 1962, Kaempfert acordou liberalos do contrato discográfico alemán. Antes diso, Epstein logrou que a compañía discográfica Decca Studios lles realizase unha proba, proba que seria coñecida como a audición de Decca, que se concretou o 1 de xaneiro de 1962, na que gravaron 15 temas, entre eles tres de autoría de Lennon e McCartney («Like Dreamers Do», «Hello Little Girl» e «Love of the Loved»). Despois de que Decca Records os rexeitase co comentario «os grupos de guitarra están en pleno declive, señor Epstein», o produtor George Martin asinoulles un contrato co selo Parlophone, de EMI Records. Cando regresaron a Hamburgo en abril recibiron unha tráxica noticia. Alí mesmo, reunidos no aeroporto, Kirchherr, mostrándose moi afectada, informoulles de que Sutcliffe morrera por mor dunha hemorraxia cerebral.

240 px|miniatura|dereita|Entrada principal dos Abbey Road Studios, coñecidos anteriormente como EMI Studios.

En Liverpool, o movemento merseybeat foi cobrando forza. A banda tivo a súa primeira sesión de gravación en Londres, baixo a dirección de Martin, nos EMI Studios en xuño de 1962. A Martin non lle convenceu a habilidade coa que tocaba a batería Pete Best, suxeríndolle privadamente a Epstein que o cambiasen por un batería de sesión no estudo. Finalmente, Best foi substituído por Ringo Starr. Starr, que deixou a Rory Storm and the Hurricanes para unirse a The Beatles, xa actuara con eles nalgunhas ocasións, sobre todo cando Best estaba enfermo. Con todo, Martin xa contratara ao batería de sesión Andy White para a seguinte sesión de gravación, e White tocou a batería en «Love Me Do» e «P.S. I Love You». Lanzado o 5 de outubro, «Love Me Do» alcanzou o número dezasete na lista británica Record Retailer. Posteriormente, no mes de novembro comezaron a gravar o que sería o seu segundo sinxelo, «Please Please Me». Fixeron o seu debut na televisión ao emitirse unha actuación súa en directo no programa rexional People and Places, da Granada Television.

Concluíron a súa última tempada de Hamburgo en decembro de 1962. Nese momento acordaron que os catro contribuirían como vocalistas dentro do grupo, aínda que o rango restrinxido de Starr fixo que de cando en cando fose o líder vocal. Lennon e McCartney estableceron unha asociación para compor cancións; ao comprobar que aumentaba o éxito do grupo, a celebrada colaboración entre eles limitou as oportunidades de Harrison de ser vocalista principal. Epstein, sentindo o potencial comercial que tiñan, alentounos a que adoptasen unha actitude máis profesional. Lennon rememorou o que o representante lles dixo: «Miren, se vostedes realmente desexan conseguir un deses lugares grandes, van ter que cambiar, deixar de comer no escenario, deixar de maldicir, deixar de fumar». Lennon dixo: «Adoitabamos vestir como nos gustaba, dentro e fóra do escenario. Epstein dicíanos que os pantalóns vaqueiros non eran especialmente elegantes e que deberiamos considerar a posibilidade de usar pantalóns máis adecuados. Deixounos ter o noso propio sentido de individualidade [...] tivemos que elixir entre obedecerlle ou seguir comendo polo no escenario».

Beatlemanía e anos de xira (1963-66)

Popularidade no Reino Unido, Please Please Me e With The Beatles

210px|esquerda|miniatura|McCartney, Harrison, a cantante sueca Lill-Babs e Lennon no programa de televisión sueco Drop-In, o 30 de outubro de 1963.