Maurice Ernest Alexandre Dayet, nado en Besançon o 8 de novembro de 1889 e finado en París o 22 de marzo de 1973, foi un diplomático, arqueólogo e numismático francés.
Traxectoria
Carreira diplomática Mauride Dayet naceu o 8 de novembro de 1889 na vila de Besançon, no Franco Condado, fillo de Marie Désirée Laure Morel (1868-1956) e do recadador de impostos André Joseph Antoine Dayet (1865-1939)."Dayet Maurice Ernest Alexandre, baron". Comité des travaux historiques et scientifiques (CTHS.fr)."Maurice Dayet". Geneanet.org
Logo de cursar estudos superiores de Letras e de Dereito, comezou a súa carreira diplomática como intérprete de Extremo Oriente e de Oriente en 1914. Logo foi destinado a Berna, Atenas e Hamburgo, e en 1920 participou nas oposicións convocadas polo Ministerio de Asuntos Exteriores de Francia.Hellot-Bellier, Florence. (2007). France-Iran. Quatre cents ans de dialogue. Association pour l'avancement des études iraniennes. Páxina 250. ISBN 9782910640200
Xa como diplomático de carreira, ocupou os postos de agregado de embaixada en Praga e de redactor da Subdirección de Relacións Comerciais, e en outubro de 1920 foi nomeado secretario de terceira clase en Teherán.
En setembro de 1924 foi destinado a Varsovia e logo, sucesivamente, a Santiago de Chile, Berlín, Río de Xaneiro, Caracas, Ottawa, Sofia, Moscova e Frankfurt, ata que entrou en excedencia en agosto de 1940, co réxime de Vichy.
En febreiro de 1941 viuse, xunto con outros funcionarios franceses da Sociedade de Nacións, directamente implicado na loita contra a Alemaña nazi e o réxime de Vichy, e ese mesmo ano alistouse nas Forzas Francesas Libres. No mesmo 1941 foi encargado das negociacións co embaixador brasileiro en Londres sobre as relacións do seu país coa Francia Libre."Maurice Ernest Alexandre Dayet". Francaislibres.net
Ese mesmo ano fogo foi xefe do Departamento das Américas no Comisariado Nacional de Asuntos Exteriores en Londres. O 17 de agosto de 1943, o Comité Nacional Francés nomeouno Embaixador en Lima, ata que en 1945 foi nomeado embaixador ante a Administración central e tamén membro da comisión para a repartición das indemnizacións concedidas por Polonia polas nacionalizacións en 1951. Finalmente, entrou na condición de disposición especial en 1954.
A numismática e a arqueoloxía Logo de deixar a vida activa como diplomático, Dayet retirouse á súa vila familiar de Cramans, no departamento de Jura, e dedicou o seu tempo e os seus esforzos ás súas dúas paixóns: a numismática —sinaladamente a moeda grega e a celta—"Maurice Dayet". En Un demi-siècle de Journées numismatiques (1956-2006). Société française de numismatique. 2007. Páxina 5. e a arqueoloxía. Co seu amigo o profesor Lucien Lerat, levou a cabo investigacións arqueolóxicas naquela zona, sinaladamente en sitios como Villard d'Héria e o depósito galo-romano de Pont des Arches.Lerat, L. (1998). Les Villards d'Héria (Jura). Presses universitaires franc-comtoises, Besançon. Páxina 15. ISBN 2251606777
Dayet foi un destacado membro da Sociedade Francesa de Numismática, desde o seu ingreso como membro correspondente en 1948. En 1951 pasou a ser membro titular e en 1955 substituíu a Jean Mazard como presidente desta entidade,Bulletin de la Société française de numismatique Société française de numismatique. 1955. Páxina 2. cargo que ocupou ata 1957.Le Rider, G. et al. "La Société française de numismatique : 1865-1965". En Revue Numismatique. 1965. Páxina 24."Les présidents de la SFN". Société française de numismatique. A el débeselle a creación en 1955 das Xornadas Numismáticas desta entidade, que se desenvolveron por primeira vez en Lión en xuño de 1956.Un demi-siècle de Journées numismatiques (1956-2006). Société française de numismatique. 2007.
Entre outras sociedades eruditas, tamén foi membro da Société d'émulation du Doubs (1927-1973) e da Société d'émulation du Jura (1954-1965).
Vida persoal Mautice Dayet casou en Londres, o 17 de xaneiro de 1922, con Elizabeth Margaret Miller, con quen tivo un fillo —nado en Teherán en 1922— e unha filla —nada en Berlín en 1927—.
Logo de se divorciar da súa primeira esposa, o 23 de novembro de 1938 casou en segundas nupcias con Eileen Mary Jacob.
Aínda que pasou os seus derradeiros anos en Cramans —onde en 1959 foi elixido alcalde—, Dayet finou en París o 23 de marzo de 1973, aos 83 anos. Os seus restos foron soterrados no cemiterio de Cramans.
Publicacións Monografías
(1912). Notes sur le Conventionnel Vernerey et sur sa famille. Dodivers, Besançon. (1922). La renaissance économique de l'Allemagne. Presses Universitaires de France, París. (1960). Un Révolutionnaire franc-comtois: Pierre-Joseph Briot. Les Belles Letres, París [2ª ed. (1979). ISBN 2251602410]
Escolma de artigos
(1925). "Un tétradrachme arsacide inédit". En Arethuse. Vol. 2. Páxinas 63-66. (1925). "Une trouvaille de monnaies séleucides et arsacides". En Arethuse. Vol. 2. Páxinas 131-139. (1930). "Divinité Nabateénne sur une Monnaie Parthe". En Arethuse. Vol. 9. Páxinas 39-40. (1931). "L'oiseau des monnaies de Perside". En Arethuse. Páxinas 37-39. (1949). "Monnaies arsacides à bonnet satrapal". En Revue Numismatique. Tomo 11. Páxinas 9-26. (1950). "Note sur quelques enceintes du Comté de Tipperary (Irlande)". En Bulletin de la Société préhistorique française. Tomo 47. Nº 9-10. Páxinas 458-460. (1951). "Les Stations préhistoriques de Cramans (Jura)". En Bulletin de la Société préhistorique française. Tomo 48. Nº 3-4. Páxinas 158-162. (1953). "Recherches archéologiques dans les eviron d'Alaise (Doubs). Fouilles de Châtaillon, à Alaise". En Revue aechéologique de l'Est. Tomo 4. Páxinas 7-34.
Notas
Categoría:Nados en 1889 Categoría:Nados en Besançon Categoría:Finados en 1973 Categoría:Diplomáticos de Francia Categoría:Embaixadores no Perú Categoría:Numismáticos de Francia Categoría:Arqueólogos de Francia Categoría:Membros da Sociedade Francesa de Numismática Categoría:Personalidades sen imaxes Categoría:Presidentes da Sociedade Francesa de Numismática