A Tapada Nacional de Mafra é unha área verde que se atopa na freguesía Sobral da Abelheira, en Mafra, Portugal, creada durante o reinado do rei Xoán V. É tamén unha Zona de Caza Nacional. Intégrase no complexo do Real Edificio de Mafra, Patrimonio da Humanidade da UNESCO dende 2019.

Con máis de 8 quilómetros cadrados de superficie, o parque conta con diferentes especies que conviven nun hábitat natural rico e diversificado. Foi o lugar favorito da monarquía portuguesa para a caza e outras actividades de lecer, o que contribuíu á súa conservación e continuidade.

O seu patrimonio natural garante que sexa un lugar excelente para programas divertidos de concienciación e educación ambiental. A Tapada tamén está aberta para realizar actividades de sendeirismo, bicicleta de montaña, equitación, tiro con arco e tiro con ballesta.

Historia A Tapada de Mafra foi creada en 1747, durante o reinado de Xoán V, como parte da construción do Palacio Nacional de Mafra, situado nas súas proximidades. Coñecida entón como a Tapada Real de Mafra, pensouse como unha zona de lecer para a familia do monarca e a nobreza durante as vacacións, en especial para a caza. Este uso cinexético continúa na actualidade, se ben de forma limitada; as principais actividades que se desenvolven na Tapada son o turismo rural e mais o ocio.

Fauna A fauna da área sobresae pola presenza de especies propias da caza deportiva, como o gamo, o cervo común ou o xabaril. Tamén se poden atopar outros mamíferos como os raposos, as doniñas ou as xenetas.

Canto ás aves, destacan as de rapina coma o bufo real, a aguia perdigueira, o azor común ou o lagarteiro peneireiro. Así mesmo, hai gaios, perdices e reiseñores, entre outros.

A presenza de zonas húmidas en toda a Tapada proporciona un hábitat para diversos anfibios, coma o urodelo, o tritón marmorado, ou os hílidos. Encóntranse pequenos réptiles, entre os que se contan xecónidos, lagartas galegas, e víboras fociñudas, estas últimas velenosas mais pouco agresivas.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Tapada Nacional de Mafra

Categoría:Mafra