miniatura|Sección do útero grávido no terceiro e cuarto meses. miniatura|Micrografía que mostra a decidualización do endometrio debido á proxesterona exóxena (pílula anticonceptiva oral). Tinguidura de hematoxilina-eosina. A decidualización é un proceso que ten como resultado a aparición de cambios significativos nas células do endometrio en preparación do ou durante o embarazo. Isto inclúe cambios morfolóxicos e funcionais (a reacción decidual) nas células estromáticas endometriais, a presenza de leucocitos deciduais e cambios vasculares nas arterias maternas. O conxunto destes cambios ten como resultado que o endometrio cambie a un tecido con outra estrutura chamado decidua. En humanos, a decidua despréndese despois do parto.

A decidualización ten un importante papel na promoción da formación da placenta entre o corpo da nai e o do feto ao favorecer a invasividade das células trofoblásticas. Tamén desencadea a produción de factores celulares e moleculares que causan cambios estruturais ou remodela as arterias espirais maternas. A decidualización é necesaria nalgunhas especies de mamíferos nas que se produce a implantación do embrión e a invasión das células trofoblásticas do endometrio, tamén chamada placentación hemocorial. Isto permite que o sangue materno entre en contacto directo co corion fetal, unha membrana entre os tecidos fetais e maternos, e permite o intercambio de nutrientes e gases. Porén, reaccións similares á decidualización tamén se observaron nalgunhas especies que non presentan placentación hemocorial.

En humanos a decidualización ocorre despois da ovulación durante o ciclo menstrual. Despois da implantación do embrión, a decidua segue desenvolvéndose a favorece o proceso da placentación. No momento en que o embrión se implanta, o recubrimento endometrial decidualizado despréndese ou, como no caso das especies que seguen un ciclo estral, é absorbida. Nas especies que menstrúan, a decidualización é espontánea e ocorre como resultado da secreción de hormonas maternas. En especies non menstruantes, a decidualización non é espontánea, o que significa que só ocorre despois de que hai sinais externos de que se implantou un embrión.

Introdución Despois da ovulación os altos niveis de proxesterona inician os cambios moleculares que levan á decidualización. O proceso desencadea un influxo de leucocitos deciduais xunto con cambios morfolóxicos e funcionais das células do estroma endometrial. Os cambios nas células estromáticas endometriais causan o desenvolvemento do endometrio nun recubrimento secretor que produce diversas proteínas, citocinas e factores de crecemento. Estes factores segregados regulan a invasividade das células trofoblásticas que finalmente forman a conexión placentaria se un embrión se implanta na decidua.

Leucocitos deciduais Unha das características identificadoras da decidua é a presenza de gran cantidade de leucocitos que son principalmente células asasinas naturais uterinas (uNK) especializadas e algunhas células dendríticas. Como o feto consta tanto de ADN de orixe materna coma paterna, os leucocitos deciduais teñen un papel na supresión da resposta inmunitaria da nai para previr que o feto sexa tratado como un elemento xeneticamente alleo. Ademais das súas funcións inmunes, as células uNK e dendríticas actúan tamén como reguladores da remodelación das arterias espirais da nai remodelando a diferenciación das células estromáticas endometriais.

Células estromáticas endometriais As células estromáticas endometriais son as células do tecido conectivo do endometrio, de aparencia fibroblástica. Porén, a decidualización causa que se inchen e adopten unha aparencia epitelial debido á acumulación de glicóxeno e pingas de lípidos. Ademais, empezan a segregar citocinas, factores de crecemento e proteínas como a IGFBP1 e a prolactina, xunto con proteínas da matriz extracelular, como a fibronectina e a laminina. O incremento da produción destas proteínas da matriz extracelular fai que o endometrio adquira unha estrutura mais densa, converténdose no que se denomina decidua, a cal produce factores que promoven a adhesión do trofoblasto e inhiben a invasión excesivamente agresiva.

Durante o embarazo A reacción decidual obsérvase no inicio do embarazo na área xeneralizada onde o blastocisto contacta coa decidua endometrial. Consiste nun incremento das funcións secretoras do endometrio na área de implantación, así como no estroma circundante, que se volve edematoso.T. F. Kruger, M. H. Botha. Clinical Gynaecology; page 67. Juta Academic; 3ª edición (5 de setembro de 2008).

A reacción decidual soamente ocorre en humanos e unhas poucas especies máis. A reacción decidual e a decidua non cómpren para a implantación. As probas disto son que en embarazos ectópicos e nas histerectomías, a implantación pode ocorrer noutras partes da cavidade abdomino-pelviana distintas do útero.

Papel en enfermidades e trastornos As anormalidades na decidualización foron implicadas en doenzas como a endometriose, na cal a alteración da decidualización leva ao crecemento ectópico de tecido uterino. A falta de decidualización foi tamén ligada a taxas máis altas de aborto natural.

A deciduíte crónica, unha inflamación crónica da decidua, foi ligada a nacementos prematuros.

En investigación O proceso de decidualización é iniciado pola proxesterona, pero necesita adenosín monofosfato cíclico (AMPc) para que actúe como molécula de sinalización inicial para sensibilizar as células endometriais á proxesterona. En consecuencia, as células estromáticas endometriais humanas foron decidualizadas en cultivo con análogas químicos do AMPc xunto con proxesterona. A decidualización in vitro orixina cambios morfolóxicos similares nas células estromáticas endometriais humanas e tamén unha produción regulada á alza de marcadores de decidualización como a IGFBP1 e a prolactina.

Os modelos de ratos usáronse moitísimo para a identificación dos factores moleculares necesarios e implicados na decidualización.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Decidua Célula decidual

Ligazóns externas Implantation stages Human embryology; developed by the universities of Fribourg, Lausanne and Bern (Switzerland). Histopathology Uterus – Decidual reaction Microscopic review of decidualization

Categoría:Endocrinoloxía Categoría:Ciclo menstrual Categoría:Xinecoloxía