Nelly Naumann (katakana: ナウマン・ネリー), nada o 20 de decembro do 1922 e finada o 29 de setembro do 2000, foi unha investigadora alemá especializada na mitoloxía e o folclore xaponés, así coma no xintoísmo.
Traxectoria Naumann naceu en Lörrach co nome de Thusnelda Joch. Matriculouse no Hebel Gymnasium, obtendo a súa Abitur no 1941. Licenciouse en Xaponoloxía e Sinoloxía na Universidade de Viena, onde tamén estudou etnoloxía e filosofía. Tivo que pospoñer a súa tese, Das Pferd in Sage und Brauchtum Japans ("O cabalo na mitoloxía e as tradicións do Xapón"), a causa da segunda guerra mundial. No 1946, converteuse na primeira muller en doutorarse en Estudos Xaponeses da súa institución.
Posteriormente, casou cun compañeiro de estudos chinés; ambos mudáronse a Shanghai, onde viviron até o 1954. Naumann regresou a Alemaña tras divorciarse, entrando a traballar na Biblioteca do Estado de Baviera (Múnic). Entre o 1966 e o 1977, foi profesora das universidades de Bochum, Münster e Friburgo. No 1970, obtivo a súa Habilitation cunha disertación titulada Das Umwandeln des Himmelspfeilers ("A transformación do Piar do Ceo"). Foi profesora de Estudos Xaponeses en Friburgo entre o 1973 e a súa xubilación no 1985.
Naumann continuou publicando algunhas das súas obras máis importantes, como Die einheimische Religion ("A relixión nativa", 1988-1994) e Die Mythen des alten Japan ("Os mitos do Xapón antigo", 1996). No 1993, editouse unha Festschrift na súa honra.
Faleceu en Friburgo no ano 2000.
Obra Naumann empregou a metodoloxía da Escola de Arte e Historia de Viena, que utiliza as comparacións interculturais para afondar nunha cultura en particular. Neste sentido, contrastou coa perspectiva tradicional dos Estudos Xaponeses, que analizaba a cultura nipoa de maneira illada. Miyata Noboru alabou o seu punto de vista, e un comité de flocloristas están a publicar as súas obras en xaponés. Ademais, Naumann destacou por entender tanto o xaponés coma o chinés, ademais de pola amplitude cronolóxica das súas investigacións. Naumann empregou fontes de moi diverso cuño, tanto textuais coma iconográficas. Con todo, nunca fixo traballos de campo.
O seu principal eido de investigación foron os antigos mitos e relixións do Xapón, anteriores á chegada do budismo; porén, tamén publicou unha antoloxía de literatura clásica xaponesa: Die Zauberschale ("A cunca máxica", 1973; con Wolfram Naumann). Nos seus últimos anos, estudou tamén o xamanismo nipón, co lingüista Roy A. Miller.
Traducións
Antiguos mitos japoneses. Tradución ao castelán de Adan Kovacsics. Herder.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
Nelly Naumann (Biblioteca Nacional de España)
Categoría:Profesores da Universidade Albert Ludwig de Friburgo Categoría:Profesores da Universidade de Münster Categoría:Alumnos da Universidade de Viena Categoría:Finados en 2000 Categoría:Nados en 1922