300px|miniatura|Equipo do Octavio en decembro do 2012. O Sociedad Deportiva Octavio (tamén coñecida como Academia Octavio) foi un equipo de balonmán de Vigo que antes da súa disolución en 2019 militaba no grupo A da Primeira Estatal. Xogaba como local no Complexo Deportivo das Travesas de Freixeiro, con capacidade para 4.500 persoas.

Historia O Academia Octavio de Vigo foi fundado en 1966 por Octavio Rodríguez (pai do presidente Javier Rodríguez). O club comezou como equipo feminino, mais aos dous anos apareceu a sección masculina. Dous anos máis tarde desapareceu a sección feminina, deixando unicamente á sección masculina como representante do club.

En 1970 conseguiu o ascenso a 1ª Nacional, e o 5 de marzo de 1975 conseguiu o seu primeiro ascenso á Divisón de Honra. Logo de xogar dous anos na máxima categoría, o Octavio descendeu a 1ª Nacional. Na tempada 1979-80, o club olívico regresou por segunda vez na súa historia á máxima categoría. Desta vez, a súa andaina durou tres anos, tralos cales perdeu novamente a categoría.

Despois de tres anos na 1ª Nacional, o Academia Octavio tivo que xogar en 2ª Nacional durante a tempada 1985-86, aínda que ese mesmo ano conseguiu o ascenso a 1ª Nacional "B", categoría na que permaneceu ata a tempada 1990-91, cando conseguiu o ascenso a 1ª Nacional "A". Dúas tempadas máis tarde, na 1992-93, conseguiu o retorno á máxima categoría do balonmán español da man de Alejandro López. Nese momento comezaba a época dourada do club vigués: semifinais da Copa ASOBAL e final da Copa do Rei na tempada 1994-95, cuarto posto na tempada 1995-96, e tres anos consecutivos xogando competicións europeas. Mesmo nas tempadas 1996-97 e 1997-98 disputou as semifinais da Copa EHF e da City Cup respectivamente.

Na tempada 1997-98, o Octavio perdeu a categoría volvendo á División de Honra "B". A partir dese ano, o Octavio comezou a intercalar tempadas na División de Honra "B" con tempadas en ASOBAL (das últimas 13 tempadas: 6 en ASOBAL e 7 na División de Honra "B") gañando a sona de equipo "ascensor".

Na tempada 2010-11 acadou novamente o ascenso logo de pasar un ano na segunda categoría.

Véxase tamén

Ligazóns externas Páxina web Academia Octavio

Octavio Categoría:Deporte en Vigo