Józef Kowalski, nado en Siedliska o 13 de marzo de 1911 e finado en Auschwitz o 4 de xullo de 1942, foi un sacerdote católico salesiano polaco asasinado no campo de concentración de Auschwitz durante a segunda guerra mundial. Foi beatificado en Varsovia o 13 de xuño de 1999.
Traxectoria Kowalski naceu en Siedliska (terceira partición de Polonia) o 13 de marzo de 1911, o sétimo dos nove fillos de Wojciech e Zofia Borowiec. Foi ordenado sacerdote salesiano o 29 de maio de 1938 en Cracovia e exerceu como secretario do provincial da congregación. Durante a ocupación alemá de Polonia os salesianos continuaron co seu labor educativo. A Gestapo arrestou a Kowalski o 23 de maio de 1941, xunto con outros 11 salesianos que traballaban en Cracovia. Foron levados á prisión de Montelupich e torturados.
Auschwitz O 26 de xuño de 1941 Kowalski foi enviado ao campo de concentración de Auschwitz, co número de prisioneiro 17.350 ou 17.950. Alí predicou en segredo aos compañeiros prisioneiros no Bloque 25 e tentou fortalecer a súa vontade de sobrevivir no campo. Absolveu condenados a morte, normalmente en segredo, mais polo menos unha vez en público no momento das execucións en masa. En Auschwitz era coñecido como Padre Józef. Nunha das veces que pasou lista, o Blockführer Gerhard Palitzsch descubriuno co seu rosario e ordenoulle pisalo. Kowalski negouse, polo que se lle asignaron traballos forzosos. Na última carta aos seus pais, Józef escribiu:
O 3 de xullo de 1942 foi humillado, ridiculizado e fortemente golpeado polos gardas por ser sacerdote. Esa mesma noite sacárono do barracón, mallaron nel e posibelmente o afogaron. O corpo de Kowalski foi atopado o día seguinte e incinerado con outros. Tiña 31 anos.
En Polonia empezouse a venerar a súa figura após a segunda guerra mundial. O papa Xoán Paulo II coñecérao persoalmente antes da guerra, cando Kowalski vivía e exercía na parroquia de San Estanislau Kostka en Dębniki, Cracovia. Nunha das súas visitas a Polonia, Xoán Paulo II beatificou a Kowalski en Varsovia. A misa cerimonial de tres horas tivo lugar o 13 de xuño de 1999, á que asistiron unhas 600.000 persoas, entre elas o entón presidente Aleksander Kwaśniewski. Kowalski foi un dos 108 mártires polacos da segunda guerra mundial beatificados polo papa aquel día.
Notas
Categoría:Nados en 1911 Categoría:Finados en 1942 Categoría:Mártires Categoría:Segunda guerra mundial Categoría:Salesianos