Futurama é unha serie de debuxos animados estadounidense creada por Matt Groening (creador de The Simpsons) e David X. Cohen (guionista tamén de The Simpsons). Está ambientada no ano 3000, na cidade de "Nova" Nova York, construída sobre as ruínas da antiga Nova York. Trátase dun programa animado de pouco máis de 20 minutos de duración producido orixinalmente FOX que empezou a emitirse por televisión o 28 de marzo de 1999 nos Estados Unidos, e estivo en emisión até o 10 de agosto de 2003. Comedy Central en 2007 produciu catro filmes para o mercado do vídeo doméstico e realizou novos episodios que comezaron o 23 de marzo de 2008 e finalizaron o 4 de setembro de 2013. Hulu reviviu de novo a serie a partir do 24 de xullo de 2023. miniatura|David X. Cohen e Matt Groening no Comic Con de San Diego no ano 2009. Futurama era o nome da exposición de General Motors na Feira Mundial de Nova York de 1939 e Matt Groening sacou o nome dese evento para a súa serie. O período de preprodución para elaborar este universo futurista con "bebidas non alcohólicas moi aditivas", levoulle ao seu equipo un traballo de tres anos.
A historia de Futurama empeza o 31 de decembro de 1999 en Nova York, cando Fry, un mozo fracasado que traballa repartindo pizzas é "accidentalmente" conxelado nun laboratorio crioxénico de Nova York e enviado 1000 anos cara ao futuro e esperta o 31 de decembro de 2999 en "Nova" Nova York. Coñece a Leela, unha bela ciclope que lle quere implantar un chip de traballo, e a Bender, un robot antisocial, alcólico e cleptómano. Velaquí os tres protagonistas de Futurama, aos que se van sumando novos personaxes en cada episodio.
Personaxes e elenco Futurama pertence ao xénero comedia de situación, por iso a trama vira en torno ás actividades e aventuras dos empregados da empresa Planet Express. A maioría dos episodios traman sobre o trío Fry, Leela e Bender, aínda que tamén doutras personaxes.
Philip J. Fry (Billy West) Fry é un inmaturo rapaz que traballaba coma repartidor de pizza que foi conxelado na madrugada do día de Aninovo de 2000 antes da fin das badaladas, despertando durante o Fin de Ano, 2999. Obtén un emprego coma repartidor en Planet Express, unha empresa propiedade do seu familiar máis achegado, o profesor Hubert Farnsworth. Está namorado de Leela dende o primeiro episodio, sendo ademais, como consecuencia de certas medidas que toma no episodio "Roswell que remata ben", o seu propio avó.
Turanga Leela (Katey Sagal) Leela é a competente capitá da nave de Planet Express cun só ollo. Abandonada dende pequena pasou toda a súa infancia nun orfanato pensando que era unha orfa extraterrestre co desexo de coñecer as súas orixes. Porén, máis tarde dáse conta de que é filla duns mutantes de sumidoiro. Antes de converterse en capitá traballaba no laboratorio crioxénico onde coñeceu a Fry, o cal namorouse dela.
Bender Bending Rodríguez (John DiMaggio) Bender é un robot alcohólico, fumador, cleptómano, misántropo, egocéntrico e cun alto temperamento. Orixinariamente está programado para dobrar e máis tarde é designado como cociñeiro da nave de Planet Express e asistente de vendas. Os seus soños son ser un famoso Chef ou un cantante de música folk. Fry é o seu compañeiro de apartamento. Cabe resaltar que foi fabricado en México.
Profesor Hubert J. Farnsworth (Billy West) Nado o 9 de abril de 2841, ten 167 anos e é o familiar máis achegado a Fry na época. Farnsworth fundou Planet Express e foi inventor de múltiples cousas. Ten ademais o seu propio clon creado para ser o seu sucesor, Cubert Farnsworth, o cal trata coma un fillo.
Dr. John A. Zoidberg (Billy West) miniatura|Xente disfrazada de Doutor Zoidberg. É un extraterrestre semellante a un lumbrigante. É un médico procedente do planeta Decapod 10. Autoproclámase experto en humanos a pesar de que os seus coñecementos de anatomía humana son máis ben limitados. Proporciona coidados médicos incompetentes á tripulación do Planet Express.
Amy Wong (Lauren Tom) Amy é unha moza incribelmente rica, moi guapa e simpática; mais tamén burda e inocente, e con ela, Planet Express é moi propenso a ter accidentes. É unha estudante de enxeñería na Universidade de Marte e herdeira do hemisferio occidental dese planeta. A pesar de nacer en Marte, é etnicamente chinesa, propensa a maldicir cantonés e falar xerga do século XXXI. Os seus pais son Leo e Inez Wong. Inicialmente semella algo promiscua, mais logo desenvolve unha longa relación con Kif Kroker.
Hermes Conrad (Phil LaMarr) Hermes é un burócrata xamaicano cun don especial para arquivar. É o contable de Planet Express, con nivel 37 (é ascendido a 34 durante a serie) dentro dos burócratas, presumindo moitas veces diso. Participou nas Olimpíadas de 2980 na modalidade de limbo. Está casado con LaBarbara e ten un fillo de 12 anos, Dwight.
Zapp Brannigan (Billy West) Zapp Brannigan non é un membro de Planet Express mais aparece regularmente en Futurama. É un presuntuoso, egocéntrico e incompetente capitán de nave espacial que tenta persuadir sen descanso a Leela e outras mulleres.
Kif Kroker (Maurice LaMarche) É o 4º tenente de Zapp Brannigan e sufrido asistente persoal, Kif é membro dunha especie de anfibios que habita no planeta acertadamente nomeado Amphibios 9. aínda que é extremadamente tímido, tivo o suficiente coraxe para acadar saír con Amy.
Nibbler (Frank Welker) Nibbler, cuxa tradución aproximada ao galego pode ser Dentadiño (na versión en castelán, única dispoñíbel en Galiza polo de agora, é coñecido coma Mordisquitos) é a mascota de Leela do planeta Nibblonian, que ela atopou en estado salvaxe e que moi cedo adoptou na serie. É capaz de xantar enormes animais producindo materia escura (combustíbel para naves) como refugallo. A pesar do seu enganoso xeitoso aspecto, Nibbler é de feito un altamente intelixente ser cuxa especie é a encargada de manter a orde no universo. Revela no episodio "O porqué de Fry" que foi o responsábel directo da conxelación crioxénica de Fry.
Futurama ten ademais numerosas personaxes de menor importancia que aparecen de xeito regular, moitas delas dobradas polos membros habituais do elenco como Billy West, John DiMaggio, Tress MacNeille, David Herman e Maurice LaMarche.
Escenario Futurama desenvólvese durante o século XXXI, un século cheo de marabillas tecnolóxicas, con moitos dispositivos inimaxinábeis hoxe en día é cunha arquitectura de deseño futurista. O quecemento da atmosfera, a inflexible burocracia e o abuso de substancias son algúns dos temas dados neste século, nun mundo onde os problemas da Terra convertéronse nos máis comúns e máis extremos. Na serie móstranse os prexuízos dos humanos contra os humanos-mutantes, que se viron obrigados a vivir baixo terra nos sumidoiros. O fogar dos personaxes principais que habitan na Terra é a cidade de Nova Nova York (New New York), construída sobre as ruínas da actual cidade de Nova York, denominada a Vella Nova York (Old New York).
Numerosos avances tecnolóxicos foron realizados até este século dende os nosos días. Un moi destacado e recorrente durante a serie é a capacidade para manter vivos a persoeiros (a súa cabeza concretamente) en tarriños de formol o que é usado polos guionistas cando queren facer aparecer a unha celebridade na serie. Curiosamente, varios dos políticos en conservas xa estaban mortos antes da suposta chegada desta tecnoloxía, un dos exemplos máis destacados desta anomalía é Richard Nixon, que morreu en 1994.
A Internet conta co seu propio mundo dixital (semellante a The Matrix ou Tron), é lento e en gran parte consiste na pornografía, pop-ups, e "sucias" salas de conversación, aínda que algunhas poden incluír material educativo. A televisión segue sendo unha forma primaria de entretemento. Os robots son unha vista común, ademais de ser a principal causa do quecemento da Terra grazas aos seus sistemas de alcol. A roda está obsoleta (Fry até parece non recoñecer o seu deseño) xa que foi esquecida e substituída por vehículos e tubos de transporte.
En Futurama os guionistas non cometen erros de continuidade, que serven para promover as brincadeiras. Por exemplo, mentres que nun episodio dise que a tripulación de Planet Express morreu por culpa das abellas asasinas, máis tarde o episodio "O aguillón" trama sobre un dos membros da nova tripulación morre polas abellas asasinas.
Cultura e sociedade A Terra represéntase como multicultural na medida en que hai unha ampla gama de recursos humanos, para robots, e ademais os seres extraterrestres na serie interactúan cos personaxes principais. Dalgunha maneira o futuro preséntase como socialmente máis avanzado. Os robots constitúen a maior "minoría" da serie. A miúdo son tratados como cidadáns de segunda clase, mentres que uns poucos robots ricos son presentados como membros da clase alta. A maioría de robots son auto-conscientes e concedéronse a liberdade e a libre vontade. Con todo, en tempos de crise, son obrigados a servir aos seres humanos. Os Mutantes do Sumidoiro son seres humanos mutados que viven nos sumidoiros obrigados por lei.
A relixión é aínda parte da sociedade, a pesar de cambiar moito. As principais relixións fusionáronse para converterse nunha única. As figuras relixiosas da serie son o Papa Espacial, o Diaño Robot e o reverendo Preacherbot. Aínda que moi poucos episodios céntranse exclusivamente nos cambios relixiosos no universo de Futurama. miniatura|200px|dereita|Bandeira da Terra A Terra ten un goberno unificado, encabezado polo Presidente da Terra (da tempada 2 en diante é a cabeza de Richard Nixon). A capital da Terra é Washington, D.C., e a súa bandeira é semellante á de Estados Unidos só que no canto de estrelas ten unha representación da Terra.
A Orde Democrática de Planetas (DOOP) é a organización de ficción no universo de Futurama, semellante ás Nacións Unidas e á Federación Unida de Planetas do universo de Star Trek. Numerosas outras galaxias foron colonizados ou fixeron Contacto no ano 3000. Marte foi colonizado e é o fogar da famosa Universidade de Marte.
Os presidentes dos Estados Unidos dende George Washington até Bill Clinton, e moitas celebridades son colocadas nos metados tarros. Estes exhíbense no Museo Nacional de Cabezas. Son alimentados con comida para peixes.
Lingua miniatura|esquerda|400px|Cada signo do alfabeto extraterrestre corresponde a un signo do alfabeto latino Na serie tamén se usan alfabetos extraterrestres que aparecen a miúdo no fondo, polo xeral en forma de garabatos, anuncios ou en etiquetas de advertencia. O primeiro é un sinxelo cifrado de substitución un a un do alfabeto latino, mentres que o segundo usa un código de adición modular e máis complexo. Ambos adoitan proporcionar bromas adicionais aos fanáticos o suficientemente entregados como para descodificar as mensaxes. Ademais destes alfabetos, a serie utiliza o alfabeto latino.
O inglés tamén evolucionou, pero segue sendo comprensíbel. Os trocos inclúen a substitución da palabra Christmas («Nadal») por Xmas (co X pronunciado como tal) e o cambio da pronuncia de ask por metátese (troco de lugar dos sons dentro dunha palabra) a [æks]. Ironicamente, [æks] representa unha pronuncia antiga da palabra, sendo o moderno [æsk] unha innovación, polo que no século XXXI vese como a palabra pecha o círculo.