Juan Brandariz Movilla, máis coñecido como Chumi, nado na Laracha o 2 de marzo de 1999, é un futbolista galego que xoga como defensa central ou lateral dereito no Almería, da Primeira División.
Traxectoria
Comezos Naceu na Laracha, sendo fillo do coruñés Fernando Brandariz e de Mercedes Movilla, natural do Castro de Caldelas. Comezou a xogar ao fútbol aos 7 anos na canteira do Laracha, onde axiña destacou, polo que pouco despois foi fichado polo Montañeros da Coruña. En 2009 ingresou na canteira do Deportivo da Coruña. Co equipo cadete do club coruñés, adestrado por Juan Ignacio Subirán, conquistou a Liga Galega e proclamouse campión de España tras vencer ao Zaragoza na final da Copa Coca-Cola. As súas actuacións fixeron que se fixase nel o FC Barcelona, que o fichou ese mesmo verán.
FC Barcelona Aínda en idade cadete, comezou a xogar co xuvenil B do Barça, e na temada 2017/18 consagrouse co xuvenil A, proclamándose campión do grupo III da División de Honra e conquistando a Liga Xuvenil da UEFA, tras vencer por 0-3 ao Chelsea na final disputada no Centre Sportif de Colovray de Nyon, partido que disputou completo.
En 2018, rematada a súa etapa como xuvenil, foi subido ao filial, na Segunda División B, debutando nun partido ante o Ejea. O 1 de novembro do mesmo ano disputou o seu primeiro partido co primeiro equipo, sendo aliñado por Ernesto Valverde como titular na vitoria por 0-1 ante a Cultural Leonesa na Copa do Rei, formando no centro da defensa xunto a Jorge Cuenca. Foi titular tamén no encontro de volta, así como na ida dos oitavos de final ante o Levante. Unha semana despois dese último partido orixinouse unha gran polémica debido á súa participación no encontro, cando o xornal El Mundo publicou que o xogador galego non debería ter sido aliñado, despois de recibir un quinto cartón amarelo un día antes nun partido co filial. O Levante denunciou o caso pero a súa reclamación foi desestimada por ter sido presentada fóra de prazo.
O 8 de novembro de 2018 renovou o seu contrato co Barça ata 2020, cunha cláusula de rescisión de 100 millóns de euros. Disputou 28 partidos co filial na tempada 2018/19 e 16 na seguinte, ata que a pandemia de COVID-19 paralizou as competicións. O 30 de xuño de 2020, despois de dúas campañas co filial, deixou o club ao vencer o seu contrato.
Almería O 10 de setembro de 2020 fíxose oficial a súa fichaxe polo Almería, da Segunda División. Durante a súa primeira campaña no club andaluz, apenas contou coa confianza do adestrador, o portugués, José Gomes, situación que mudou trala chegada de Rubi ao banco almeriense. Disputou sen éxito a promoción de ascenso en 2021, e na tempada 2021/22 proclamouse campión da categoría, sendo titular indiscutible no centro da defensa, xunto ao serbio Srđan Babić, ata que unha lesión o obrigou a pasar polo quirófano.
O 14 de agosto de 2022 debutou na Primeira División, na primeira xornada da tempada 2022/23 ante o Real Madrid no Estadio de los Juegos Mediterráneos, partido no que foi titular. Converteuse así no terceiro larachés en xogar na máxima categoría do fútbol español, tras Carlos García Becerra e David Añón.
Selección española Foi internacional coas categorías inferiores da selección española entre 2014 e 2016. Foi convocado por Santi Denia para as seleccións sub-16 e sub-17, e con esta última proclamouse subcampión de Europa en 2016 en Azerbaidján, tras perder na quenda de penaltis da final contra Portugal.
Palmarés Almería Segunda División (1): 2021/22.
Notas
Categoría:Nados en 1999 Categoría:Nados na Laracha Categoría:Futbolistas da Laracha Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do FC Barcelona B Categoría:Xogadores do FC Barcelona Categoría:Xogadores da UD Almería Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España sub-17