O Ottawa Charge (en francés Charge d'Ottawa) é un equipo feminino profesional de hóckey sobre xeo da cidade de Ottawa (Ontario, Canadá), que compite na Professional Women's Hockey League (PWHL), sendo unha das seis franquía fundadoras da competición. O equipo fundouse o 29 de agosto de 2023 co nome PWHL Ottawa. Dende o seu debut na PWHL está dirixido pola adestradora canadense Carla MacLeod. O equipo é propiedade do Mark Walter Group

O Ottawa Charge xoga os seus partidos como local no TD Place Arena, pavillón que comparte co equipo masculino dos Ottawa 67’s da Ontario Hockey League (OHL), e que foi a casa dos Ottawa Senators da National Hockey League (NHL) dende a súa fundación en 1992 ata 1996.

A franquía ten un importante apoio social na cidade, o que a converteu no equipo co mellor rexistro de asistencia media ao seu pavillón na tempada inaugural da PWHL con 7 496 persoas de media nas bancadas, e o 2 de xaneiro de 2024, no seu primeiro partido como local, acadou o mellor rexistro ata aquel momento para un partido de hóckey sobre xeo feminino cun total de 8 318 persoas.

Na tempada inaugural da liga, o daquela denominado Ottawa PWHL quedou ás portas da clasificación para as series eliminatorias, tendo chegado ao derradeiro partido con opcións de clasificarse. Con todo, tempada 2024-25 o equipo clasificouse por primeira vez na súa historia para os play-offs logo de finalizar a liga regular na terceira posición. Na súa primeira presenza nas series pola Walter Cup o equipo clasificouse para as finais logo de eliminar (3-1) o Montreal Victoire, primeiro clasificado e máximo favorito ao título. O segundo partido da serie fixo historia ao converterse, con catro prórrogas e 135:33 minutos disputados, no partido máis longo na historia do hóckey sobre xeo profesional feminino e un dos partidos máis longos do hóckey profesional norteamericano.

Historia Antecedentes miniatura|esquerda|Primeira imaxe coñecida dun partido feminino de hóckey sobre xeo en Rideau Hall c. 1890. A cidade de Ottawa ten unha longa tradición no hóckey sobre xeo feminino, sendo a cidade na que as mulleres comezaron a practicar a modalidade. Na cidade xogouse o primeiro partido feminino do que se ten rexistro no Rideau Skating Rink o 8 de marzo de 1889. Ademais, a primeira imaxe coñecida dunha muller xogando ao hóckey sobre xeo tomouse na cidade en 1890 cando Lady Isobel, filla do gobernador xeral do Canadá Frederick Stanley, foi fotografada nos xardíns de Rideau Hall.

Contra a última década do século XIX comezaron a crearse os primeiros equipos femininos na rexión da capital. Estes equipos inluían as New Edinburgh Alphas, as Rideau Rink Ladies, as Hull Vestas e as Cliffside Ladies, tamén coñecidas como as Busy Bees. A principios do século XX a cidade tiña xa o seu propio campionato feminino, cuxa primeira edición gañaron precisamente as Busy Bees.

Nos inicios do século XX destacaron as Ottawa Alerts, que gañaron a Dey Cup logo de derrotar as Montreal Westerns, e en 1922 uníronse á Asociación Femenina de Hockey de Ontario (LOHA nas súas iniciais en inglés). Con todo, a Gran Depresión supuxo a fin do hóckey sobre xeo feminino, tanto na capital coma no resto do país e non foi ata a década de 1970 cando rexurdiu como deporte importante. O último equipo profesional feminino da cidade foron as Ottawa Lady Senators (inicialmente coñecidas na NWHL como Ottawa Raiders), que competiron na Canadian Women's Hockey League (CWHL) dende 2008 ata o 2010.

Fundación O 29 de agosto de 2023 anunciouse que unha das primeiras seis franquías da PWHL estaría localizada en Ottawa. Dous días despois Michael Hirshfeld, antigo director executivo da Asociación de Adestradores da National Hockey League durante sete anos pero sen moita experiencia no hóckey feminino nin na dirección de ningún equipo masculino de primeiro nivel, foi nomeado director xeral do equipo. Ese mesmo día anunciouse que o TD Place Arena sería o seu estadio como local.

A cada equipo da PWHL permitíuselle facer tres contratacións durante o período de axencia libre antes do draft de 2023. Ottawa fichou as xogadoras medallistas de ouro coa selección canadense nos Xogos Olímpicos de 2022 Emily Clark, Brianne Jenner, e Emerance Maschmeyer o 5 de setembro de 2023, que se converteron nas primeiras incorporacións do equipo. Cada unha asinou un contrato por tres anos vixente ata a tempada 2025–26 a razón de 80 000 dólares estadounidenses por tempada.

O 15 de setembro anunciouse a contratación de Carla MacLeod, antiga membro da selección canadense e seleccionadora da República Checa, como primeira adestradora do equipo. Logo seleccionou 15 xogadoras no draft da liga o 18 de setembro, sendo a primeira elección de Ottawa Savannah Harmon, integrante da selección estadounidense. O 17 de outubro anunciouse que Haley Irwin e Cassea Schols serían as adestradoras asistentes, mentres que Pierre Groulx sería o adestrador de porteiras.

Tempada inaugural miniatura|Hayley Scamurra celebrando un gol en 2024 co daquela PWHL Ottawa. O 17 de decembro de 2023 anunciouse que o equipo vendera todas as localidades para o seu primeiro partido fronte a Montreal o 2 de xaneiro de 2024. Días despois, pouco antes do inicio da tempada inaugural, a 2023-24, Ottawa anunciou que Jenner sería a capitá do equipo, con Clark e Jincy Roese como capitás asistentes.

O primeiro partido da historia da franquía disputouse o 2 de xaneiro de 2024, cando Ottawa recibiu o PWHL Montreal no TD Place Arena. O partido estableceu un novo récord de asistencia a un partido profesional de hóckey sobre xeo feminino con 8 318 persoas nas bancadas. Hayley Scamurra anotou o primeiro gol da historia da franquía para adiantar o equipo anfitrión (1-0); con todo, Montreal gañou no tempo engadido cun marcador de 2–3.

Ottawa debía disputar o seu segundo partido en Boston, mais este suspendeuse a causa das inclemencias meteorolóxicas e o equipo da capital canadense tivo un parón de dez días ata que disputou o seu seguinte encontro en Toronto, onde conseguiu a súa primeira vitoria no su segundo partido disputado, cando derrotou por 5–1 a PWHL Toronto o 13 de xaneiro con dous goles de Gabbie Hughes. A súa primeira vitoria como local chegou o 23 de xaneiro, tamén fronte a Toronto. miniatura|esquerda|250px|Xogadoras do PWHL Ottawa durante un partido fronte o PWHL Minnesota. O 1 de febreiro celebrouse o partido das estrelas da National Hockey League no Scotiabank Arena de Toronto. Como parte do evento disputouse o Canadian Tire PWHL 3-on-3 Showcase, un partido de 20 minutos entre dous equipos coas xogadoras das seis franquías da liga. O equipo de Ottawa estivo representado por catro xogadoras: Brianne Jenner, Emily Clark, Emerance Maschmeyer e Savannah Harmon.

O 6 de febreiro anunciouse que se xogarían dous partidos da PWHL en campos neutrais nas cidades de Detroit e Pittsburgh os días 16 e 17 de marzo dentro do chamado PWHL Takeover Weekend. Ottawa foi un dos catro equipos participantes na xira e disputou o seu encontro no Little Caesars Arena de Detroit o 16 de marzo fronte a Boston. Finalmente o equipo estadounidense levouse a vitoria nos shootouts nun encontro presenciado por 13 736 persoas, o que supuxo o mellor rexistro de asisntencia a un partido profesional feminino de hóckey sobre xeo nos Estados Unidos.

Ottawa acabou a liga regular sen clasificarse para os play-offs na tempada inaugural da PWHL, quedando sen opcións logo da derrota por 5-2 ante Toronto no último partido da tempada. A pesar de non clasificarse para as series, Ottawa liderou a PHWL en audiencia durante a súa tempada inaugural. O resultado final de Ottawa significou que se lle outorgase ao equipo a segunda elección xeral no draft de 2024.

Primeira clasificación para os play offs e as finais miniatura|250px|Emily Clark (de branco) durante un partido fronte a Minnesota Frost o 21 de xaneiro de 2025. No verán, o Ottawa Charge reforzouse coa elección no draft da xogadora canadense Danielle Serdachny (seleccionada na segunda posición) e a finlandesa Ronja Savolainen, escollida na segunda rolda na oitava posición total.

O Ottawa Charge comezou a tempada 2024–25 cunha visita ao Place Bell de Laval fronte o Montreal Victoire o 30 de novembro de 2024. O primeiro partido da liga regular decidiuse nos shootouts a favor do equipo local (4-3). O equipo de Ottawa pasou a maior parte da liga regular fóra dos catro primeiros postos que daban acceso aos play-offs. Logo do parón da liga polos compromisos internacionais do mes de febreiro, o equipo mellorou o seu xogo, o que o levou a un rexistro de 7-2-2-4 cunha media de 2,93 goles por partido, fronte os 1,8 goles que promediaba antes de febreiro e que eran o peor rexistro da liga. As xogadoras do Charge chegaron ás últimas xornadas dependendo de si mesmas para clasificarse para as series pola Walter Cup, e no penúltimo partido da tempada fronte a Minnesota Frost precisaban unha vitoria para sacar seis ou sete puntos de vantaxe fronte as estadounidenses e asegurar a presenza nas series, mais a derrota (3-0) obrigou ás xogadoras de Carla MacLeod a conseguir unha vitoria no último partido da tempada fronte ás Toronto Sceptres, ou a esperar unha vitoria de Minnesota fronte a Boston.

O 3 de maio as Ottawa Charge conseguiron clasificarse por primeira vez na súa historia para os play-offs da PWHL logo de derrotar as Toronto Sceptres (1-2) cun gol na prórroga da xogadora checa Kateřina Mrázová no Coca-Cola Coliseum de Toronto. O equipo da capital canadense dependía de si mesmo para conseguir a clasificación para as series, tendo que conseguir unha vitoria. A vitoria do Minnesota Frost fronte o Boston Fleet levaron o Charge ata a terceira posición da táboa.

Como primeiro clasificado da liga regular, Montreal escolleu o seu rival nas semifinais da liga, seleccionando o Ottawa Carge, ante o que conseguiran un rexistro favorable de 3–1–0–2 na liga regular. Con todo, o equipo capitalino levouse a vitoria no primeiro partido da serie disputado na casa das Victoire (2-3) grazas ao gol de Shiann Darkangelo no minuto 9:17 de último terzo, engadíndolles presión ás xogadoras do equipo quebequés, máximo favorito a alzar a Walter Cup.

O segundo partido da serie estivo marcado pola igualdade. Ottawa remontou o 2-0 inicial das quebequesas nos último cinco minutos do encontro, anotando Jenner o gol do empate a tan só 41,8 segundos do final do tempo regulamentario. Ambos equipos disputaron de situacións de superioridade de 5 contra 3 na primeira prórroga, mais ningún puido anotar. Houbo que esperar ao minuto 15:33 da cuarta prórroga, cando Catherine Dubois bateu a porteira de Ottawa, Gwyneth Philips, para deixar a vitoria na casa e igualar a eliminatoria. Ambos equipos xogaron un total de 135:33 minutos que converteron o partido no máis longo da histria da PWHL e o segundo partido máis longo da historia do hóckey profesional en Montreal, só superado pola derrota dos Montreal Maroons en seis prórrogas fronte os Detroit Red Wings nos play-offs da Stanley Cup de 1936 e que se prolongou 176:30 minutos. miniatura|esquerda|250px|O papel destacado da porteira Gwyneth Philips levouna a ser nomeada MVP dos play-offs a pesar da derrota nas finais fronte ás Minnesota Frost.