Emilio Quiroga Losada, nado en Pontevedra o 9 de xaneiro de 1894 e finado na mesma cidade o 19 de outubro de 1974, foi un arquitecto galego que traballou na súa vila natal e en Galicia.
Traxectoria Foi fillo de José Quiroga Hermida e de Pilar Losada Vázquez. Tivo catro irmáns, entre os que destacou o famoso violinista Manuel Quiroga Losada.
Estudou arquitectura na Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid, na que terminou a carreira en xuño de 1931. Ese ano volveu a Pontevedra, cidade na que obtivo por concurso o posto de arquitecto municipal que estaba sen ocupar e na que formou parte da Comisión Provincial de Monumentos co arquitecto Juan Argenti Navajas.
Na súa primeira etapa profesional realizou múltiples obras en Pontevedra. En 1932 reformou os antigos aseos públicos subterráneos anexos á Casa consistorial de Pontevedra na Praza de España. En 1934 deseñou o edificio da Xunta de Protección de Menores na estrada de Vigo.
En 1943 deseñou a casa de Valentín Muiños, edificio sito fronte a Villa Pilar e facendo esquina entre as rúas Xeneral Gutiérrez Mellado e Marqués de Riestra, que foi no seu momento o máis alto da cidade.
Entre os edificios singulares nos que deixou a súa pegada en Pontevedra, proxectou o edificio da Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra inaugurado en 1948 e en 1945 o novo edificio do Mercado de Abastos de Pontevedra no centro histórico da cidade.
En 1965 construíu xunto cos arquitectos Ramón Vázquez Molezún e José de Mata Gorostiaga o edificio sede do Banco do Noroeste na cidade da Coruña.
Deseñou outros edificios na provincia de Pontevedra como o Cine Lalín en 1960 en Lalín, un dos edificios destacados da arquitectura cinematográfica galega, con estética funcional e racionalista.
Ademais de arquitecto era un apaixonado do violoncelo, que tocaba na Orquestra de Cámara de Pontevedra e foi membro activo da Sociedade Filharmónica de Pontevedra, cidade na que tamén foi membro do padroado do Museo de Pontevedra.
Galería de imaxes
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
Emilio Quiroga Losada na páxina web de arquitectura Docomomo Ibérico Edificio del Banco del Noroeste na páxina web Docomomo Ibérico
Categoría:Nados en Pontevedra Categoría:Arquitectos de Galicia do século XX Categoría:Arquitectos de España do século XX Categoría:Finados en 1974 Categoría:Nados en 1894