Maria Eugénia Pedreira Sanches, máis coñecida como Ugia Pedreira e A Pedreira, nada en Vilaronte, Foz, o 10 de febreiro de 1970 é unha cantante galega. O seu repertorio abarca folk, ska, música electrónica, música latina e boleros.

Traxectoria

miniatura|Na sala Nasa en 2007 Naceu no Hospital da Milagrosa (Lugo) e criouse en Vilaronte (Foz) ata os 18 anos en que marchou a Santiago a estudar Psicoloxía na Universidade de Santiago de Compostela.

Recibiu clases de canto con Ramón Bermejo, de pandeireta con Felisa Segade, achegouse á danza contemporánea da man de Mercé de Rande, e ao teatro con Cristina Domínguez e Alfredo Rodriguez. Impartiu aulas de pandeireta, canto tradicional e pedagoxía musical.

Comezou sendo coñecida na música galega polos tres discos editados co seu grupo de folk, Chouteira (voz solista desde 1993) co que conseguiu varios premios, e polas súas constantes colaboracións e heteroxéneas creacións.

Desde os anos 90 tivo presenza constante na música rock galega da man de tres grandes bandas: Xenreira, Nen@s da Revolta, a Matraca Perversa, e despois volveu aparecer co novo proxecto de Marcos Payno, Galegoz.

Creou no ano 2000 o Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín (CMTF) e, desde aquela dirixiu este centro referencia do folk en Galiza xunto á asociación paralela do CMTF que realizou encontros internacionais entre creadores, intercambios, intensivos, e monográficos. Tamén deseñou innovadores proxectos curriculares de centro e aula para a música feita en Galiza, escritos pedagóxicos e filosóficos en relación co ensino para nenos e adultos. No ano 2008, o CMTF de Lalín transformouse en aCentral Folque, no Centro Galego de Música Popular e instaláronse en Santiago de Compostela. Posteriormente, aCentral Folque tanto como asociación e empresa chegou a estar formada por 22 traballadores da cultura musical galega. Neste centro naceron proxectos como Nordestinas, Marful, Ecléctica Ensemble e despois un dúo musical con Óscar Fernández (os Cempés, Bonovo). Traballos: zanfona electroacústica e voz, romances tradicionais e composicións actuais.

No verán de 2010 saíu a súa primeira obra asinada en solitario: un libro-cd de poemas e cancións Noente Paradise (Através Editora, 2010).

En 2014 deixou temporalmente os escenarios.

O tema Tris tras, composto en 2000 e gravado en 2006 por Ugia Pedreira con Marful, foi elixido pola cantante Sabela para interpretar no concurso Operación triunfo de TVE en 2018.

No 2019 publicou con Pierrot Rougier o libro-disco, en A comuna do barruzo. O traballo con textos en galego de Asturias, foi editado por aCentral Folque.

En abril de 2022 publicou o seu primeiro disco en solitario: Segmento Cantábrico. Un traballo que trata de sinalar a relación histórica entre os pobos e tribos da beira do mar Cantábrico.

Proxectos Creou un programa na Radio Galega chamado Tres peixes voando sobre música de autor de todo o mundo en calquera xénero, xunto con Xabier Díaz e Guillerme Fernández (de Berrogüetto). Eles tres tocaron en xuño do 2007 por vez primeira no Gran Teatro da Habana na Sala Lecuona e presentaron a música galega aos medios de comunicación da illa como parte do Departamento de Internacionalización da Música que tiña o goberno bipartito. Abandonou o programa e a sección musical chamada "Folla de Ruta" na Radio galega no 2009 ao mesmo tempo que Xurxo Souto. O Musical Dillei co actor Carlos Blanco e a agrupación Ecléctica Ensemble. Colaborou con Eliseo Parra. Autora dos coros do espectáculo de Antón Reixa Galicia Babie, colaborando con xente como Fermin Muguruza, Julián Hernández, Mercedes Peón, Amparanoia, Rui Reirinho ou Karen Matheson (cantante de Capercaille). Acadou ese papel mercede a Kaki Arkarazo, director da banda Suevia que musicaba o espectáculo. Fixo a versión de Gracias a la vida de Violeta Parra para o grupo de ska italiano Banda Bassotti, colaborando na presentación deste disco en Roma. Participou no espectáculo feminino galego Son delas con Mercedes Peón, Uxía e Rosa Cedrón. Participou no segundo disco de Susana Seivane e no de Os Cempés Circo Montecuruto. Compuxo a música para a exposición Narracións do escultor galego Caxigueiro. Compuxo a música para a curtametraxe de Alex Sampayo Bobo Furcia. En 1995 fixo a canción orixinal e espazo sonoro para a primeira obra de danza contemporánea galega Laradas da Compañía Doble Xiro. Compuxo o espazo sonoro das obras teatrais o Canto do Dime-dime, O Tío Vania da Compañía Factoría Teatro (coa que foi nomeada para o Premio María Casares á mellor música orixinal no 2006). Creou a música para a exposición Xógaras do xoieiro lugués Miguel Caamaño. Con Marcos Paino ten construído cancións para Galegoz e a Matraca Perversa. Xunto a P. Pascual compuxo a música para a obra Os homes só contan até tres de Antón Lopo, Premio Álvaro Cunqueiro de teatro, e nomeada para o María Casares. Cristina Domínguez (que foi directora do Centro Dramático Galego) ten dirixido actoralmente a Ugia no musical O Señor BOm-bom coa música do seu proxecto máis persoal: Marful. En abril de 2005 estreou a música do trío Nordestin@s, sobre cancións mariñeiras do Norte da Galiza con Guadi Galego (Berrogüetto) e o pianista de jazz Abe Rábade e as súas propias composicións. Este disco recibiu o 1º premio La Opinión de música folk galega no 2007, sendo gravado en directo no Teatro Principal de Compostela en setembro do 2006. En 2005 coordinou o espectáculo colectivo Ao pé da letra (producido por Nordesia), composto por sete grupos da vangarda musical galega (entre eles o seu, Marful) que teñen como eixo central a palabra chea de contidos, un escaparate dos artistas actuais que abandeiran a canción galega de máxima actualidade apoiado en escena por Jorge Drexler na actuación de Vigo. No Nadal do 2006 compartiu escenario no Pazo da Cultura de Pontevedra na produción Cantos da Maré sobre linguas lusófonas cantando con Dulce Pontes, Uxía, Amelia Muge e Eneida Marcos. O 16 de xuño do 2006 presentou o seu primeiro disco con Marful (grupo do que é voz e fundadora) no ciclo Sons da Diversidade de Compostela diante de 1000 persoas. Marful (nome do seu avó emigrado a Cuba) converteuse nun dos discos de culto da música galega, e cunha discográfica pequena e independente venderon nun ano 5000 copias. O selo é Producciones Efímeras do músico Germán Díaz, co que Marful comparte grande amizade persoal e musical. O disco de Marful foi considerado por votación popular o mellor Disco do Ano 2006 segundo a Radio Galega. Marful tocou en tódolos teatros importantes e festivais de world music galego con boa acollida por parte do público e da crítica. En setembro de 2007 comezou a compor o espazo sonoro para a obra Regreso ó deserto de Koltès co Centro Dramático Galego. En outubro do 2007 representou a Galiza no Festival Womex en Sevilla. No ano 2007 saíu o disco de Ecléctica Ensemble (Dillei) onde cantou e compuxo xunto con Nacho Muñoz (produtor de Mercedes Peón, algún disco de Xosé Manuel Budiño, compositor da Ópera Off) e Ramom Piñeiro (director de Ouvirmos S.L.) e o técnico de son Xurxo Piñeiro (técnico da Sala Nasa de Compostela). Tamén gravou un disco vinilo de música electrónica e tradicional con Nacho Muñoz que tivo inumerábeis descargas durante un ano na China. Editou un disco co brasileiro Fred Martins de cancións galegas e brasileiras compostas polos dous e presentado en S. Paulo e en varias cidades europeas. Compartiu un proxecto de recital poetico-musical con Marina Oural Villapol. Con ela abriu a Oficina Galega doutros Asuntos do Movimento para traballar sobre arte e saúde tamén desde a diversidade funcional e artística. Elas deseñaron a programación da MariñaMov en Ribadeo anuando Feldendrais (ABM), improvisación, diversidade artística e funcional. En outubro do 2015 xunto a Pierrot Rougier iniciaron O Coro da Mariña con 40 persoas da comarca dedicado fundamentalmente a cantos do mar do mundo e en febreiro do 2016 comezou a dar as súas primeiras aulas de improvisación arredor da pandeireta na antiga escola indiana de Rinlo onde tamén ensaiou o coro. En 2018 impulsou o libro-disco A Comuna del Barruzo, primeiro cantado na Fala, en galego-asturiano, que reivindica a cultura do Eo-Navia. Para iso, ela e o seu compañeiro bretón Pierrot Rougier compuxeron dez cancións, algunhas con letras de poetas do lugar como Héctor Acebo, Quique Roxíos, Belén Rico e Arturo Álvarez. De 2018 é tamén o proxecto Enredadas. Coplas e alalás: "o jazz flamenco de Martirio, a voz atlántica de Uxía, a forza aragonesa de Carmen París e a orixinalidade poética de Ugia Pedreira reúnense para celebraren a madurez artística de catro mulleres que reinventaron e revolucionaron estes xéneros".

Obra literaria Poesía Noente paradise (2010). Através Editora. ISBN 978-84-87305-39-9.

Obras colectivas Polifonías: voces poéticas contra a violencia de xénero (2006). Espiral Maior/Xunta de Galicia. ISBN 84-96475-23-9. A cidade na poesía galega do século XXI (2012). Toxosoutos.

Premios 2022: Premio da Crítica de Galicia.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas "O día despois do último concerto tiven medo mais logo veu alegría" , Sermos Galiza, 17/10/2014. "Ugia Pedreira: “Deixar morrer un idioma é como intoxicar cerebros. Moita xente quere que se manteña o eo-naviego e aí me tocou estar agora”" Praza.gal (14/12/2018). "Repasamos a traxectoria de Ugía Pedreira, autora da canción de Sabela en OT". TVG. 26/12/2018. Rosalía de Castro-Ugia Pedreira: "Que pasa arredor de min" (2019) YouTube.

Categoría:Músicos de Galicia Categoría:Cantantes de Galicia Categoría:Nados en Foz Categoría:Nados en 1970 Categoría:Cantantes en lingua galega