As Celtas é un equipo de fútbol da cidade de Vigo. Constitúe a sección feminina do Real Club Celta de Vigo. Na tempada 2026-27 compite na Segunda Federación, a terceira categoría nacional, e o seu terreo de xogo é a Cidade Deportiva Afouteza.

Historia O 7 de maio de 2024 o RC Celta anunciou nun acto na cidade deportiva da Madroa a creación da sección feminina do equipo. O nome escollido para a escuadra feminina foi As Celtas. O equipo xurdiu da fusión coa Unión Deportiva Mos, que nesa tempada xogaba na Terceira Federación feminina. Ao acto acudiu o cadro de xogadores do Celta, incluído o adestrador, Claudio Giráldez, e os directivos. Tamén acudiron, en representación oficial, diferentes cargos da Xunta de Galicia, entre eles o Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo; e o Secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa. Tamén estivo presente o presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán.

No acto repartíronse camisolas conmemorativas e posteriormente houbo varias actuacións de artistas galegos: Lil Kids e EME DJ. Ademais, leuse un manifesto coas bases e o espírito do equipo feminino.

Primeira tempada: comezos e ascenso

A tempada 2024-25 foi a primeira da historia da sección feminina do club, onde competiu na Terceira Federación, a cuarta categoría do fútbol feminino español. O 7 de setembro de 2024 disputouse o primeiro partido oficial de As Celtas, nun enfrontamento en Balaídos ante o Victoria FC, nun encontro ao que asistiron 6500 persoas e que finalizou cunha vitoria local por 2 goles a 0. O primeiro gol da historia do equipo foi anotado por Camila Pescatore. As Celtas finalizaron a tempada en segunda posición, só por detrás do Deportivo B feminino, o que lle deu o ascenso directo á Segunda Federación.

Segunda tempada Na súa segunda tempada, As Celtas competiu no grupo primeiro da Segunda Federación. Finalizou en terceira posición da fase regular, por detrás dos filiais de Athletic Club e Real Sociedade, quedando fóra dos postos de acceso á promoción de ascenso á Primeira Federación. As expectativas frustradas do ascenso, sumado ao non ascenso do filial, As Celtas Sporting, malia terminar primeiras no seu grupo da Terceira Federación, trouxo consigo a destitución de Vicky Vázquez, que pasou a dirixir o filial feminino celeste. Por outra banda, o adestrador David Ferreiro, artífice do campionato do filial celeste na Terceira División, pasou a dirixir o primeiro equipo, nun cambio de roles entre primeiro equipo e filial.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos El Olivo FF Centenario do Celta de Vigo Balaídos CF

Categoría:Equipos de fútbol feminino de Galicia